Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2002 Páx. 5.439

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a publicación da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 8/2000 sobre impugnación do convenio colectivo.

Visto o fallo da sentencia do 4 de marzo de 2002, dictada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 8/2000, seguidos por demanda formulada pola Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), contra o Sindicato Nacional de CC.OO., Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), Confederación de Empresarios de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG), e comparecendo o Ministerio Fiscal, sobre impugnación de convenio colectivo.

E tendo en consideración os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que no Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro de 1999 se publicou a resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais, do 10 de setembro de 1999, na que se ordenaba inscribir no Rexistro Xeral de Convenios Colectivos da Dirección Xeral de Relacións Laborais, e publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia.

Segundo.-Que na tramitación do expediente se observaron tódalas previsións legais regulamentarias.

Ós anteriores feitos son de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Que de conformidade co establecido no artigo 164.3º do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, cando a sentencia sexa anulatoria, en todo ou en parte, do convenio colectivo impugnado e éste se publicase, tamén se publicará no boletín oficial no que aquel se inserise.

Por todo canto antecede, esta dirección xeral acorda dispoñe-la publicación, no Diario Oficial de Galicia da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída nos autos número 8/2000, segundo o anexo adxunto.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2002.

José Vázquez Portomeñe

Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Autos nº: 8/2000.

Antonio González Nieto, presidente.

Antonio J. Outeiriño Fuente.

José Elías López Paz.

A Coruña, 4 de marzo de 2002.

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos señores maxistrados citados á marxe e, no nome de El-Rei, dictou a seguinte sentencia:

Nestes autos, seguidos co número 8/2000 por instancia da Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), representada e asistida polo letrado Pedro Blanco Lobeiras, contra as demandadas Sindicato Nacional de CC.OO.; a Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación de Empresarios de Galicia, que non comparecen malia estaren citadas en legal forma, Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), da que é representante e comparece o letrado Fernando Caride González, segundo poder que consta en autos, polo Ministerio Fiscal comparece José Luis Conde Salgado, sendo o obxecto da reclamación impugnación de convenio colectivo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 4 de xullo de 2000 recibiuse nesta sala demanda de impugnación de convenio colectivo formulada pola Unión Xeral de Traballadores (UGT), contra as demandadas antes xa mencionadas, na que suplicaba que se dicte sentencia pola que se declare a estimación do contido deste escrito, se proceda a anular na súa dimensión estatutaria o convenio colectivo e se ordena a publicación da sentencia anulatoria, condenando as demandas a estar e pasar por tal declaración, recaendo sentencia desta sala con data do 13 de setembro de dous mil, casada e anulada por outra do Tribunal Supremo con data do 25 de setembro de 2001, que decretou a nulidade de actuacións desde a admisión da demanda, co fin de que se emende un defecto de citación á demandada Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade.

Segundo.-Convocáronse de novo as partes a xuízo para o día 7 de febreiro deste ano, coa asistencia da parte demandante, que ratificou a súa demanda; e da demandada Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), non comparecendo o resto dos demandados a pesar de constaren citados en legal forma, recibido o xuízo a proba, ámbalas partes propuxeron documental, que declarada pertinente se uniron os documentos ós autos achegados para tal fin, e, ademais, a citada asociación propuxo proba testemuñal; non propuxo proba ningunha o Ministerio fiscal; seguidamente, as partes fixeron uso da palabra para conclusións, insistindo nas súas peticións respectivas.

Terceiro.-Con suspensión do prazo para dictar sentencia, e como dilixencia para mellor prover, acordouse reiterar á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia a proba documental que se solicitara en oficio con data do 31 de xaneiro de 2002.

Cuarto.-Con data do 13 de febreiro de 2002 deuse conta da recepción neste tribunal da documental requirida ó dito organismo, da que se deu traslado ás partes e ó Ministerio Fiscal, co fin de que puidesen efectua-las alegacións que considerasen convenientes no prazo de cinco días. Unicamente o sindicato demandante presentou na secretaría deste tribunal, dentro do prazo hábil para isto, escrito de alegacións, quedando o xuízo visto para efectos de votación e resolución o día 28 de febreiro de dous mil dous.

Na tramitación deste xuízo observáronse as prescricións legais. O relator foi José Elías López Paz.

De todo o actuado en xuízo decláranse probados:

1º Por Resolución do 10 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, acordouse a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia.

O texto do convenio colectivo foi publicado no citado Diario Oficial de Galicia, correspondente ó 24 de novembro de 1999.

2º Segundo o seu artigo 1º, o dito convenio colectivo estende o seu ámbito territorial e funcional a todo o persoal e ás empresas que se dediquen á prestación de servicios auxiliares para as residencias da terceira idade do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 2º, respecto do ámbito persoal do convenio, dispón que están incluídos no seu ámbito de aplicación tódolos traballadores e traballadoras dependentes das empresas descritas no artigo anterior.

3º Con data do 8 de xullo de 1999, tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia escrito de Carmen Segurana Bedriña, no que, actuando en nome e representación da mesa de negociación do primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia, solicita a inscrición do citado convenio no rexistro de convenios, o seu depósito no servicio correspondente e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Consta tamén reunión do día 21 de agosto de 1999, co fin de establece-las bases de negociación dun convenio para as empresas auxiliares contratadas polos titulares de residencias da terceira idade, actuando pola parte empresarial os representantes da Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), e pola parte sindical representantes legais do Sindicato Nacional

de CC.OO. de Galicia. Fíxose constar que as dúas partes negociadoras indicadas se recoñecían a capacidade legal e representativa bastante para negociar, e noutro escrito do 25 de agosto de 1999, entre outros extremos, facúltase a Carmen Segurana, representante do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, para que realice os trámites oportunos para o seu rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do texto do convenio negociado.

4º Segundo certificación emitida pola Subdirección Xeral de Traballo da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, nas oficinas públicas de rexistro, depósito e publicidade da Comunidade Autónoma de Galicia, constan 25 representantes legais elixidos nas empresas do sector de acollida de anciáns con aloxamento, con data do 31 de decembro de 1999; os distintos sindicatos teñen os seguintes índices de representatividade:

A CoruñaLugoOurensePontevedraTotal

UGT99

CC.OO.1113

CIG11

USO11

CSI-CSIF1010

Non sind.11

Totais11011325

5º Nos arquivos do organismo referido no ordinal anterior (Subdirección Xeral de Traballo), consta que a asociación empresarial negociadora do convenio presentou os seus estatutos para o seu depósito con data do 16 de xullo de 1999.

Non consta acreditado o número total de empresas que agrupa a dita asociación, nin o número de traballadores que ocupen no sector, no territorio desta Comunidade Autónoma.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O sindicato demandante, Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia), formula demanda en materia de impugnación de convenio colectivo, dirixida contra o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia, a asociación de empresas (Asearte), contra a Confederación de Empresarios de Galicia e contra a Confederación Intersindical Galega (CIG); solicitan desta sala que se dicte sentencia pola que se proceda a anular na súa dimensión estatutaria o convenio colectivo ó que se fai referencia no relato que antecede. A dita pretensión dun dos sindicatos demandados (CIG) que compareceu ó primeiro xuízo suxeitouse a ela; o sindicato CC.OO. non compareceu a ningunha das vistas, e o Ministerio Fiscal, que é parte sempre nestes procesos, artigo 163.4º da LPL, solicitou en conclusións a estimación da demanda. Polo tanto, a oposición á citada pretensión vén constituída soamente pola asociación demandada.

A cuestión que se suscita nesta litis é dilucidar se o convenio colectivo referido debe ser anulado, por non reuniren a parte empresarial e sindical que negociaron o acordo a capacidade ou representación

que impoñen os artigos 87.2º b) e nº 3 e o artigo 88.º1, ambos do ET.

A STS do 5 de outubro de 1995 (RX 1995, 8667), que reitera doutrina xurisprudencial anterior recollida na sentencia do 23 de novembro de 1993 (RX 1993, 8932), ou a máis recente do 25 de maio e 1996 (RX 1996, ar. 4674), refírense ó nivel de representatividade que deben te-las partes negociadoras dun convenio de conformidade cos artigos 87 e 88 do ET.

O artigo 87 do ET establece as condicións e requisitos que se teñen que cumprir para os efectos da lexitimación para negocia-los convenios colectivos regulares ou estatutarios; o número 2º b) deste artigo refírese ós requisitos que deberán reuni-los sindicatos, establecéndose que deben te-la consideración de máis representativos no nivel de CC.AA. respecto dos convenios que non transcenden do dito ámbito territorial, así como, e nos seus respectivos ámbitos, os entes sindicais afiliados, federados ou confederados a eles, e no número 3º deste mesmo artigo 87 se determinan os requisitos que deben reuni-la asociacións empresariais, cando se trata de negociar convenio de ámbito superior á empresa, sinalándose que as asociacións empresariais deben contar no ámbito xeográfico e funcional do convenio o dez por cento dos empresarios... e sempre que estes dean ocupación a igual porcentaxe dos traballadores afectados, aínda que no nivel de CC.AA., a disposición adicional 6ª do ET esixe un

mínimo do 15%.

Así pois, segundo os números 2º b) e 3º do citado artigo 87 do ET, en convenios de CC.AA. están lexitimados os sindicatos máis representativos desta, é dicir, os que no dito ámbito posúan polo menos o 15% dos delegados de persoal e dos representantes dos traballadores nos comités de empresa, e pola parte empresarial, aquelas asociacións empresariais que no ámbito do convenio conten co 15% dos empresarios afectados, os que, pola súa vez, deben empregar polo menos igual porcentaxe de traballadores.

Ademais desta lexitimación inicial, como se denomina pola xurisprudencia, tamén é preciso contar coa tamén chamada lexitimación plena ou negociadora, á que alude o artigo 88 do ET. Este precepto estatutario establece os niveis de representatividade e demais requisitos que deben de observa-los compoñentes da comisión negociadora para que esta quede validamente constituída, esixíndose polo dito precepto que os sindicatos deben de representar como mínimo a maioría absoluta dos membros dos comités de empresa e delegados de persoal, se é o caso, e as asociacións empresariais deben representa-los empresarios que ocupen a maioría de traballadores afectados polo convenio. Consecuentemente, pódese concluír sinalando que a válida negociación dun concreto convenio colectivo esixe que as partes negociadoras posúan capacidade para obrigarse na comisión negociadora nos termos do artigo 88.1º do ET, aínda que debe quedar claro que segundo sinala a STS do 25-5-1996 (RS 1996, ar. 4674), para poder

formar parte de tal comisión negociadora é indis

pensable ter cumpridos previamente os requisitos que prevén o citado artigo 87, é dicir, a lexitimación plena do artigo 88.1º requira a observancia previa, por cada entidade representativa interveniente, das prescricións que lles outorgan a estes a lexitimación inicial; é claro, por conseguinte, que a lexitimación plena non elimina nin fai innecesaria a lexitimación inicial, senón que, polo contrario, esixe a súa concorrencia.

Segundo.-Tendo en conta canto se deixa exposto no precedente fundamento de dereito, proxectándoo sobre o relato de feitos probados, queda claro que no suposto axuizado, nin a asociación patronal, nin a parte sindical que asinaron o convenio do que solicita a impugnación non cumprían cos requisitos para te-la referida lexitimación inicial. Segundo consta no ordinal 4º de H.P., dos 25 representantes que constan elixidos, o sindicato negociador unicamente conta con tres, e polo que respecta á asociación empresarial, no folio 52 dos autos consta documento segundo o cal non existe constancia da súa legal constitución, e nos autos non consta ningún elemento fáctico sobre o número de traballadores que ocupan no sector, nin o número de empresas que agrupa; por todo iso, resulta evidente que ningunha das partes negociadoras que subscribiron o convenio alcanzaban o límite legal esixido polo artigo 87 do ET e, polo tanto, carecían da lexitimación inicial precisa para levar a cabo a súa

negociación. Obviamente, e atendendo ós anteriores datos sobre representatividade, as ditas partes tampouco reunían a lexitimación plena que esixe o artigo 88.1º do citado estatuto, ó non alcanzar, nin moito menos, os niveis de representatividade esixidos polo citado artigo.

Ademais, e en relación co requisito da legal constitución da asociación demandada, o artigo 3 da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical, dispón que as asociacións constituídas ó abeiro desta lei deberán deposita-los seus estatutos na oficina pública establecida para o efecto, e que non adquirirán personalidade xurídica e plena capacidade de obrar ata transcorridos vinte días desde o depósito dos estatutos; e segundo consta no documento que consta no folio 41 das actuacións, resulta que a representante legal do sindicato CC.OO., invocando facultade outorgada pola mesa negociadora do convenio do que reclama impugnación, solicitou con data do 8 de xullo de 1999 o rexistro, depósito e publicación do mencionado convenio, cando realmente na dita data a demandada, Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte), non solicitara o depósito dos seus estatutos ante o organismo correspondente da Xunta de Galicia, cousa

que fixo con data do 16 de xullo de 1999 (folio 183 das actuacións), e, polo tanto, non adquirira personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, tal como esixe o artigo 3 da Lei 19/1977, anteriormente mencionada, non podendo actuar validamente nesa suposta negociación.

Terceiro.-Por outra parte, os promotores do convenio actuaron ignorando completamente o contido do artigo 89 do ET sobre o procedemento que se vai seguir na súa elaboración. E é que a representación, ben de traballadores ou ben de empresarios, que desexen promover un convenio colectivo, ademais de reuniren as condicións precisas para seren parte deste, deberán ademais cumprir co trámite formal de cursa-la súa iniciativa mediante comunicación escrita que cumprirá cos requisitos expresados no artigo 89 do citado estatuto, e no caso recollido nada consta sobre esa comunicación inicial; e así, no oficio remitido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, que consta no folio 204 dos autos, faise constar que non existiu comunicación á autoridade laboral do inicio de negociacións do convenio do que se pretende a impugnación, incumpríndose así o disposto no citado artigo 89.1º do Estatuto dos traballadores, que obriga a remitirlle copia, para efectos de rexistro, á

autoridade laboral correspondente en función do ámbito territorial do convenio.

En resumo, resulta evidente que o acordo alcanzado o foi con clara vulneración dos preceptos mencionados, polo que se acollerá favorablemente a pretensión deducida na demanda e se declarará a nulidade do convenio referido, e de conformidade co disposto no artigo 164.3º da LPL, deberá procederse á publicación desta sentencia no boletín oficial no que se inseriu o convenio que se anula.

Por todo isto,

Resolvemos:

Que debemos estimar e estimámo-la demanda interposta pola representación letrada do sindicato Unión Xeral de Traballadores (UGT-Galicia) contra o Sindicato Nacional de CC.OO., Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte); Confederación de Empresarios de Galicia e Confederación Intersindical Galega (CIG) sobre impugnación de convenio colectivo, debemos anular e anulamos na súa dimensión estatutaria o primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros de terceira idade de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro de 1999.

Esta sentencia deberá ser comunicada á autoridade laboral, e publicarase no boletín oficial no que o convenio colectivo se inserise.

Notifíqueselles esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, facéndolles saber que contra ela só cabe recurso de casación que se preparará por escrito ante esta Sala do Social do Tribunal Supremo dentro dos dez días seguintes ó da notificación desta sentencia, e de acordo co disposto nos artigos 203 e seguintes da Lei de procedemento laboral e, unha vez firme, expídase certificación para constancia na peza que se arquivará neste tribunal incorporándose o orixinal ó correspondente libro de sentencias.

Así, por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.

Seguen as sinaturas dos maxistrados designados no encabezamento da resolución, así como a dilixencia de publicación desta, referendada polo secretario que subscribe.

O anterior concorda ben e fielmente co orixinal ó que me remito, e para que así conste para os efectos oportunos, expido e asino esta resolución na Coruña, o catro de marzo de dous mil dous.

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE