Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2002 Páx. 5.659

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Compostela.

Visto o texto dos estatutos que rexerán a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Compostela, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 137 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguindo os trámites de:

Primeiro.-O proxecto de estatutos foi elaborado pola asemblea de concelleiros dos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra.

Segundo.-Con data do 9 de agosto de 2001, a Deputación Provincial da Coruña solicitou informe relativo ó citado proxecto de estatutos.

Terceiro.-Segundo certificacións das secretarías dos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, o proxecto de estatutos foi exposto a información pública durante o prazo dun mes, mediante edictos nos taboleiros dos concellos, así como no BOP da Coruña (BOP nº 182, do 9 de agosto de 2002) e no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 161, do 21 de agosto de 2002), sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 28 de novembro de 2001, a Dirección Xeral de Administración Local informou do contido do proxecto de estatutos.

Quinto.-O presidente da Comisión Xestora remitiu, con data de entrada nesta consellería do 4 de abril de 2002, certificacións dos acordos dos concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra de aprobación definitiva dos estatutos para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, esta Dirección Xeral de Administración Local.

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Compostela no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 141.2º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2002.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Estatutos da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Compostela

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no seu capítulo II, artigo 135, establece que os municipios da Comunidade Autónoma de Galicia terán dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación en común, de obras, servicios ou actividades da súa competencia e, na súa consecuencia, os concellos comprendidos no ámbito da actuación da comarca de Compostela, deciden a constitución dunha mancomunidade de municipios de acordo cos seguintes estatutos:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

Os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Santiago de Compostela, Teo, Val de Dubra e Vedra, que integran a Comarca de Compostela, ó amparo do disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, no R.D.L. 781/1986 texto refundido de réxime local, R.D.L. 2568/1986, do 28 de novembro e Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración

local de Galicia, acordan constituír unha entidade local supramunicipal baixo a denominación de Mancomunidade de Municipios da Comarca de Compostela e con arreglo aos presentes estatutos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

1. O ámbito territorial da mancomunidade é a comarca de Compostela e abarca os termos municipais dos concellos que a integran.

2. Para a incorporación de novos municipios procederase de acordo coa disposición adicional primeira.

Artigo 3º.-Duración.

A mancomunidade constitúese por un prazo indefinido sen prexuízo do previsto nestes estatutos sobre a disolución da mancomunidade.

Artigo 4º.-Sede social.

A sede social da mancomunidade, onde radican os seus órganos de goberno, establécese na cidade de Santiago de Compostela, nas dependencias municipais do Pazo de Raxoi, sen prexuízo de que, por razóns de economía e eficacia, os distintos servicios poidan situarse nos diferentes termos municipais que a compoñen.

Artigo 5º.-Personalidade xurídica.

1. Para o cumprimento dos seus fins, a mancomunidade terá plena capacidade xurídica con suxeición, na súa actuación, ás leis, en particular nos termos recoñecidos pola lexislación de réxime local. En consecuencia, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; celebrar contratos, establecer e explotar obras e servicios públicos, obrigarse e interpoñer os recursos e exercita-las accións que lle concedan as disposicións legais vixentes.

2. Asemade ten capacidade para asociarse con outras entidades locais para o mellor cumprimento dos seus fins, constituíndo incluso calquera outro ente xurídico que sexa necesario para tales efectos.

Capítulo II

Obxecto e fins da mancomunidade

Artigo 6º.-Finalidades.

A mancomunidade terá como fins a execución de obras e a prestación parcial ou integral de servicios e actividades do seu interese e competencia, xa sexa como consecuencia da posta en común das competencias dos municipios asociados ou ben aquelas que lle sexan delegadas ou encomendadas por outras administracións públicas.

1. Entre outros a mancomunidade poderá asumi-las seguintes finalidades:

* Protección civil e prevención e extinción de incendios.

* Abastecemento de auga potable, saneamento e depuración.

* Recollida, transporte e tratamento de residuos sólidos urbanos, industriais e sanitarios.

* Transporte público.

* Desenvolvemento dos servicios sociais.

* Servicios de atención á muller.

* Prevención da drogadicción, asistencia e reinserción dos toxicómanos.

* Protección do medio natural.

* Coordenación da planificación urbanística.

* Programación cultural e normalización lingüística.

* Plans e programas de promoción económica, social ou de emprego.

1. Para a realización dos ditos fins, os acordos e resolucións que adopten os órganos de goberno da mancomunidade obrigarán tanto os concellos asociados como as persoas físicas e xurídicas a quen poidan afectar, non obstante a mera integración na mancomunidade non supón para cada concello a participación nos servicios ou accións mancomunadas que poidan crearse; precisándose un acordo específico dos concellos en cada caso.

