Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 10 de abril de 2002 Páx. 4.649

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T. ó C.T. de Mato, no concello de Pantón. (Expediente 3/2000 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1. Mª Dolores Guedella Vázquez quen en primeiro lugar manifesta que as parcelas nº 18, 19 e 20 do

proxecto da liña eléctrica que nos ocupa, das que figura proposta como propietaria, son en realidade un só predio, tal e como xa fixera constar nas notificacións recibidas no ano 1997 como consecuencia da tramitación do expediente 3705 (L.M.T., C.T., R.B.T. Espasante-Mato) presentado pola empresa Unión Fenosa no devandito ano.

En segundo lugar manifesta que a parcela que se vai ocupar é unha masa arbórea composta de 382 carballos, 14 piñeiros e 22 bidueiros merecedora de protección ambiental, polo que o trazado da liña causaría un impacto sobre a vexetación (tal e como indicou a Consellería de Medio Ambiente no ano 1998), impacto que a xuízo da alegante podería entrar en conflicto coa normativa protectora da natureza.

Por outra banda a alegante considera que non procede a aplicación dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en relación coas masas arbóreas protexidas por normas especiais, polo que podería terse por indefensión sometela a uns preceptos que estima inaplicables.

Seguidamente insta a que, logo da resolución do expediente, se solicite informe ós organismos competentes en materia de ambiente sobre se a corta das árbores afectadas na parcela da alegante pode ser autorizada. Así mesmo tamén manifesta que a instalación eléctrica que nos ocupa podería ser tendida por outros terreos de forma que a alegante non fose afectada.

Por último reproduce as alegacións realizadas no ano 1997 sobre o proxecto inicial presentado por Unión Fenosa que coinciden substancialmente co manifestado agora por María Dolores Guedella Vázquez, non poden ser tidas en conta polas seguintes razóns:

1. Por que os erros padecidos na relación de bens e dereitos ó dividi-lo predio en tres parcelas distintas foron corrixidos pola empresa beneficiaria constando no expediente que se trata en realidade dun só predio.

2. Por que foi trasladada á Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente a correspondente separata na que se reflectía de forma exacta a afección que suporía o trazado da liña proxectada sobre a masa arborada existente no predio da alegante, autorizando a devandita delegación provincial a corta do arborado afectado que en todo caso deberá limitarse ós 16 m de largo de rúa, establecidos no proxecto ó que se presta aprobación.

3. Por que os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, son aplicables ó presente expediente con base no establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e na disposición décimo primeira do Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan os procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Por outra banda, tódalas manifestacións realizadas

pola alegante foron estudiadas por esta delegación provincial, independentemente de que se axustara, ou non, ós artigos 25 e 26 do decreto anteriormente citado.

4. Polo que respecta ás variacións de trazado propostas pola alegante, estas non poden ser tidas en conta xa que, no seu escrito de alegacións de 30 de novembro de 2001, non fai referencia a un trazado alternativo concreto que poida ser estudiado para determinar se cumpre os requisitos establecidos no artigo 26 do Decreto 2619/1966, por outra banda, os trazados alternativos propostos por María Dolores Guedella Vázquez no ano 1997 non cumpren coas condicións establecidas no devandito artigo por supoñer unha variación do trazado superior en lonxitude ó dez por cento da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade do solicitante tal e como se desprende do informe dos servicios técnicos desta delegación provincial do 20 de febreiro de 2002.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que ó seu paso polos predios relacionados na información pública non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren repectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña aérea de media tensión con orixe na L.M.T. a C.T. Cerámica-Ferrreira e remate no C.T. existente de Mato de 1.231 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón e metálicos en conductor LA-56.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexos, unha vez cumpridos os trámites

que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966 e visto o contido dos informes técnicos do 14 de novembro de 2001.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 4 de decembro de 2001, Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 2002 e no BOP de Lugo do 13 de decembro de 2001 e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Pantón. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 26 de febreiro de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo