Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 23 de abril de 2002 Páx. 5.616

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. da Moscosa, no concello de Guitiriz. (Expediente 10/2000 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na rúa Cidade de Viveiro, 4, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria

décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1º Ramiro Barral Vázquez que, en síntese, manifesta que a súa parcela non está destinada a monte alto, senón a aproveitamento forestal e que o trazado da liña lle causa graves prexuízos por afectala nunha lonxitude de 51 m lineais.

2º Consuelo Losada Díaz que solicita que se lle faciliten os datos necesarios para a completa identificación dos seus predios, sinalando ademais no plano a zona de afección.

3º Jesús Manuel Rivera Castelo manifesta, en primeiro lugar, a existencia dun erro en canto ós datos sobre a titularidade da parcela nº 17 das afectadas polo trazado da liña, así mesmo solicita unha variación do trazado da liña para o que propón dous trazados alternativos.

4º José Ramón Rivera Rodríguez, que manifesta, en síntese, que no presente expediente non se acreditou a necesaria coordinación coa regulación ambiental e os plans urbanísticos, tampouco se acredita o cumprimento dos artigos 35 e 36 da Lei 54/1997, do sector eléctrico. Así mesmo manifesta que tampouco considera acreditada a observancia do establecido no artigo 54 da devandita lei sobre cumprimento das normas técnicas e de seguridade; por último José Ramón Rivera Rodríguez alega a inexistencia de motivación na notificación practicada. Con base en todo o anterior, solicita que se dea resposta razoada ás alegacións realizadas, que se lle dea traslado de copia do expediente administrativo e que se lle conceda un novo prazo de alegacións trala recepción da documentación solicitada.

5º Jesús Camba Rodríguez, que maniefsta que o trazado proxectado para a liña divide en dúas partes a súa parcela xa que a cruza pola metade e, a consecuencia, quedará inutilizada polo que propón dous trazados alternativos.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1º En canto ó alegado por Ramiro Barral Vázquez, porque por parte da empresa BEGASA, tómase nota do cambio na definición do cultivo demandado polo alegante. Por outra banda os danos ocasionados polo trazado da liña, en caso de que o alegante non chegue a un acordo coa empresa BEGASA, serán obxecto da correspondente indemnización mediante a tramitación do correspondente expediente para a determinación do prezo xusto segundo os procedementos establecidos nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa.

2º Polo que respecta ó manifestado por Consuelo Losada Díez, porque lle foron facilitados os datos necesarios para a identificación das parcelas, indicándolle ademais as zonas de afección.

3º No referente ás alegacións feitas por José Manuel Rivera Castelo, cómpre indicar que a empresa beneficiaria da expropiación tomou nota dos datos por el facilitados en canto á titularidade do predio, por outra banda os trazados alternativos propostos polo alegante non cumpren cos requisitos establecidos no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, por superar en lonxitude, as dúas variacións propostas, o dez por cento de parte da liña afectada pola variación, que segundo o proxecto, transcorre pola súa propiedade; para maior abastanza, este trazado proposto suporía a proximidade do voo da instalación a parcelas pechadas con edificación existente destinada a vivenda polo que debería considerarse o disposto no artigo 25 do mencionado Decreto 2619/1966; ademais as localizacións propostas para o centro de transformación resultan máis desfavorables que a localización proxectada respecto ó seu mantemento, reparación e substitución (todo iso segundo se desprende do informe

elaborado polos servicios técnicos desta delegación).

4º En canto ó manifestado por José Ramón Rivera Rodríguez, cómpre indica-lo seguinte:

a) No referente á necesaria coordinación coa regulación ambiental e os plans urbanísticos, débese indicar que esta instalación eléctrica, polas súas características (ten unha lonxitude e tensión inferior a 15 km e 220 kV respectivamente) non require ser sometida a avaliación de impacto ambiental segundo se establece na disposición adicional duodécima da Lei 54/1997, do sector eléctrico. Ademais o trazado da liña transcorre na súa maior parte por sitios dedicados a pradería e non implica a corta de arborado autóctono, así mesmo, segundo informe realizado polos servicios arqueolóxicos da Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o trazado da liña non fai necesaria a adopción de cautelas arqueolóxicas. Por outra banda, do proxecto de execución da liña que nos ocupa foi trasladada a correspondente separata ó Concello de Guitiriz a quen lle corresponde, en todo caso, o outorgamento da licencia de obra.

b) No referente ó incumprimento que o alegante di existir, dos artigos 35, 36 e 40 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, débese indicar que a liña que nos ocupa ten unha tensión de 20 kV e se integra na rede de distribución e non de transporte polo que non lle son de aplicación os artigos 35 e 36 da devandita lei por estar referidas especificamente á rede de transporte integrada por liñas con tensión igual ou superior ós 220 kV. Polo que respecta ó artigo 40 da Lei 54/1997, este establece a necesidade de autorización administrativa previa para a construcción das instalacións de distribución de enerxía eléctrica, e lonxe de descoñecer esta necesidade de autorización administrativa para esta ins

talación, é precisamente este requisito o que motiva a tramitación do presente expediente con base no procedemento establecido na tan reiterada Lei 54/1997 e nos decretos 2617 e 2619/1966, de aplicación con base no establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria décimo primeiro do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE do 12 de decembro).

c) Polo que respecta o cumprimento das normas técnicas e de seguridade das instalacións eléctricas, débese significar que non é o artigo 54, senón o artigo 51 da Lei 54/1997 o que establece que as instalacións eléctricas deben cumpri-las normas técnicas e de seguridade correspondentes. Neste caso, correspóndelle á Administración, como paso previo á autorización administrativa a súa comprobación. É por iso que o proxecto técnico presentado pola empresa beneficiaria foi obxecto de estudio por parte dos servicios técnicos que emitiron o correspondente informe técnico favorable logo das comprobacións e, se é o caso, correccións que consideraron convenientes.

d) Por último cómpre suliñar que a notificación practicada cumpre con tódolos requisitos establecidos no Decreto 2616/1966, nembargantes déuselle traslado ó alegante da copia da memoria do proxecto e dos plans de planta e perfil nos que se describía a afección da súa parcela para que, con base nesta documentación, puidese efectua-las alegacións que estimase oportunas para o que se lle concedeu un novo prazo tal e como solicitou.

5º En canto ó manifestado por Jesús Camba Rodríguez, porque foi atendida unha das propostas de modificación de trazado realizada por este xa que cumpría cos requisitos establecidos no artigo 26 do Decreto 2619/1966.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. Baamonde-Guitiriz e remate no C.T. proxectado A Moscosa I de 880 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

2. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. proxectada a C.T. da Moscosa I e remate no C.T. proxectado A Moscosa II de 332 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

3. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. Baamonde-Guitiriz e remate no C.T. proxectado de Pontillón de 732 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

4. Centro de transformación aéreo de intemperie A Moscosa I de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

5. Centro de transformación aéreo de intemperie A Moscosa II de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

6. Centro de transformación aéreo de intemperie Pontillón de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

7. Rede de baixa tensión aérea da Moscosa I de 1.000 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

8. Rede de baixa tensión aérea da Moscosa II de 1.550 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

9. Rede de baixa tensión aérea de Pontillón de 1.080 m de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexos, asinados polo enxeñeiro técnico industrial Nicanor Piñeiro Sampedro e visados polo COETI en Lugo con número 270/2000, 270/2000 e 184/2002 en datas 3-2-2000, 2-4-2001 e 25-1-2002, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico de data 6 de febreiro de 2002.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do

18 de marzo, acordo que polo representante da Administración se dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 31 de maio, Diario Oficial de Galicia do 29 de xuño e no BOP de Lugo do 30 de maio de 2001, e expostas no taboleiro de anuncios desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Guitiriz. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 15 de marzo de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo