Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías, reposterías e pratos precociñados.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías, reposterías e pratos precociñados, con nº de código 3601015, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 6-2-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelerías y Panificación (Arpapan), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 4-10-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto

1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 19 de febreiro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías, reposterías e pratos precociñados para a provincia de Pontevedra

I. Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

Este convenio regula as relacións laborais nas actividades industriais e comerciais de confeitería, pastelería, bolos, repostería e pratos precociñados.

Os traballadores das empresas dedicadas a esas actividades, tanto os de obradoiro como o persoal mercantil, réxense por este convenio.

O aquí non regulado acollerase ó acordo marco sectorial publicado por Resolución do 13 de febreiro de 1996.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

A eficacia e obrigatoriedade deste convenio atinxe a cantas empresas e sucursais estean establecidas e domiciliadas dentro dos límites da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia e prórrogas.

Este convenio terá efectos económicos plenamente a partir do 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2002.

A súa duración será de dous anos, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2002.

Concluída esta duración, prorrogarase de ano en ano, sen prexuízo da revisión económica. Se foi debidamente denunciado, manterase en vigor ata que haxa un novo convenio.

Artigo 4º

A denuncia faraa por calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses á data do seu remate.

A dita denuncia terá que facerse por escrito á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

1. Establécese unha comisión paritaria, que terá as seguintes funcións:

a) As de mediación, arbitraxe e conciliación nos conflictos individuais ou colectivos que lles sexan sometidos e as demandas das redaccións dos acordos deste convenio.

b) As de interpretación e aplicación do pactado.

c) As de seguimento do conxunto dos acordos.

2. Os acordos a que se chegue na comisión paritaria en cuestións relacionadas con este convenio consideraranse parte deste e terán a súa mesma eficacia e obrigatoriedade. Tales acordos remitiranse á autoridade laboral para o seu rexistro.

3. A comisión paritaria queda composta por 5 membros da Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) e por 5 membros da representación social. Os membros da dita representación social serán dos sindicatos que corresponda en proporción ó número de representantes nas empresas deste convenio. Poderán asistir cun asesor, con voz pero sen voto.

4. Ámbalas partes asinantes deste convenio comprométense a, no prazo máximo de 20 días a partir da sinatura deste convenio, reunirse para elabora-lo seu regulamento de funcionamento da comisión paritaria.

II. Réxime de traballo

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal de traballo será de 40 horas semanais, tanto para a xornada continuada como para a xornada partida, sendo a xornada dominical de 4 horas.

A xornada dominical para o persoal mercantil será, exclusivamente para eles, de 9 a 14 horas.

Os días laborables, a xornada de traballo para o persoal mercantil non poderá prolongarse máis das 21 horas.

Cando a xornada normal de traballo se realice de forma continuada, establecerase un período de descanso de alomenos 15 minutos.

Artigo 7º.-Días de inactividade obrigatoria.

Consideraranse días de inactividade laboral obrigatoria os seguintes:

-Día 27 de abril: festividade da patroa do gremio.

-Día 25 de decembro: festividade da Natividade do Señor.

-Día 1 de xaneiro.

-Día 1 de maio: festa do Traballo.

Se por necesidades da empresa o traballador decidise traballar, terá dereito, ademais de á percepción económica como festivo, a 1 día máis de vacacións.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal acollido a este convenio terá dereito a desfrutar dunhas vacacións anuais retribuídas de acordo coas seguintes condicións:

1. As vacacións terán unha duración de 31 días naturais para todo o persoal afectado, calquera que sexa a súa clasificación profesional.

2. O salario que se vai percibir durante o período de vacacións calcularase sobre o salario base do convenio máis antigüidade.

3. O período de vacacións será concedido de común acordo entre a empresa e o traballador en épocas que tradicionalmente non teñan unha especial actividade no sector, de forma rotativa, pero preferentemente no verán.

4. O persoal de baixa por incapacidade temporal, con independencia da causa motivadora, disporá ou desfrutará da totalidade das vacacións, sempre que a súa reincorporación ó traballo se produza dentro do mesmo ano.

Artigo 9º.-Ingresos ou cesamentos.

Todo traballador, salvo pacto en contrario, ingresará a título de proba, que terá a seguinte duración:

-Persoal técnico: tres meses.

-Persoal administrativo: un mes.

-Persoal mercantil: un mes.

-Persoal non cualificado: 15 días.

Transcorrido o período de proba sen denuncia por ningunha das partes, o traballador continuará na empresa baixo as condicións establecidas neste convenio.

Os cesamentos dentro da empresa deberán ser comunicados polos traballadores e por escrito con 15 días de antelación; sen este requisito a empresa poderá descontar da liquidación do productor afectado o importe das retribucións diarias por cada día de atraso no aviso.

Artigo 10º.-Licencias retribuídas.

O persoal terá dereito a desfrutar da licencia retribuída nos casos que a continuación se establecen:

a) Matrimonio do productor: 15 días naturais.

b) Parto da esposa ou por nacemento de fillos legalmente recoñecidos como tales polo traballador: 5 días naturais.

c) Intervención cirúrxica de pais, sogros, fillos ou cónxuxes: 5 días naturais.

d) Falecemento do cónxuxe, pais, sogros ou fillos: 5 días.

e) Para a atención de asuntos propios, ineludibles e de grande importancia, segundo as necesidades e desprazamentos: 1 a 6 días.

f) Por cambio de domicilio: 1 día.

g) Visita médica para asistencia persoal ou de fillos menores, cando coincida co horario de traballo, as horas necesarias, sendo preceptivo que o volante estea datado e asinado polo médico, facéndose consta-la hora de remate da consulta.

h) Estudios: o tempo necesario para exames segundo o Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Persoal eventual.

Salvo nos casos de reserva de praza por enfermidade ou deber inescusable de carácter público, o contrato de traballo eventual non poderá ter unha duración superior a doce meses e pasado o dito prazo e sen necesidade de denuncia ningunha, o productor converterase automaticamente en fixo, salvo as normas de rango superior que contradigan o anteriormente mencionado. O persoal eventual será necesariamente contratado por escrito ante a oficina de emprego.

Artigo 12º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade en tódolos postos de traballo, tanto para o home como para a muller, sen discriminación ningunha, desaparecendo calquera trato de desigualdade tanto favorable como adverso que tivera a muller, por calquera causa.

III. Condicións económicas

Artigo 13º.-Salario base.

Será o que se estableza exclusivamente para cada categoría en cada período anual, reflectido na correspondente columna da táboa salarial do anexo. Cada período anual contará coa táboa salarial actualizada. Establécese cláusula de revisión salarial no caso de que durante o ano 2001 e 2002 o índice de prezos ó consumo supere o 3,5% e o 2,5% respectivamente.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Consistirá en cuadrienios ó 6 por cento sobre os salarios base do convenio.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias dunha mensualidade de salario base e antigüidade e serán:

-A do 15 de xullo, para aboar antes desta data e devengada a 30 de xuño.

-A do 23 de decembro, para aboar antes deste data e devengada a 30 de novembro.

-A de beneficios, para aboar en marzo, se ben poderá fraccionarse en dúas metades, pagadoiras en marzo e en setembro.

Estas pagas devengaranse en proporción á anualidade precedente de contrato e os períodos habidos de incapacidade temporal non afectarán a contía destas.

Artigo 16º.-Axuda por xubilación.

A todo o persoal que se xubile con 15 anos como mínimo de servicio na empresa, aboaránselle como premio de xubilación:

150.000 pesetas=901,52 euros (65 anos).

200.000 pesetas=1.202,02 euros (64 anos).

250.000 pesetas=1.502,53 euros (63 anos).

300.000 pesetas=1.803,04 euros (62 anos).

350.000 pesetas=2.103,54 euros (61 anos).

400.000 pesetas=2.404,05 euros (60 anos).

Artigo 17º.-Axuda por defunción.

As empresas afectadas por este convenio subscribirán con efectos desde o 1 de xaneiro de 1998 unha póliza de seguro colectivo, con primas íntegras ó seu cargo, que cubran as seguintes continxencias e indemnizacións a tódolos seus traballadores:

Accidente laboral ou común con resultado de:

-Morte: un millón de pesetas.

-Invalidez permanente: que leve consigo o cesamento forzoso na empresa, un millón de pesetas.

A indemnización por morte farase efectiva ó seu cónxuxe, ós seus descendentes ou ós seus ascendentes por esta orde.

Artigo 18º.-Complemento de transporte.

En compensación dos gastos de transporte que terá que efectua-lo traballador para desprazarse ó seu posto de traballo, as empresas aboarán a cada un deles a cantidade de 289 pesetas para o ano 2001. Esta cantidade aboarase por día efectivamente traballado. A contía deste complemento actualizarase automaticamente segundo o prezo dos billetes de autobús urbano de Vigo.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias aboaranse co 75% de recarga sobre o salario total da táboa salarial correspondente á hora ordinaria.

A recarga das horas extraordinarias traballadas en domingo e as do traballo dos festivos será, en todo caso, do 150%.

Para os efectos do cálculo de recarga, o salario da hora ordinaria é o que resulte de dividi-lo total salarial anual entre 1.770 horas.

É posible tamén que o traballador opte por compensa-las horas extraordinarias traballadas por tempos equivalentes a descanso retribuído incrementados nas porcentaxes correspondentes citadas.

Artigo 20º.-Complemento no caso de incapacidade temporal.

Durante as situacións definidas como incapacidade temporal na Seguridade Social, a empresa aboará desde o primeiro día da baixa do traballador afectado o 75% do salario base máis antigüidade, e a partir do 10º día desta o 100 por cento do dito salario

base máis antigüidade. No caso de maternidade, ingreso hospitalario, accidente de traballo ou enfermidade profesional aboarase ese 100 por cento desde o primeiro día.

Artigo 21º.-Axudas de custo.

Terá dereito a axuda de custo o traballador que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexa obrigado a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que lle imposibiliten o seu regreso, tendo que efectuar comidas ou aloxarse neses lugares.

A contía será:

-Axuda de custos completa: 4.723 pesetas, 28,39 euros.

-Comida: 1.462 pesetas, 8,79 euros.

-Cea: 1.462 pesetas, 8,79 euros.

-Cama: 2.259 pesetas, 13,58 euros.

-Almorzo: 449 pesetas, 2,70 euros.

Artigo 22º.-Axuda escolar.

Todo traballador con fillos entre 2 e 8 anos inclusive percibirá, en concepto de axuda de escolarización, a contía de 4.612 pesetas (27,72 euros) para o ano 2001.

O traballador que en abril de 1991 adquirira o dereito a complemento de incapacidade por fillo con minusvalidez manterao nos termos do convenio de 1990.

IV. Disposicións varias

Artigo 23º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a lles entregar ós traballadores unha fotocopia da alta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de tres semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Así mesmo, a empresa estará obrigada a mostrar cada mes seguinte os TC2 de cotización.

Artigo 24º.-Seguridade laboral.

As obrigas establecidas na Lei de prevención de riscos laborais do 8-11-1995 e o seus regulamentos concretaranse en cada empresa antes do remate de 1997 no relativo ás esixencias establecidas nos capítulos III e IV da dita Lei sobre plan e formación dos traballadores, vixilancia da saúde destes en relación ós riscos; para o efecto designará o traballador ou traballadores que se ocuparán da prevención, ou farase cargo persoalmente o empresario, ou proverase dun servicio de prevención ou encargarao á súa mutua de AT e EP.

A empresa que conta con delegado de persoal coidará de facilita-la realización que a este corresponde das funcións de delegado de prevención.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

Con carácter xeral, as empresas suxeitas a este convenio colectivo proverán o persoal ó seu servicio, obrigatoria e gratuitamente, do seguinte número de pezas ó ano:

a) Dúas chaquetas.

b) Dous pantalóns.

c) Catro mandís.

d) Dous gorros.

O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal mercantil e de obradoiro terá a obriga de conservala en bo estado.

O persoal mercantil proverase das pezas necesarias para o desenvolvemento da súa función laboral.

Artigo 26º.-Excedencias e suspensións de contrato.

No referente a excedencias e outras suspensións de contrato, observarase o que establece o Estatuto dos traballadores nos seus artigos 45 a 48, matizando que o período mínimo da excedencia voluntaria será de 1 ano e só pode ser por menos se median fundamentos serios de orde familiar, de estudios, etc. O establecido no artigo 46, punto 3º do Estatuto dos traballadores, no caso de excedencia por fillo menor, queda ampliado o atribuído ó primeiro ano a un período máximo de tres anos.

O tempo empregado no servicio militar ou na prestación social substitutoria compútase para os efectos de antigüidade na empresa.

Artigo 27º.-Comité de empresa.

A empresa facilitará local adecuado, no caso de que dispoña del, para reunións e consultas do delegado ou comité de delegados cos traballadores, así como un mural para poñer comunicados, avisos, carteis, etc.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

Observarase o disposto na vixente Lei orgánica de liberdade sindical de 1985.

Con motivo da negociación do convenio, os membros de cada sindicato terán, con coñecemento do empresario ou encargado, fácil acceso ós traballadores de cada empresa nos propios centros de traballo para informacións breves colectivas, convocatorias ou entregas de comunicados a cada un, ó principio ou ó remate da xornada ou en momentos intermedios de actividade non intensa.

V. Disposicións derradeiras

Artigo 29º.-Garantía ad personam.

Por este convenio e en concreto por este artigo, respectaranse as condicións persoais que, globalmente consideradas, excedan do pacto no seu contido económico ou social, manténdose estrictamente ad personam.

Artigo 30º.-Partes asinantes.

Este convenio foi concertado pola Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) de Pontevedra e polas centrais sindicais CC.OO., CIG e UGT.

Artigo 31º.-Categorías e ascensos.

No persoal de obradoiro, os postos de oficial de primeira cubriranse: o 50% por antigüidade e o resto, por libre designación da empresa, en ámbolos casos, logo da proba de aptitude entre o persoal da categoría inmediata inferior. Os aprendices, unha vez superado o período de aprendizaxe, pasarán á categoría de oficial de segunda se houber vacante ou de axudante noutro caso, por un prazo máximo de dous anos, e ó remate destes adquirirán a categoría de oficial segunda.

O persoal mercantil, o aprendiz, concluído o período de aprendizaxe, pasará automaticamente á categoría de axudante. Se con carácter permanente o axudante realiza funcións específicas do dependente recoñeceráselle esta categoría, coa retribución correspondente ó dependente de máis de 22 anos. Os axudantes pasarán automaticamente á categoría de dependentes ó cumpriren 22 anos. Nos establecementos, por cada catro dependentes haberá un dependente maior, designado libremente pola empresa entre os dependentes maiores de 22 anos.

Os aspirantes pasarán automaticamente á categoría de auxiliares administrativos ó cumpri-los 18 anos. A vacante de oficial administrativo proverase por antigüidade, logo do exame de aptitude entre os auxiliares. Cando non exista máis que un empregado administrativo, pasará á categoría superior ós catro anos de actuar como auxiliar.

A aprendizaxe ou contrato de formación, tanto de persoal mercantil como de obradoiro, terá unha duración de dous anos e o seu soldo será igual ó asignado ó de peón de obradoiro.

Artigo 32º.-Canón de negociación de convenio.

Tódalas empresas incluídas no ámbito funcional deste convenio contribuirán necesariamente a sufraga-los gastos de negociación deste cunha cantidade de 1.000 pesetas por traballador e ano de vixencia do convenio.

Esta cantidade aboarase á Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) de Pontevedra.

Artigo 33º.-Contratos de duración determinada.

Contratos de duración determinada (regulados no artigo 15 b) do Estatuto dos traballadores).

Estes contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de quince meses.

Artigo 34º.-Regulamentacións administrativas.

Os traballadores e empresarios deberán dar cumprimento da forma máis estricta daquelas prescricións legais contidas no Regulamento de manipu

ladores de alimentos ou de calquera outra de aplicación.

Artigo 35º.-Pacto de non concorrencia.

Estimarase a existencia de concorrencia desleal na conducta dos traballadores, cando estes presten os seus servicios noutra empresa do sector dedicada á mesma actividade ou a desenvolvan a título persoal.

Tal competencia desleal considerarase como falta moi grave e sancionarase de acordo co previsto nas normas establecidas para o efecto.

Artigo 36º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo correspóndelle ó empresario ou á dirección da empresa en que esta delegue.

Disposición adicional

Para establece-las táboas salariais para os anos 2001 e 2002 establécese un incremento do 3,50% e 3% respectivamente para eses anos. Se durante os anos anteriormente citados o índice de prezos ó consumo (IPC) rexistrase a 31 de decembro de 2001 e 31 de decembro de 2002 un incremento superior ó 3% e 2,5%, respectivamente, o dito exceso adicionarase ós salarios vixentes en cada un dos anos sinalados anteriormente, con efectos retroactivos desde o primeiro de xaneiro de 2001 e 2002 respectivamente.

Táboas salariais que rexerán desde o 1-1-2001 ó 31-12-2001

(Incremento 3,50%)

Categorías profesionaisSalario base

* Persoal de obradoiro:
Mestre de obradoiro127.460
Encargado127.460
Oficial técnico de primeira116.151
Oficial de primeira116.151
Oficial de 2ª96.505
Axudante 89.338
Peón 86.000

* Persoal de acabado e empaquetado:
Encargado117.041
Auxiliar de máis de 18 anos90.896

* Persoal de oficios varios:
Oficial de primeira117.041
Oficial de segunda94.898
Oficial de terceira89.338

* Subalternos:
Vixilante (mercantil)105.564
Vixilante (obradoiro)87.475
Sereno105.575
Persoal de limpeza (por horas)--

* Administrativos:
Xefe de primeira131.186
Xefe de segunda125.956
Oficial de primeira120.758
Oficial de segunda103.128
Auxiliar91.816

* Persoal mercantil propiamente dito:
Corredor de praza100.159
Dependente96.505
Dependente maior100.159
Axudante90.656

Táboas salariais que rexerán desde o 1-1-2002 ó 31-12-2002

(Incremento 3%)

Categorías profesionaisSalario base

* Persoal de obradoiro:
Mestre obradoiro131.284
Encargado131.284
Oficial técnico de primeira119.636
Oficial de primeira119.636
Oficial de 2ª99.400
Axudante92.018
Peón88.580

* Persoal de acabado e empaquetado:
Encargado120.552
Auxiliar de máis de 18 anos93.623

* Persoal de oficios varios:
Oficial de primeira120.552
Oficial de segunda97.745
Oficial de terceira92.018

* Subalternos:
Vixilante (mercantil)108.731
Vixilante (obradoiro)90.108
Sereno108.742
Persoal de limpeza (por horas)--

* Administrativos:
Xefe de primeira135.122
Xefe de segunda129.735
Oficial de primeira124.381
Oficial de segunda106.222
Auxiliar94.570

* Persoal mercantil propiamente dito:
Corredor de praza103.164
Dependente99.400
Dependente maior103.164
Axudante93.376