Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 23 de abril de 2002 Páx. 5.599

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2002, da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, pola que se convocan cursos de aplicador/manipulador de praguicidas de usos fitosanitario e gandeiro para agricultores.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se esta

blece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de formación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores deste productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia celebrar.

A finalidade principal destes cursos é conseguir unha formación adecuada para os agricultores que realicen tratamentos na súa propia explotación, sen empregar persoal auxiliar, con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro, de categorías toxicolóxicas nociva ou tóxica, co obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador para eses productos, de nivel básico, que os capacite para exerce-la dita actividade a nivel autonómico e estatal.

En consecuencia, anúnciase a convocatoria de cursos de aplicador/manipulador de praguicidas que se celebrarán de acordo coas seguintes bases:

1. Clase de cursos que se van impartir:

Cursos de aplicador/manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico.

2. Datos dos organismos organizadores:

O organismos organizadores serán o Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, en colaboración coas organizacións profesionais agrarias.

3. Obxectivos dos cursos:

Que os agricultores que produzan alimentos para consumo propio ou para a venda, efectúen correctamente os tratamentos con praguicidas para poder garantir así que se garden os prazos de seguridade obrigatorios para cada praguicida e se cumpren coas esixencias legais en vigor en canto a límites de residuos.

Que o aplicador utilice o equipo de protección adecuado para evita-los posibles danos á súa saúde e á doutras persoas.

Que o agricultor coñeza os primeiros auxilios que se deben prestar en caso de que se produza unha intoxicación con praguicidas.

Que as técnicas de aplicación dos praguicidas se realicen de forma que se impida a posible contaminación do ambiente.

4. Destinatarios:

a) Destinatarios: agricultores que realicen tratamentos na Comunidade Autónoma de Galicia con productos fitosanitarios ou de uso gandeiro.

b) Número de prazas ou número de alumnos que poderá participar por curso será de 30 como máximo.

Criterios de selección: o solicitante deberá ter, como mínimo, 18 anos.

Na selección terán prioridade os agricultores especificados no punto 3, e os preseleccionados polas organizacións profesionais agrarias que colaboren na realización do curso.

5. Celebración:

Os lugares e datas de celebración dos 37 cursos son os que figuran como anexo III de esta resolución.

Duración e horario:

Duración de cada curso: 21 horas lectivas distribuídas en 13 horas de clases teóricas e 8 de clases prácticas.

O horario de cada curso será de 15 a 19 horas de luns a xoves e de 9 a 14 horas do venres.

Os coordinadores de cada curso poderán modifica-lo horario ou ben os días se fose necesario.

6. Programa:

Os temarios que se impartirán son os que figuran no anexo II.

7. Coordinación técnica do curso:

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da Orde do 30 de xullo de 1997, a coordinación do curso realizarase a través do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia e das organizacións profesionais agrarias.

8. Solicitude e inscrición:

a) Documentación: o persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I xunto cunha fotocopia compulsada do DNI e, se é o caso, certificación da preselección realizada pola organización profesional agraria que colabora na organización do curso.

A documentación sinalada anteriormente presentarase nos rexistros xerais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural das 9 ás 14 horas, ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de instancias será de 3 días naturais, contados desde o seguinte ó da publicación desta resolución.

b) Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase no taboleiro de anuncios do organismo convocante, no prazo de 2 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da finalización do prazo sinalado para a inscrición.

9. Certificado de superación do curso.

Para obte-lo certificado de superación do curso, o alumno terá que asistir a tódalas sesións del e ter superadas as probas pertinentes que avalen os coñecementos adquiridos. Unha vez obtido o dito certificado poderáselle solicitar á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria o carné de manipulador de productos fitosanitarios e de uso gandeiro de nivel básico, que é o único documento válido para poder exerce-la actividade e para os efectos de inspección por parte dos organismos oficiais correspondentes.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2002.

José Antonio Álvarez Vidal

Secretario xeral da Consellería de Política

Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural

ANEXO II

Programa do curso para os productos fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico

1. Praguicidas: descrición e xeneralidades.

2. Riscos derivados da utilización dos praguicidas.

3. Perigo dos praguicidas para a saúde. Intoxicacións.

4. Práctica da protección fitosanitaria. Relación traballo-saúde, primeiros auxilios en caso de intoxicación.

5. Medidas preventivas e protectoras para evita-lo risco de uso de praguicidas.

6. Boa práctica fitosanitaria. Protección do ambiente e normas legais.

7. Exercicios prácticos.

8. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 21.

ANEXO III

Cursos de aplicador/manipulador de praguicidas fitosanitarios e de uso gandeiro. Nivel básico

ProvinciaLugaresData de realización

A CoruñaMuxía3-7 xuño

Vimianzo3-7 xuño

Curtis27-31 maio

Ortigueira6-10 maio

Touro27-31 maio

Carballo27-31 maio

Arteixo29 abril-3 maio

Paderne (2)29 abril-3 maio

Vedra29 abril-3 maio

Vedra2-8 maio

Aranga6-10 maio

Mañón6-10 maio

Padrón6-10 maio

A Capela13-17 maio

Ferrol13-17 maio

Irixoa13-17 maio

A Laracha27-31 maio

LugoChantada20-24 maio

Meira6-10 maio

A Pastoriza6-10 maio

A Pastoriza13-20 maio

OurenseA Peroxa6-10 maio

Crecente13-20 maio

Ribadavia6-10 maio

Vilar de Santos29 abril-6 maio

A Peroxa20-24 maio

O Barco6-10 maio

PontevedraArbo29 abril-6 maio

O Rosal13-17 maio

A Estrada6-10 maio

A Estrada6-10 maio

Bueu6-10 maio

Cambados6-10 maio

Meis6-10 maio

ProvinciaLugaresData de realización

Cambados13-17 maio

Meaño13-17 maio

Ponteareas13-17 maio

Cambados20-24 maio

A Estrada27-31 maio

Barro27-31 maio

O Rosal3-7 xuño

Tomiño10-14 xuño