Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2002 Páx. 4.650

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente 196/2000).

Vista a solicitude para autorización administrativa, recoñecemento de utilidade pública, coa relación

concreta e individualizada dos bens ou dereitos que se consideran de necesaria expropiación, así coma a aprobación do proxecto de execución que se cita:

Solicitante: Electra del Jallas, S.A.

Domicilio social: praza da Constitución, nº 17, Cee.

Denominación: L.M.T., C.T. As Casas Novas, Muxía.

Liña eléctrica aérea de media tensión a 20 kV sobre apoios de formigón e con conductor LA-56, de 362 m de lonxitude, con orixe na liña que alimenta o C.T. Cibrán e final no C.T. As Casas Novas, que se vai instalar. Centro de transformación, tipo intemperie, de 50 kVA, e tensións de 20/0,380-0,220 kV en Cibrán, do que parte rede de baixa tensión sobre apoios de formigón e conductor R.Z., de 175 m de lonxitude, que se conecta á rede existente.

A petición someteuse a información pública, coa relación de propietarios, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 26 de decembro e no BOP do 10 de decembro, no xornal La Voz de Galicia do día 22 de novembro de 2001 e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Muxía ó mesmo tempo, notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na devandita relación.

Así mesmo, comprobouse que as alegacións efectuadas polos interesados en canto á modificación do trazado da liña eléctrica non poden ser tidas en conta por non darse as condicións previstas no artigo 57.B da devandita lei e artigo 26 do mencionado decreto.

Vista a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, os decretos 2617 e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre autorización e expropiación forzosa das instalacións eléctricas e cumpridos os trámites regulamentarios establecidos, esta delegación provincial resolve:

Autorizar e aprobar o proxecto das citadas instalacións e declarar, en concreto, a utilidade pública dos mesmos que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación ós efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ó seu dereito.

A Coruña, 26 de febreiro de 2002.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña