Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 11 de abril de 2002 Páx. 4.687

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L., con nº de código 3603132, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-2-2002, subscrito en representación

da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 28-1-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que constan nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de febreiro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

Este convenio colectivo é de ámbito provincial e aplicarase e obrigará a empresa Gestión Deportiva Gallega, S.L. no centro de traballo que ten na actualidade e aqueloutros de nova creación que no futuro se poidan establecer nesta provincia. Encádrase na regulamentación nacional de traballos de locais e espectáculos, afecto a actividades que teñan por obxecto a planificación e desenvolvemento de infraestructuras deportivas, formación de técnicos e dirixentes deportivos, a edición e distribución de publicacións deportivas e as xestións de publicidade e promocións e en recintos e soportes e instalacións e a comercialización de todo tipo de productos deportivos, sendo adxudicataria de tales servicios en diversos concellos e institucións públicas, e que comprende e abrangue tódolos subgrupos relacionados coa actividade deportiva e todo o espectáculo que sexa lúdico-deportivo e precise persoal para o seu desenvolvemento.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a tódolos traballadores, sexa cal for a súa categoría profesional, que durante a súa vixencia traballen baixo dependencia e por conta de Gestión Deportiva Gallega, S.L.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio terá unha vixencia de dous anos, e entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2002 para finaliza-lo 31 de decembro de 2003.

Este convenio entenderase denunciado para tódolos efectos o 31 de outubro de 2003, data na que as partes económica e social se comprometen a inicia-la negociación dun novo convenio.

Artigo 4º.-Salarios.

Os salarios base para 2002 son os que figuran na táboa anexa.

En 2002 os salarios incrementaranse nunha porcentaxe fixa do 3% do ano 2001 e aplicaranse sobre os salarios vixentes o 31-12-2001.

Para 2003 o incremento salarial será o IPC real do ano 2002 sobre os valores da táboa anexa.

Os traballadores que teñan un salario superior ó fixado na táboa anexa a este convenio manterano, aplicándoselle-los incrementos pactados.

Artigo 5º.-Clasificación persoal e profesional.

Co obxecto de ter unha adecuada clasificación profesional do persoal da empresa á que afecta o convenio, establécese a clasificación por grupos profesionais segundo a táboa correspondente. No que respecta ás contratacións haberá: a) Persoal fixo; b) Persoal eventual; c) Persoal de obra ou servicio determinado; d) Persoal de obra ou servicio extraordinario; e) Persoal interino; f) persoal en contrato de alternancia. As categorías profesionais consignadas nela son puramente enunciativas e non obrigan a ter cubertas tódalas categorías enumeradas se as necesidades non o requiren.

Grupo I: persoal administrativo.

1. Director de centro ou instalación.

2. Xefe de administración.

3. Contable.

4. Oficial administrativo.

5. Auxiliar administrativo.

Grupo II: persoal técnico-deportivo.

1. Coordinador de actividades.

2. Coordinador de monitores.

3. Monitor deportivo.

4. Animador social.

5. Auxiliar de monitor.

6. Socorrista.

Grupo III: resto do persoal.

1. Recepcionista.

2. Técnico de mantemento.

3. Peón oficios varios (limpeza, mantemento).

Clasificación por niveis:

Nivel I:

-Director de instalación.

Nivel II:

-Xefe administrativo.

-Coordinador de actividades.

Nivel III:

-Contable.

-Coordinador de monitores.

-Técnico de mantemento.

Nivel IV:

-Oficial administrativo.

-Monitor deportivo.

-Animador social.

-Socorrista.

-Recepcionista.

Nivel V:

-Auxiliar recepcionista.

-Auxiliar de actividades lúdicas.

-Auxiliar administrativo.

-Peón oficios varios.

Definición das categorías profesionais:

-Director da instalación.

Responsable da coordinación de tódalas actividades realizadas dentro da instalación así como a supervisión administrativa. Actuará como xefe de persoal dentro da instalación e representará a empresa en todo o relacionado coas actividades que se programen. Depende das directrices dos órganos de administración da empresa.

-Xefe administrativo.

Responsabilizarase de control e coordinación administrativa distribuíndo os traballos, efectuando os cobramentos necesarios ós usuarios en colaboración co xefe de contabilidade. Informará periodicamente o director da instalación, a quen proporá cantas medidas sexan necesarias para a mellora e racionalización da oficina. Depende das directrices dos órganos de administración da empresa.

-Contable.

Realizará materialmente a contabilidade, levando os libros e demais documentos contables que sexan precisos baixo a dirección e supervisión dos órganos de administración.

-Animador social.

É a persoa encargada de desenvolver todo tipo de programas non deportivos que realice a empresa.

-Oficial administrativo.

É a persoa encargada da área burocrática e administrativa, que leva o control da correspondencia,

arquivo e documentación. Depende do xefe administrativo.

-Auxiliar administrativo.

É a persoa que, ás ordes do oficial administrativo, realiza as tarefas por el encomendadas na área burocrática e administrativa.

-Coordinador de actividades.

É a persoa que exerce o control e organización das actividades e dos coordinadores de monitores, dependendo da dirección técnica da instalación.

-Coordinador de monitores.

Son os que, polo menos co título de monitor, exercerán o control directo dos monitores (horarios, quendas, niveis, rendementos técnicos, etc.), a coordinación entre as actividades docente e administrativa.

Revisarán periodicamente o material usado polos alumnos, instalacións, etc. Velarán polo cumprimento das directrices do traballo dependendo do coordinador de actividades.

Anualmente elaborarán un proxecto docente das actividades deportivas que deberán pór en coñecemento dos monitores para o seu desenvolvemento.

-Monitor.

Son os que, tendo o título correspondente, manteñen o contacto directo cos alumnos, desenvolven os programas técnicos e de actividades previstos. Coidarán a orde e seguridade nas súas clases dependendo dos coordinadores.

-Auxiliar de actividades lúdicas.

Son os que baixo a supervisión do coordinador de monitores ou monitor colaboran no desenvolvemento dos programas técnicos e actividades previstas.

-Socorrista.

É a persoa que coa titulación necesaria fai funcións de vixilancia, salvamento e prevención de accidentes, dependendo do coordinador.

-Recepcionista.

É a persoa que exerce a vixilancia e o control dos accesos e zonas de tránsito dentro do centro de traballo. É o encargado de facilitar información sobre os distintos tipos de servicios e actividades que se desenvolven no recinto. Encargarase, así mesmo, do cobramento das actividades e do cerramento de caixa diario. Será o encargado de procesar informaticamente os datos dos contratos dos clientes. Dependerá do xefe administrativo.

-Auxiliar recepcionista.

É a persoa que exerce a vixilancia e o control dos accesos e zonas de tránsito dentro do centro de traballo. É o encargado de facilitar información sobre os distintos tipos de servicios e actividades que se desenvolven no recinto. Encargarase así mes

mo do cobro das actividades e do peche de caixa diario.

-Técnico de mantemento.

Será o encargado de coidar do bo estado das instalacións, supervisando o traballo daquelas persoas que ten ó seu cargo. Dependerá do director de instalación.

-Peón de oficios varios.

É o encargado material da execución dos traballos de mantemento, conservación e limpeza das instalacións. Dependerá do técnico de mantemento.

Artigo 6º.-Estructura salarial.

Está constituída polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Transportes e locomoción.

Artigo 7º.-Antigüidade consolidada.

Os traballadores manterán e consolidarán os importes ós que tivesen dereito polo complemento persoal de antigüidade. Os importes obtidos manteranse invariables e por tempo indefinido.

Artigo 8º.-Período de proba.

Poderase establecer, por escrito, un período de proba de tres meses para toda clase de traballadores desta empresa.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio terán dúas pagas extraordinarias, as cales se conceden en concepto de paga de verán (15 de xullo) e Nadal (15 de decembro) e que consisten no importe dunha mensualidade máis a antigüidade.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período de vacacións retribuídas será de 32 días naturais. O calendario de vacacións será confeccionado pola empresa, en función das solicitudes dos traballadores, dentro do 1º trimestre do ano.

No demais haberá que se ater ó disposto na lexislación vixente.

Artigo 11º.-Enfermidade.

A empresa complementará a prestación económica por incapacidade temporal ata o 100% da base de cotización do traballador nos seguintes casos e durante o tempo que se indica por cada un.

a) IT derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional desde o primeiro día e ata a alta médica.

b) IT derivada de accidente non laboral ou enfermidade común: con hospitalización: desde o primeiro día cun máximo de catro meses.

Artigo 12º.-Xornada.

A xornada de traballo será de 38 horas semanais para a vixencia deste convenio. Establecerase un descanso intermedio de 20 minutos cando a xornada diaria exceda de seis horas. Este período de descanso

aboarase como tempo traballado, pero en ningún caso se sumará para o cómputo de horas extraordinarias.

Artigo 14º.-Licencias.

O persoal terá dereito a que se lle conceda permiso con percepción dos salarios correspondentes nos seguintes casos:

1. Vinteún días naturais en caso de matrimonio.

2. Dous días naturais por enfermidade grave de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

3. Cinco días naturais por falecemento do cónxuxe, pais e fillos e pais do cónxuxe.

4. Catro días naturais por nacemento dun fillo.

Cando o traballador teña que se desprazar a localidades distantes de máis de 200 quilómetros da súa residencia, contará con dous días máis en cada caso.

Artigo 15º.-Excedencias.

As excedencias resolveranse conforme a regulamentación correspondente.

Artigo 16º.-Extinción por dimisión.

O traballador que desexe extingui-lo seu contrato por demisión debe avisa-la empresa con 15 días de antelación á súa marcha.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá por conta da empresa e por un ano roupa de traballo:

a) Dous uniformes completos adecuados á súa función, incluído calzado, para todo traballador con máis de seis meses na empresa e con xornada a tempo total.

b) O resto dos traballadores non incluídos no epígrafe a) recibirá un uniforme adecuado á súa función.

Este artigo afecta o persoal do grupo 2 e 3.

Os traballadores devolverán as pezas de roupa vellas ó causaren baixa na empresa. De non o facer a empresa poderá desconta-lo 50% do importe correspondente ó equipo da súa última entrega.

Artigo 18º.-Traballos perigosos, tóxicos ou penosos.

Sobre este artigo haberase que ater ó disposto na lexislación laboral vixente en cada momento.

Artigo 19º.-Revisión médica.

O persoal afectado por este convenio efectuará unha revisión médica anual por conta dos servicios médicos da empresa.

Artigo 20º.-Descanso dominical.

Dadas as especiais características da empresa e as súas actividades de lecer e deporte realizadas durante toda a semana, incluídos sábado, domingo e festivos, aqueles traballadores no contrato dos cales figure esta premisa, terán dereito ó seu descanso equivalente calquera outro día da semana.

Artigo 21º.-Casos especiais de retribución.

O persoal de locais de espectáculos e deportes poderá realizar traballos de categoría superior a aquela na que está clasificado, non como ocupación habitual, senón como necesidade perentoria da empresa.

Durante o tempo que dure esta situación, os interesados terán dereito a percibi-la remuneración asignada á superior categoría desempeñada circunstancialmente. O dereito a percibi-lo salario de superior categoría pasará a definitivo se a situación se prolonga durante 6 meses nun ano.

Artigo 22º.-Contratos eventuais de duración determinada.

Cando o contrato de duracion determinada previsto no punto 1.b do artigo 15 do Estatuto dos traballadores se concerte para cubrir postos en centros de traballo que non teñan a consideración de obra, neste suposto, a duración máxima do contrato poderá ser de 12 meses dentro dun período de 18 meses.

No caso de que se concerte por un período inferior a 12 meses, poderán ser prorrogados mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. O período de 18 meses computarase a partir da data da causa ou circunstancia que xustifique a súa utilización.

Artigo 23º.-Contratos de traballo para a realización de traballos fixos descontinuos.

Este contrato concertarase para realizar traballos periódicos de carácter descontinuo que serán os monitor e socorrista, dentro da actividade cíclica intermitente de cursos de natación ou outras actividades na temporada escolar, que se desenvolverá entre o 15 de setembro e o 15 de xuño e na temporada de verán que se desenvolverá entre o 16 de xuño e o 14 de setembro.

Os traballadores serán chamados na orde e na forma seguinte:

Segundo a súa antigüidade na empresa e as necesidades, segundo o número de alumnos.

Poderase aplicar a estes contratos a modalidade de tempo parcial.

Artigo 24º.-Plan de pensións-xubilación.

A empresa formalizará un plan de pensións-xubilación para tódolos traballadores fixos a tempo total do cadro de persoal da empresa e as súas contribucións a este irán por conta dela.

Establécese unha contribución mensual de 5.000 pesetas por traballador máis o 3% de incremento.

Artigo 25º.-Remisión legal.

En todo o non previsto neste convenio haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores e lexislación laboral e regulamentos vixentes de aplicación.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Toda cuestión de interpretación, dúbida de clasificación persoal ou diverxencia, que con motivo do disposto neste convenio se suscite, someterase á comisión mixta do convenio, que estará constituída polos representantes dos traballadores e o representante empresarial, é dicir, cada un dos compoñentes negociadores deste convenio.

Este convenio asínase en Ponteareas, 28 de xaneiro de 2002.

Ramón Paz RodríguezEnrique M. Méndez Alfaro

Representante legalConselleiro delegado

dos traballadoresGsport, S.L.

Táboa salarial

Gesport, S.L.

Ano 2002

EmpregoSalario base

mes

HoraSalario base

ano

Nivel I

Director de instalación839,848,6111.757,80

Nivel II

Xefe administración699,097,699.787,31

Coordinación actividades699,097,699.787,31

Nivel III

Contable662,336,989.272,57

Coordinador monitores662,336,989.272,57

Técnico mantemento662,336,989.272,57

Nivel IV

Oficial administrativo525,835,887.361,67

Monitor deportivo525,835,887.361,67

Animador social525,835,887.361,67

Socorrista525,835,887.361,67

Recepcionista525,835,887.361,67

Nivel V

Auxiliar recepción478,035,356.692,43

Auxiliar monitor478,035,356.692,43

Auxiliar administrativo478,035,356.692,43

Peón478,035,356.692,43