2. A mancomunidade poderá desenvolver adicionalmente aqueloutras competencias que lle sexan delegadas ou encomendadas por outras administracións públicas, nos termos previstos na lei.

Capítulo III

Órganos de goberno

Artigo 7º.-Órganos de goberno.

O goberno e a administración da mancomunidade estará a cargo dos seguintes órganos:

* Pleno da mancomunidade.

* A presidencia.

* Dous vicepresidentes.

* Consello de goberno.

Artigo 8º.-O Pleno da mancomunidade.

1. O Pleno da mancomunidade estará formado polos alcaldes dos respectivos concellos mancomunados. Ademais, polo Concello de Santiago de Compostela formará parte del, con voz e sen voto, un concelleiro designado polo Pleno.

2. Cada corporación municipal contará cun número de votos proporcional ó número de habitantes do seu concello a teor da seguinte escala:

Ata 5.000 habitantes: 2 votos.

De 5.001 a 10.000 habitantes: 4 votos.

De 10.001 a 20.000 habitantes: 8 votos.

De 20.001 a 50.000 habitantes: 16 votos.

De 50.001 a 100.000 habitantes: 32 votos.

Máis de 100.000 habitantes: 50 votos.

A determinación do número de habitantes realizarase de acordo co número de habitantes de dereito e coa última rectificación padroal.

Artigo 9º.-Competencias do Pleno.

Corresponde ó Pleno da mancomunidade as seguintes competencias:

a) Os acordos relativos á integración dos municipios na mancomunidade e á súa exclusión.

b) A modificación dos presentes estatutos.

c) Aproba-los orzamentos ordinarios e as contas da mancomunidade.

d) Aproba-lo cadro de persoal, catálogo de postos de traballo e retribucións do persoal.

e) Exercer cantas accións entenda necesarias na defensa e protección dos dereitos da mancomunidade.

f) Aproba-lo patrimonio da mancomunidade así como as adquisicións ou alleamento deste.

g) Aprobación das ordenanzas e dos regulamentos.

h) A aprobación das liquidacións dos orzamentos e a censura das contas.

i) Todas aquelas que a vixente lexislación local atribúa ó Pleno dos concellos para o cumprimento das súas finalidades nas materias que estes teñan delegadas na mancomunidade.

Artigo 10º.-Sesións.

1. O Pleno funcionará en réxime de sesións ordinarias e extraordinarias, as cales poderán ser ademais urxentes.

2. O Pleno celebrará xuntanza ordinaria cada tres meses e extraordinaria cando o decida o presidente ou sexa solicitada alomenos por dous concellos que pertencen á mancomunidade ou un cuarto dos votos representados no Pleno.

3. As sesións plenarias terán que convocarse, cando menos, con dous días hábiles de anticipación, excepto nos casos das convocatorias urxentes, esta apreciación terá que ser ratificada polo Pleno.

Artigo 11º.-Réxime de funcionamento.

1. As xuntanzas do Pleno convocaranse de acordo co establecido na lexislación vixente en materia de réxime local. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día terá que estar á disposición dos seus membros desde o mesmo día da convocatoria na secretaría da mancomunidade.

2. O Pleno constitúese validamente cos representantes que sumen unha terceira parte do número legal de votos, sempre e cando estean representados alomenos tres concellos. O citado quorum deberá de manterse durante o transcurso de toda a sesión.

3. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario da mancomunidade ou dos que legalmente os substitúan.

4. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple do número de votos que teñan os representantes presentes, entendéndose por maioría simple cando os votos afirmativos sexan máis que os negativos.

5. É necesario o voto favorable da maioría absoluta do número legal de votos representados e, en todo caso, o voto favorable de alomenos tres concellos para a válida adopción de acordos nas seguintes materias:

a) Proposta de modificación dos estatutos que, en todo caso, deberá axustarse ó disposto no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia ou normas que o substitúan.

b) Aprobación dos orzamentos e contas da mancomunidade.

c) Aprobación das ordenanzas e taxas de carácter xeral que afecten ós usuarios dos servicios.

d) Aprobación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo da mancomunidade.

e) Aprobación da concertación de créditos que non sexan de tesourería.

6. A adopción de acordos producirase mediante votación ordinaria excepto que o propio Pleno acorde, para un caso concreto, votación nominal. O voto pode ser emitido en sentido afirmativo ou negativo e os membros poden absterse de votar.

No caso de votacións co resultado de empate, efectuarase unha nova votación e se o empate se mantivera, decidirá o voto de calidade do presidente.

7. Con carácter xeral os acordos adoptaranse polo procedemento previsto nos epígrafes 4 e 5 salvo que algún dos concellos queira exerce-lo dereito de veto. Para que prospere, deberase repeti-la votación, suspendéndose a adopción do acordo en caso de que alomenos un tercio dos concellos ou ben un tercio dos votos representados voten de xeito negativo.

Artigo 12º.-Lugar e forma.

As sesións do Pleno celebraranse ordinariamente na sede da mancomunidade, excepto nos casos en que así se acorde especificamente que poderán celebrarse en calquera outra dependencia municipal dos concellos que integran a mancomunidade.

O secretario do Pleno, que será o secretario da mancomunidade, levantará acta de cada sesión.

Artigo 13º.-O presidente.

A presidencia da mancomunidade corresponderalle ó alcalde do Concello de Santiago de Compostela.

Artigo 14º.-Os vicepresidentes.

Establécense dúas vicepresidencias.

As vicepresidencias serán desempeñadas con carácter rotatorio durante un ano polos alcaldes presidentes dos concellos, segundo orde alfabética destes.

Correspóndelles ós vicepresidentes a asistencia ó presidente e a substitución deste nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 15º.-Competencias do presidente.

Son competencias do presidente:

a) Representa-la mancomunidade.

b) Dirixi-lo goberno e a administración da mancomunidade.

c) Convocar, presidir e dirixi-las sesións do Pleno da mancomunidade.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servicios, obras e actividades da mancomunidade.

e) Ordenar pagamentos, rendir contas e administra-los fondos e bens da mancomunidade.

f) Rendir anualmente as contas de administración do Patrimonio.

g) Dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia que serán os establecidos nas bases de execución do orzamento.

h) Exerce-la dirección do persoal da mancomunidade.

i) Elabora-lo proxecto de orzamentos da mancomunidade.

j) Outorgar poderes a procuradores para poder comparecer en xuízos ou fóra deles.

k) Visar, coa súa sinatura, as certificacións que se expidan dos actos e documentos da mancomunidade.

l) Exercer tódalas accións que sexan necesarias para o bo funcionamento da mancomunidade.

m) Todas aqueloutras que a normativa de réxime local lle atribúe ó alcalde, para o cumprimento das súas competencias, seranlle aplicables ó presidente.

Artigo 16º.-Consello de goberno.

Poderá constituírse un consello formado polo presidente e vicepresidentes.

Correspóndenlle ó Consello de Goberno as atribucións que a Presidencia ou o Pleno da mancomunidade lle delegue e todas aquelaoutras que a vixente normativa de réxime local non atribúa expresamente ós demais órganos de goberno.

Capítulo IV

Organización e persoal

Artigo 17º.-Comisións informativas e comisións técnicas.

1. Polo Pleno da mancomunidade poderán ser constituídas comisións informativas, as cales terán por misión propoñer ó propio Pleno ou ó presidente, aqueles asuntos que lle sexan encomendados no marco das competencias de cada un destes órganos de goberno.

Tamén informarán preceptivamente de tódolos asuntos que teñan que ser tratados no Pleno.

As comisións informativas serán creadas polo Pleno da mancomunidade e tamén esta decidirá a súa composición, competencias e funcionamento.

2. Con carácter estatutario créase a comisión de contas, que se reunirá unha vez ó ano e antes do 1º de xuño, co fin de examina-las contas xerais dos orzamentos e as contas do patrimonio.

3. Así mesmo, poderán constituírse aquelas comisións técnicas que a Presidencia, Consello do Goberno ou o Pleno da mancomunidade estimen oportunas.

Artigo 18º.-Funcionarios con habilitación de carácter nacional.

A mancomunidade disporá, entre outro, do seguinte persoal funcionario con habilitación de carácter nacional: secretario, interventor de fondos e tesoureiro.

As funcións públicas de secretaría, intervención e tesourería que comprenden a fe pública e o asesoramento legal preceptivo, así como o control, fiscalización, intervención na xestión económico-financeira e orzamentaria, e a contabilidade, tesourería e recadación, mentres non sexan cubertas por algúns dos sistemas legalmente admitidos, poderán ser exercidas por funcionarios con habilitación nacional que desenvolvan a súa función no concello que teña a Presidencia.

Artigo 19º.-Persoal.

1. Poderá crearse o posto de traballo de xerente da mancomunidade como persoal eventual, que terá a xefatura dos servicios administrativos da mancomunidade, sen prexuízo das atribucións dos funcionarios con habilitación de carácter nacional, e aquelas atribucións que lle encomenden os órganos de goberno.

2. O Pleno da mancomunidade poderá establecer postos de traballo de directores de servicios cando o estime oportuno para os servicios asumidos e xestionados pola mancomunidade.

3. O resto do persoal da mancomunidade será seleccionado mediante os sistemas de oposición, concurso ou concurso-oposición, respectando en todo momento os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.

4. Ata que non se cubran as prazas previstas, estas poderán ser ocupadas interinamente polas persoas que, respectando os principios mencionados no parágrafo anterior, sexan oportunamente seleccionadas. Igualmente, as prazas previstas poderán ser ocupadas por persoal das distintas administracións públicas en réxime de comisión de servicios.

5. A mancomunidade poderá contratar persoal con carácter laboral respectando os principios de publicidade, mérito e capacidade.

Capítulo V

Réxime xurídico e procedemental

Artigo 20º.-Réxime xurídico.

O funcionamento dos órganos de goberno e administración, o procedemento e o réxime xurídico da mancomunidade axeitaranse ó disposto na vixente lexislación local no que non sexa incompatible coa propia natureza institucional da mancomunidade, no que non está previsto expresamente nos presentes estatutos haberá que aterse ó disposto na lexislación de réxime local.

Artigo 21º.-Efectos dos acordos.

1. Os acordos adoptados polos órganos de goberno e administración da mancomunidade de carácter ordinario, e sempre que se trate do cumprimento dos fins asumidos por esta, vencellarán os municipios mancomunados.

2. No terá carácter de acordo ordinario, e esixirá a ratificación expresa de cada un dos concellos mancomunados e en todo caso, co quorum establecido para a maioría absoluta, o asunto mencionado na letra a, do punto 5, do artigo 11º dos presentes estatutos.

3. Calquera municipio por si mesmo ou agrupado con outros poderá poñer en marcha programas específicos dos previstos no artigo 6º, cando a mancomunidade non o estime oportuno ou renuncie a facelo.

Capítulo VI

Facenda e réxime económico

Artigo 22º.-Orzamentos.

1. A mancomunidade aprobará anualmente un orzamento que se axustará en canto á súa estructura e normas de formación ás aplicables con carácter xeral ás entidades locais.

2. No estado de gastos do orzamento figurarán os créditos necesarios para facer fronte ós gastos xerados pola prestación dos servicios. Todo servicio mancomunado será desagregado convenientemente co fin de coñece-lo seu custo.

3. O estado de ingresos conterá a previsión dos recursos económicos explicitados no artigo 23º dos presentes estatutos. As bases de execución do orzamento desenvolverán as disposicións necesarias, de acordo coa lei, para unha xestión orzamentaria eficaz.

Artigo 23º.-Facenda.

A Facenda da mancomunidade rexerase polo previsto na normativa vixente e en especial no previsto na Lei reguladora de facendas locais e estará constituída polos seguintes recursos:

a) Productos do seu patrimonio.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) Taxas pola prestación de servicios ou a realización de actividades da súa competencia.

d) Contribucións especiais pola execución de obras ou polo establecemento e mellora ou ampliación de servicios que sexan competencia da mancomunidade.

e) Os recursos extraordinarios tales como empréstitos, préstamos e outros análogos que acorde o Pleno da mancomunidade.

f) Multas.

g) As achegas dos concellos mancomunados.

h) Calquera outro recurso que se estableza a favor das mancomunidades por disposicións legais que se dicten.

Artigo 24º.-Imposición de dereitos e taxas.

1. Para a imposición, exacción, liquidación e cobramento dos recursos enumerados no artigo 23º, a mancomunidade, aprobará as ordenanzas fiscais correspondentes ós diferentes servicios, tendo as mencionadas ordenanzas, poder de obriga para tódolos concellos integrantes, unha vez aprobadas.

2. En todo servicio prestado pola mancomunidade, débese procura-lo autofinanciamento e a progresiva absorción dos custos de amortización, funcionamento e mantemento, incluída a participación nos gastos xerais que lle fosen imputables.

3. Corresponderá ós concellos facilitarlle á mancomunidade toda a información necesaria para a formación de padróns, altas, baixas e demais modificacións que se refiran ós contribuíntes afectados polos diferentes servicios que constitúan as finalidades reguladas en artigos precedentes.

4. A mancomunidade poderá en todo momento, polos seus propios medios, verifica-la exactitude dos datos ós que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 25º.-Achega dos concellos.

1. As achegas dos concellos mancomunados cifraranse para cada exercicio económico do seguinte xeito:

a) Unha cota fixa e obrigatoria, para atender ós gastos xerais dos servicios administrativos e de xestión da mancomunidade. Esta cota será proporcional ó número de votos que a cada concello lle correspondan no Pleno da mancomunidade.

b) Unha cota variable que vai establece-lo Pleno da mancomunidade, logo dos estudios de implantación de cada servicio mancomunado ó que cada concello poderá adscribirse voluntariamente. Para o establecemento desta cota, rexerán os mesmos principios de proporcionalidade que informan estes estatutos. En calquera caso, todo servicio será financiado polos seus usuarios.

1. As achegas dos concellos á mancomunidade teñen a consideración de pagamentos preferentes polos concellos mancomunados, unha vez satisfeitos os relacionados no artigo 168 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.

Cada concello remitirá, unha vez aprobado o seu orzamento, unha certificación á mancomunidade, acreditativa da existencia de consignación neste para facer fronte ó pagamento das obrigas adquiridas cara a esta.

3. As achegas económicas dos concellos realizaranse do xeito e nos prazos que fixe expresamente o Pleno da mancomunidade. No suposto de que algún concello se retrase no aboamento da cota máis alá de dous trimestres sobre o devandito prazo, o presidente da mancomunidade poderá dirixirse á Comunidade Autónoma solicitando a retención dos fondos do municipio debedor e o ingreso na facenda da mancomunidade.

Artigo 26º.-Patrimonio.

O patrimonio da mancomunidade estará integrado por toda clase de bens e accións que lexitimamente adquira, tanto no momento da súa constitución como posteriormente.

Para estes fins e efectos, formarase un inventario de conformidade co disposto polo Regulamento de bens das corporacións locais.

Capítulo VII

Separación de membros e disolución

Artigo 27º.-Separación de membros.

1. Para a separación voluntaria da mancomunidade de calquera dos concellos que a integren, será necesario:

a) Que así o solicite a corporación do concello interesado, logo de acordo adoptado pola maioría absoluta do seu Pleno municipal.

b) Que se atope ó corrente de pagamento das súas achegas.

c) Que aboe tódo-los gastos que se produzan con motivo da súa separación e dos servicios que estaba a utilizar ata remata-lo exercicio económico.

1. A separación dunha ou varias corporacións non obrigará o Pleno da mancomunidade a practica-la súa liquidación, quedando o mencionado dereito en suspenso ata o día que quede disolta, data en que entrará ou entrarán a participar na parte alícuota que lle ou lles corresponda na liquidación de bens da mancomunidade.

Tampouco poderán as corporacións separadas alegaren dereitos de propiedade dos bens e servicios da mancomunidade aínda que estes radiquen dentro do seu termo municipal.

Artigo 28º.-Disolución da mancomunidade.

A mancomunidade poderá disolverse por algunha das seguintes causas:

a) Por desviación das finalidades para as que foi creada.

b) Cando así o acorde o Pleno da mancomunidade e os dos concellos mancomunados co voto favorable da maioría absoluta legal dos votos representados en cada caso.

c) Cando pola separación dun ou varios concellos que a integran sexa imposible a súa continuidade.

d) Por disposición legal.

O acordo de disolución determinará o xeito en que se procederá á liquidación da facenda da mancomunidade e á subrogación na proporción que lle corresponda a cada un dos concellos mancomunados nos seus bens, dereitos e obrigas así como o destino que se lle deba dar ó persoal que estivera ó seu servicio.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a incorporación á mancomunidade dun novo membro, será necesaria a previa integración na comarca de Compostela e así mesmo:

a) O voto favorable da maioría absoluta dos membros da corporación do concello interesado.

b) O voto favorable da maioría absoluta dos votos representados polos membros do Pleno da mancomunidade.

A achega inicial dos concellos que se incorporen á mancomunidade virá determinada polo Pleno desta en función dos custos históricos de cada servicio. No referente ás cotas fixas e variables, estes terán idéntico tratamento cós concellos fundacionais.

Segunda.-Para a modificación dos presentes estatutos deberá seguirse o mesmo procedemento e requisitos que os establecidos para a súa aprobación, con observancia, en todo caso, do disposto no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Disposición transitoria

Para a válida adopción dos acordos correspondentes ó Pleno da mancomunidade durante os primeiros catro anos desde a constitución da mancomunidade será preceptiva a ausencia de oposición por parte de ningún concello.

Disposición derradeira

No que corresponde ós aspectos non previstos nos presentes estatutos, será de aplicación o que establece a lexislación de réxime local vixente.