Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre coñecemento e aplicación do Regulamento taurino.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2002, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dunhas xornadas sobre coñecemento e aplicación do Regulamento taurino, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer e interpreta-lo Regulamento taurino no nivel de presidentes e delegados gobernativos de corridas de touros.

-Saber cáles son as operacións previas ó propio festexo, o desenvolvemento deste e as operacións finais unha vez rematado o festexo.

-Adquirir un coñecemento básico sobre a figura do touro bravo, o seu fenotipo e características morfolóxicas, así como os seus encastes.

Destinatarios.

Alcaldes e concelleiros de cidades ou vilas da nosa comunidade autónoma nas que se celebren ou poidan celebrarse festexos taurinos.

Técnicos do cadro de persoal dos concellos que se atopen no caso anterior e que dun xeito ou doutro participen nos festexos taurinos (veterinarios, asesores, etc.).

Membros das forzas e corpos de seguridade, e en especial membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Membros de colectivos relacionados con esta temática e que teñan interese en ampliar ou actualizarse nela (críticos, membros e directivos de peñas, etc.).

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan é de 80.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 7 de maio de 2002, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

As xornadas celebraranse o día 10 de maio de 2002 en horario das 10 ás 13.30 horas e das 16.30 ás 19.30 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 8 de maio de 2002 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Salón de actos da Academia Galega de Seguridade, sito na avda. da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de participación.

Ó remate das xornadas entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a elas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de marzo de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade