Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 23 de abril de 2002 Páx. 5.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 9 de abril de 2002 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas a discapacitados e maiores en estado de necesidade en réxime de concorrencia competitiva e se procede á súa convocatoria para o ano 2002.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, nos artigos 50 e 52, recolle a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Asuntos Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Un dos obxectivos da Consellería de Asuntos Sociais céntrase en mellora-la calidade de vida das persoas con discapacidade e maiores mediante actuacións que persigan que poidan acada-las máis altas cotas de autonomía e independencia, así como a súa aspiración de participar na vida económica e social da súa comunidade.

A valoración da dependencia é un fenómeno complexo que presenta diversas dimensións, causas e funcións. A correlación de dependencia nunha persona, inevitablemente leva consigo a intervención tanto na súa realidade física obxectivable e medible, concretada nos termos de reducción de capacidade e tamén sobre a súa realidade social obxectivable, que se traduce na perda de determinados roles e necesidade de axudas.

A presente orde, establece as bases reguladoras da concesión de axudas económicas non periódicas a maiores e persoas con discapacidade en estado de necesidade, acompañadas da convocatoria destas axudas para o ano 2002, de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais das subvencións concedidas pola Administración, normativa á que, en consecuencia, se adapta a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 402/2002, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto establecer na Comunidade Autónoma de Galicia, as bases reguladoras para a concesión de axudas individuais, de carácter non periódico, para persoas con discapacidade e maiores, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas recollidas na presente orde consideraranse subsidiarias de calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade por calquera outro organismo ou Administración pública.

3. Conforme as bases reguladoras, establécese, ademais a convocatoria das ditas axudas para o ano 2002.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Persoas maiores de 65 anos que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou que, estándoo, no lles foran concedidas.

2. Persoas discapacitadas que:

-Cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 620/1981, do 5 de febreiro, sobre o réxime unificado das axudas públicas a diminuídos.

-Estean afectadas por unha minusvalía recoñecida cun grao igual ou superior ó 33%.

-Que a axuda ou servicio que se solicita sexa derivado da súa discapacidade.

-Non supera-los 65 anos.

-Que as necesidades para as que se solicita a axuda no estean incluídas no ámbito doutras liñas de protección social ou que, estándoo, non lles foran concedidas ós que soliciten estas.

3. En todo caso, os solicitantes deberán acredita-lo cumprimento das obrigas impostas ós beneficiarios das subvencións e axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, da forma prevista no decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 3º.-Obxecto das axudas.

1. As persoas discapacitadas poderán solicitar axudas económicas, cos límites máximos que se sinalan para:

1.1. Rehabilitación.

a) Atención temperá:

-Por cada tratamento particular: 90,15 euros (mensuais).

-Por conxunto de tratamentos: 228,19 euros (mensuais).

b) Fisioterapia, psicomotricidade e terapia da linguaxe.

-Por cada tipo de tratamento: 90,15 euros (mensuais).

-Polo conxunto de tratamentos: 228,18 euros (mensuais).

c) Psicoterapia: 90,15 euros (mensuais).

1.2. Asistencia especializada.

a) De desenvolvemeto persoal: 2.404,05 euros.

b) Adaptación funcional do fogar: 2.404,05 euros.

c) Institucionalizada fóra da Comunidade Autónoma en réxime de internado: 390,66 euros (mensuais).

1.3. Mobilidade e comunicación.

a) Adaptación de vehículos de motor: 2.584,35 euros.

b) Eliminación de barreiras arquitectónicas ou de comunicación: 2.404,05 euros.

c) Adquisición de axudas técnicas: 2.404,05 euros.

1.4. Axudas complementarias de rehabilitación.

a) Transportes:

Transporte especial: 90,15 euros (mensuais).

Transporte: 54,09 euros ( mensuais).

2. Persoas maiores: as persoas maiores poderán solicita-las axudas económicas, cos límites máximos que se sinalan para:

1.1. Atención especializada:

a) Adquisición de próteses dentais: 480,81 euros.

b) Adquisición de axudas técnicas: 480,81 euros.

c) Atención en residencias para anciáns afectados de graves discapacidades: 480,81 euros (mensuais).

d) Atención en centros de día para anciáns afectados de graves discapacidades: 240,41 euros (mensuais).

e) Adquisición de próteses auditivas: ata un máximo de 450,76 euros.

1.2. Adaptación funcional do fogar: ata 1.322,23 euros.

Dentro deste epígrafe atenderanse preferentemente as persoas que non son beneficiarias de axudas

para situacións de emerxencia social por conceptos semellantes ós que nesta orde.

3. Nas solicitudes para a adquisición de axudas técnicas, entenderase por axuda técnica aqueles utensilios, dispositivos ou equipos de diferente grao de complexidade, utilizables por ou para persoas con discapacidade, para suplir ou complementa-la súa limitación ou as súas carencias funcionais.

4. Para as solicitudes por adquisición de audiófonos requírese ser maior de dezaseis anos.

Artículo 4º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes debidamente asinadas polo beneficiario ou o seu representante legal, formalizaranse co modelo que se xunta como anexo e presentaranse nas delegacións provinciais ou por calquera dos canais previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O modelo oficial da solicitude, estará a disposición dos interesados, na Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais.

3. O prazo para a súa presentación será de 45 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante o anterior, poderán admitirse e tramitarse fóra do prazo establecido no número anterior, e como data límite ata o 30 de setembro as solicitudes de axuda que non admitan demora, dada a súa natureza, sempre que se acredite a aparición da necesidade con posterioridade ó prazo normal da presentación de solicitudes.

As solicitudes de prórrogas de axudas nos casos nos que proceda terán que presentarse inescusablemente dentro dos dous derradeiros meses do ano.

Artigo 5º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación xeral:

a) Fotocopia del DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do beneficiario e, se é o caso, do representante legal debidamente compulsada.

b) Certificación do padrón municipal de habitantes comprensivo de tódolos conviventes.

c) Informe social emitido por un diplomado en traballo social ou asistente social dos servicios sociais de atención primaria. O dito informe non será necesario, excepto que a Comisión Provincial de Valoración o considere conveniente, nas prórrogas das axudas (tratamentos, complementarias e atención en centros), na adaptación de vehículos de motor, adquisición de próteses dentais e auditivas a personas maiores.

d) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.

e) Declaración do imposto sobre a renda de unidade familiar correspondente ó último exercicio. No caso de non te-la obriga de presentala, deberán achegar certificación negativa da correspondente delegación de Facenda, así como da declaración xurada da totalidade de ingresos do beneficiario e dos restantes membros da unidade familiar acompañada dos xustificantes dos respectivos ingresos.

f) En aplicación do disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), os peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes.

2. Documentación específica:

2.1. Axudas para adaptación de vehículos de motor: informe médico emitido pola Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, da imposibilidade de utilización do transporte público colectivo, fotocopia do carné de conducir do beneficiario, no seu defecto, en caso de concesión da axuda, a presentación do dito documento antes do seu pagamento.

2.2. Axudas de tratamento: informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, no que se especifique que necesita o tratamento para o que solicita a axuda e que o dito tratamento non pode recibilo en calquera outro centro ou organismo público.

Os beneficiarios destas axudas durante o ano anterior unicamente terán que presenta-lo impreso da solicitude cuberto, con declaración xurada de que non variaron as circunstancias que no seu día motivaron a concesión da axuda.

De existir variación, deberán xuntar datos acreditativos de tal circunstancia, sen prexuízo das facultades administrativas de comprobación dos datos declarados e da procedencia das axudas.

2.3. Axudas para adquisición de próteses auditivas: informe médico emitido por un otorrinolaringólogo que xustifique a necesidade da próteses, no caso de que a dita necesidade non conste no informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez.

Artigo 6º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude non reunira os requisitos establecidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido, para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición e se procederá, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 7º.-Comisión de valoración.

1. Revisados os expedentes e completados, de se-lo caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación desta, segundo os criterios obxectivos recollidos na presente orde e nas demais normas de desenvolvemento.

2. A Comisión Provincial de Valoración estará presidida polo secretario da delegación provincial, e como vocais, o xefe do Servicio de Axudas e Programas e un funcionario designado polo delegado provincial que actuará como secretario. Así mesmo, poderá formar parte da comisión un traballador social dos servicios de Atención Primaria.

Ás reunións da comisión poderá asistir un representante designado pola Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recaer, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Para a elaboración da proposta de adxudicación das axudas, a Comisión Provincial de Valoración terá en conta os seguintes criterios:

a) Nivel de renda familiar: as axudas individuais contidas nesta orde poderanse conceder, co límite máximo que permitan os créditos dispoñibles para isto, preferentemente ós peticionarios con ingresos familiares per cápita inferiores ó 70% do salario mínimo interprofesional vixente.

b) Continuidade na prestación outorgada en exercicios anteriores no caso de axudas de prórrogas e sempre que se acredite suficientemente a necesidade.

c) Circunstancias familiares e sociais dos beneficiarios.

d) Carencia de servicios sociais especializados no ámbito de residencia do beneficiario.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe da Comisión, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro e na Orde do 19 de decembro de 2001, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, dictará a resolución que proceda.

2. O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación da presente orde.

O vencimento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para

entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará cando menos o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de axuda que corresponda dentro dos límites establecidos nesta orde e o importe da axuda concedida.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, perante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contenciosa-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de axudas inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, a instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

Artigo 11º.-Xustificación das axudas.

1. Sen prexuízo do referido no artigo 15 do referido Decreto 287/2000, o beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto de axuda antes do 30 de novembro de 2002. No caso das axudas correspondentes ó mes de decembro, que pola peculiar natureza do pagamento (mensual, diario, etc...) non poidan ser xustificadas naquela data, disporán de prazo ata o día 30 do dito mes.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación das facturas correspondentes e os xustificantes requiridos, se é o caso, na resolución da concesión.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actuación, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. A falta de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia ó interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolveu o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederase ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos siguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da ayuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza co previsto nos artigos 19 o 23 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime económico e orzamentario

de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Control.

Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais e ás de control financieiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado para estes fins nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o ano 2002. As partidas que soportarán o gasto serán, coa súa correspondente dotación, a 16.02.212D.480.4, con 459.041 euros, e a 16.02.212D.482.5, con 401.656 euros.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, no período de prórroga dos orzamentos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2002 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

A aplicación financeira e contía das axudas para os anos seguintes determinaranse na respectiva convocatoria, de acordo coa lei orzamentaria de cada exercicio.

Segunda.-Serán de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas na presente orde o réxime de infraccións e sancións previsto na Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orden entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO DOUS

DE NOIA