Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2002 Páx. 4.805

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 2 de abril de 2002 pola que se establecen axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a particulares e entidades sen fin de lucro para a realización de estudios sobre medios de comunicación en Galicia.

A importancia da comunicación oral e escrita, como instrumentos de vertebración dun país e como ferramentas útiles para facilitar, mediante o achegamento entre os pobos, o afondamento da democracia fan especialmente recomendable un mellor coñecemento desas técnicas.

A conciencia desa necesidade levou á inclusión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos créditos destinados á realización de investigacións nese campo. Para o gasto derivado da presente orde disponse de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamento para o 2002, sen embargo a teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais do exercicio 2002 en trámite parlamentario.

Coa finalidade de asegura-la publicidade e obxectividade na concesión, así como para promove-la participación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Establécense axudas para fomenta-la realización de estudios sobre medios de comunicación. O importe global das axudas será de oitenta e catro mil (84.000) euros.

Segundo.-A contía de cada axuda será de tres mil a seis mil euros (3.000 a 6.000) euros.

Terceiro.-Poderán solicita-las axudas particulares e entidades sen fin de lucro.

Cuarto.-A solicitude das axudas farase mediante instancia, segundo modelo do anexo, dirixida ó secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos,e irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante.

b) Acreditación da representación con que actúa, se é o caso.

c) Memoria explicativa do contido, con indicación da súa dimensión e prazo de realización, debidamente asinada polo solicitante ou o seu representante.

d) Currículum vitae do autor ou autores do estudio, debidamente asinado. Na documentación relacionada no currículum vitae deberán xuntar orixinais ou copias compulsadas daqueles documentos, títulos, etc., directamente relacionados co traballo.

e) Declaración xurada acreditando o carácter inédito do traballo.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

No caso, de que sexan varios coautores do mesmo traballo, deberán designar por escrito a un deles como representante dando a conformidade coa súa sinatura.

Quinto.-As solicitudes serán presentadas no Rexistro Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, sito no edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto.-As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Sétimo.-Os estudios presentaranse por triplicado, debidamente foliados e encadernados e coa sinatura do autor ou autores. A súa extensión non será inferior ós 100 folios de 1.200 carácteres, e non se computarán as copias íntegras ou parciais das publicacións ou estudios xa existentes.

Oitavo.-A resolución das axudas será realizada polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública por proposta dunha comisión que avaliará as solicitudes presentadas e que será presidida polo secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos e que estará integrada

por un funcionario desa secretaría xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, que actuará de secretario, como vocais o subdirector xeral de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria e o responsable do Gabinete de Comunicación. A comisión terá en conta a finalidade do estudio e a súa relación coa realidade galega na materia, o seu carácter inédito, o currículum vitae do autor ou autores e calquera outra circunstancia que contribúa á modernización do sector.

Esta resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2ºc), a contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Noveno.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Décimo.-Os estudios resultantes das memorias seleccionadas serán entregados na Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos antes do día 30 de setembro do 2002.

Décimo primeiro.-A concesión das axudas farase con cargo á aplicación 04.07.361A 480.0 que dispón de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamento da Comunidade Autónoma para o 2002, sen embargo o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais de 2002 neste momento en trámite parlamentario (Orde do 11 de febreiro de 1998).

De conformidade co estipulado no artigo 41 -tres da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2001, quedan exentos de achega-los xustificantes do cumprimento das obrigas a que se refiren os artigos 78 e 79 do Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia as subvencións e axudas con cargo ós créditos orzamentarios correspondentes ó artigo 48 Familias e institucións sen fin de lucro.

Por tratarse, na presente convocatoria, de axudas con cargo ó concepto 480.0, poderán acollerse ó estipulado no citado artigo 48, non implicando ningún límite cuantitativo en canto á concesión da axuda, tal e como se deduce do devandito precepto.

Décimo segundo.-O pagamento tramitarase unha vez entregado o estudio obxecto da axuda.

No momento da xustificación da execución total do estudio e en calquera caso, antes de efectua-lo pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo estudio das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décimo terceiro.-De non entregarse o estudio no prazo sinalado, ou de entregarse cun contido distinto ó previsto na memoria, o beneficiario perderá o seu dereito á percepción da axuda.

Décimo cuarto.-O autor ou autores dos traballos seleccionados, no mesmo momento de acepta-la axuda ceden á Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos tódolos dereitos sobre o traballo presentado, reservándose esta a capacidade de publicalo, se así o estimase oportuno.

Décimo quinto.-A vixencia da presente orde de axudas será ata 31 de decembro de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ó artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública