Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2002 Páx. 5.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 12 de abril de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, na Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes ó exercicio do ano 2002.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á formación profesional ocupacional; o Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ós que se axusta esta disposición.

O Regulamento (CE) nº 1784/1999, do 12 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ó Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ó Fondo Social Europeo, sinala que o Fondo apoiará e complementará as actividades dos Estados membros destinadas ó desenvolvemento do mercado de traballo e dos recursos humanos, entre outras, nas políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral. Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión, regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación.

Por outra banda, no eixe 43, medida 2 do Programa Operativo para Galicia, o Fondo Social Europeo establece como obxectivos a mellora da cualificación profesional dos traballadores ocupados e a capa

cidade de adaptación dos traballadores e empresas ós cambios do sistema productivo.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do colectivo que atenden como dos sectores productivos ós que se dirixe.

O artigo 1.3º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 que a modifica, establece que os expedientes de gasto imputables, entre outros, ó capítulo IV poderán tramitarse como anticipados de gasto no período de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez aprobado o correspondente proxecto, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no artigo 1.1º da citada orde.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241B 440.0 (323.459 A), 14.03.241B 470.0 (282.424 A), 14.03.241B 472.0 (1.249.472 A), 14.03.241B 480.0 (631.036 A) e 14.03.241B.482.0 (1.439.597 A) que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, e que constitúe o importe global máximo que se destina para estas subvencións.

De acordo con todo o expresado anteriormente, considérase necesario dicta-las bases reguladoras das subvencións que van financia-lo desenvolvemento das citadas accións formativas.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, correspondentes ó exercicio de 2002, xestionadas pola Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde, agás as reguladas no artigo 2. I a), realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Accións subvencionables.

A tipoloxía das accións formativas reguladas nesta orde, que se dividirán en dous programas independentes entre si, un dirixido a parados e outro a ocupados, é a seguinte:

Programa I.-Accións formativas dirixidas a desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego, que se agrupan en tres subprogramas:

I.a) Proxectos formativos con compromiso de contratación dos alumnos que, polas súas especiais características, non se axusten ós requisitos esixidos no Plan FIP. As entidades incluídas neste punto deberán comprometerse a contratar polo menos o 60% dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo de seis meses a xornada completa, ou tempo equivalente se a contratación non é a xornada completa. No caso de que o proxecto formativo se dirixa exclusivamente a colectivos desfavorecidos: persoas con discapacidade, parados de longa duración, maiores de 40 anos que leven máis dun ano en paro ou desempregados que accedan ó primeiro emprego, a esixencia de contratación poderá reducirse ó 40%. A contratación en calquera dos casos deberá producirse antes do 30 de abril de 2003, e o seu tempo mínimo computarase exclusivamente nos 12 meses seguintes á data do primeiro contrato.

I.b) Cursos de posgrao e cursos organizados por escolas de especialización profesional das universidades galegas, así como daquelas entidades expresamente vinculadas á relación universidade/empresa, dirixidos á mellora da empregabilidade dos titulados universitarios, que teñan carácter ocupacional e sexan útiles para a mellora da inserción laboral dos posgraduados.

I.c) Accións de carácter experimental que non teñan cabida no Plan FIP e que melloren a empregabilidade dos destinatarios, sempre que haxa expectativas razoables de inserción laboral dos alumnos participantes e as accións que se realicen sexan as relativas a novos filóns de emprego, especificamente a calidade, o ambiente e as novas tecnoloxías da comunicación.

Programa II.-Accións dirixidas a ocupados, que se agrupan en tres subprogramas:

II.a) Plans de formación formulados polos conglomerados industriais ou clústers constituídos no ámbito da Comunidade Autónoma; organismos sectoriais e paritarios, e outras organizacións empresariais e sindicais representativas no ámbito sectorial ou territorial.

II.b) Plans de empresas, individualmente consideradas, que presenten proxectos formativos que poidan considerarse de carácter estratéxico.

II.c) Accións de carácter experimental que non teñan cabida nos programas de formación regulados na Resolución do 2 de xullo de 2001, da Dirección Xeral do Inem, pola que se aproba a convocatoria de axudas para plans de formación continua.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados no artigo 2º desta orde:

Subprograma I.a: empresas ou grupos de empresas e entidades sen ánimo de lucro.

Subprograma I.b: as universidades galegas, así como entidades expresamente vinculadas á relación universidade/empresa.

Subprograma I.c: empresas públicas ou privadas e entidades sen ánimo de lucro.

Subprograma II.a: conglomerados industriais ou clústers constituídos no ámbito da Comunidade Autónoma; organismos sectoriais e paritarios, e outras organizacións empresariais e sindicais representativas no ámbito sectorial ou territorial.

Subprograma II.b: empresas individualmente consideradas.

Subprograma II.c: empresas individualmente consideradas e entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 4º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde poderán ser obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución na proporción e contía que se determine nesta orde.

2. O cobramento desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 5º.-Custos subvencionables.

1. De acordo co que se establece no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión das Comunidades Europeas, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (CE) ás axudas á formación, e sen prexuízo do establecido no Regulamento (CE) nº 1685/2000, do 28 de xullo, da Comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1260/1999, do Consello, no relativo ó financiamento de gastos de operacións cofinanciadas polos fondos estructurais, serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Custos do persoal docente.

b) Os gastos de desprazamento do persoal docente e dos beneficiarios da formación.

c) Outros gastos correntes tales como materiais e subministracións.

d) A amortización dos instrumentos e equipos en proporción á súa utilización exclusiva para o proxecto de formación de que se trate.

e) Os custos dos servicios de asesoría en relación coa acción de formación.

2. Os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas.

Artigo 6º.-Contía das axudas e subvencións.

1. O importe das axudas non poderá exceder dos límites establecidos no Regulamento (CE) número 68/2001, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación. Estes límites estableceranse, de acordo co establecido no artigo 4 do citado regulamento, segundo se trate de grandes ou pequenas e medianas empresas, e se a formación impartida ten carácter xeral ou específico. A valoración das solicitudes e a determinación da contía da subvención fixaraa a comisión de valoración atendendo ós criterios establecidos polo FSE, e na resolución de concesión especificarase a porcentaxe que se subvenciona, en función dos criterios citados anteriormente.

2. En ningún caso, o importe da subvención que se outorgue ó amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá a entidade colaboradora.

Artigo 7º.-Obrigas.

Os beneficiarios das axudas deberán:

1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro, acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que beneficiario xunte á solicitude a debida autorización, segundo o anexo III, para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas. Todo isto sen prexuízo das excepcións recollidas na lei anual de orzamentos.

2. Pedir, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación:

-Relación nominal dos alumnos co número do seu DNI.

-Copias compulsadas dos seus DNI.

-Ficha individual de cada alumno.

-Relación nominal de docentes.

O orixinal desta documentación enviarase á Dirección Xeral de Formación e Colocación, arquivando a entidade impartidora unha copia separadamente por cada acción formativa.

3. Remitirlle, como mínimo cinco días antes do inicio da acción formativa, á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición.

-A planificación temporal das accións formativas.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

4. Remitir, o día de inicio de cada acción formativa, certificación xustificativa do seu comezo e, de se-lo caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no punto anterior.

5. Enviarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación, con data límite o 30 de novembro de 2002, a xustificación dos custos a través da seguinte documentación:

-Solicitude de liquidación final selada polo centro e asinada polo responsable da entidade.

-Relación de nóminas e facturas de tódolos gastos do curso.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de tódalas facturas, nóminas e xustificantes de pagamento exclusivamente dos gastos imputables ó curso que se subvencionan.

Xuntarase, así mesmo:

-Declaración complementaria do conxunto de tódalas axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Memoria final de actividades na que se faga constar, segundo os casos, unha descrición detallada da execución da acción formativa, dos colectivos atendidos, grao de inserción laboral, así como unha valoración do carácter experimental da acción formativa.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do acción formativa, como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estrictamente o período da acción formativa.

8. Comunicar ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución das accións formativas programadas, solicitando, de se-lo caso, autorización para introducir calquera modificación sobre o programa aprobado.

9. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello

de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

10. Financia-los gastos que excedan dos límites da intensidade permitida no Regulamento (CE) 68/2001, do 12 do xaneiro, da Comisión.

11. O beneficiario poderá subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria.

Artigo 8º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

1. Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro total ou parcial da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

2. Nos proxectos formativos con compromiso de contratación regulados no artigo 2º desta orde (subprograma I-a), a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, transcorridos 12 meses desde a contratación dos alumnos, comprobará se o nivel de inserción laboral se corresponde co acreditado na liquidación de subvención, esixindo, en caso contrario, a devolución proporcional da subvención indebidamente percibida.

Artigo 9º.-Pagamento e liquidación das subvencións.

Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, a medida que o beneficiario xustifique os gastos, que nunca serán superiores ó 80%. Non obstante, no caso de entidades sen ánimo de lucro, poderán autorizarse anticipos do 10% do importe da subvención no momento da súa concesión.

Artigo 10º.-Seguimento e control das accións formativas.

1. Para verifica-lo cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás accións formativas aprobadas, e emitirase un informe respecto do progreso da acción e do seu grao de execución en cada momento.

2. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 11º.-Remate das accións.

A data límite para o remate e xustificación das accións formativas será, como norma xeral, o 30 de novembro de 2002. Excepcionalmente, por causas

xustificadas e sempre precedendo autorización do órgano competente, as accións formativas reguladas nesta orde poderán rematar con posterioridade a esa data.

Artigo 12º.-Selección de alumnos.

Como norma xeral, a selección dos alumnos participantes nas accións formativas realizaraa a entidade adxudicataria a través de convocatoria pública, que deberá publicarse, como mínimo, nun dos xornais de maior tiraxe da Comunidade Autónoma.

Os anagramas deberán figurar obrigatoriamente na parte inferior do anuncio, coa seguinte distribución: Fondo Social Europeo na parte esquerda; Xunta de Galicia no centro; centro impartidor na dereita.

Excepcionalmente, por razón da especificidade do colectivo ó que se dirixe a acción formativa (alumnos minusválidos, empresas que formen os seus propios traballadores, etc.) a entidade poderá seleccionar directamente os alumnos.

Poderá tamén realiza-la selección o Servicio Público de Emprego de entre os demandantes inscrito nel, nos casos en que as entidades así o manifesten na súa solicitude.

En calquera caso, do resultado da selección, no caso de accións formativas dirixidas a desempregados, daráselle conta a oficina de emprego que corresponda.

Nas accións formativas nas que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser canceladas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 17º e aprobada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

Os alumnos que resulten seleccionados para unha acción formativa non poderán asistir simultaneamente a outra incluída dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación, por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nunha para acceder a outra dentro desa programación.

No caso de que se produzan baixas durante o desenvolvemento da acción formativa, as entidades impartidoras poderán incorporar alumnos dentro da súa primeira metade.

Artigo 13º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento ás accións formativas, e de facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora.

2. Os que asistan ás accións formativas con aproveitamento poderán recibir un diploma acreditativo, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación da acción formativa.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Artigo 14º.-Modalidades de impartición das accións formativas.

As accións formativas poderán desenvolverse nas modalidades presencial e a distancia.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades que desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas nesta orde deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ó Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada unha das accións formativas no modelo normalizado segundo o anexo II.

c) De se-lo caso, compromiso de contratación asumido pola/s empresa/s que vaian contrata-los alumnos.

d) Unha memoria-proxecto na que se fará referencia, polo menos, ós seguintes extremos:

-Descrición da acción formativa, na que se especificarán, entre outros aspectos, os obxectivos de inserción laboral, o programa formativo curricular así como a xustificación do carácter experimental do programa.

-Memoria explicativa da valoración económica da acción formativa especificada no anexo II desta orde, por custos elixibles, segundo a normativa europea.

-Xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza, de se-lo caso.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes.

2. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As entidades que soliciten accións formativas incluídas en subprogramas diferentes deberán formalizar unha solicitude independente para cada un deles.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte á publicación desta orde, agás no caso dos proxectos formativos con compromiso de contratación, nos que o prazo rematará o 15 de setembro de 2002.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 17º.-Instrucción do procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, coas concrecións que se establecen nos seguintes puntos.

2. A comisión de valoración analizará toda a documentación achegada polas entidades solicitantes, emitirá informe dos expedientes, elaborará o seu informe tendo en conta os límites establecidos no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión, que regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, así como os criterios valorativos do Fondo Social Europeo, e elevará a proposta de resolución ó órgano competente para resolver.

3. Para os efectos previstos neste artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros:

O director xeral de Formación e Colocación, que a presidirá, e serán vocais os delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou persoa en quen deleguen, o subdirector xeral de Formación Ocupacional, e os xefes dos servicios de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional; este último actuará como secretario.

4. A comisión de valoración, para avalia-las solicitudes, establece-la orde de prelación e formular proposta de resolución, terá en conta os seguintes criterios:

Programa I.

a) O grao de inserción laboral que figure na solicitude do proxecto formativo, así como a calidade da inserción, en función do carácter indefinido ou non dos contratos que se realicen.

b) A viabilidade de inserción laboral que se deduza do proxecto.

c) O carácter experimental que teñan as accións formativas respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.

d) A experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento de accións formativas de semellante natureza.

Programa II.

a) O carácter estratéxico do proxecto respecto do tecido productivo de Galicia.

b) O carácter xeral da formación, de xeito que inclúa un ensino que non sexa única ou principalmente aplicable no posto de traballo actual ou futuro do traballador na empresa beneficiaria, senón que proporcione cualificacións na súa maior parte transferibles a outras empresas ou a outros ámbitos laborais, mellorando substancialmente a empregabilidade do traballador.

c) O carácter preventivo do proxecto na medida que atenda colectivos en reestructuración, é dicir, en risco de perda de emprego.

d) A inclusión das accións formativas solicitadas no sistema de cualificacións, en concreto, a súa relación cos certificados de profesionalidade xa publicados.

e) A experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento de accións formativas de semellante natureza.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez informada pola comisión de valoración, cumprido o trámite de audiencia, cando proceda, e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e deberá ser notificada ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de nove meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, agás no caso dos proxectos formativos con compromiso de contratación recollidos no artigo 2º nos que a resolución deberá producirse no prazo de nove meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente. En ámbolos dous casos, transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

3. Contra as resolucións dictadas ó amparo desta orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdicción.

Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación perante o mesmo órgano que a dictou.

Neste caso non caberá interpo-lo recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 14.03.241B 440.0, 14.03.241B 470.0, 14.03.241B 472.0, 14.03.241B 480.0 e 14.03.241B.482.0 que figuran no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2002.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Formación e Colocación.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Poderán modificarse as resolucións nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 12º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, quedando os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde suxeitos ó réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións.

Sexta.-As axudas recollidas nesta orde estarán suxeitas ó que dispón o Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, publicado no Diario Oficial das Comunidades Europeas do 13 de xaneiro de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude