Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2002 pola que se convocan probas de selección de alumnos para o curso 2002/2003 para a sección de especialización da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

O Decreto 270/1997, do 18 de setembro, polo que se crea a Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia (DOG nº 191, do 3 de outubro de 1997) contempla dentro do funcionamento da escola a sección de especialización. Nesta sección preténdese achegar ó panorama dos estudios musicais na CC.AA. de Galicia a oportunidade de perfeccionamento instrumental ós xoves valores como un medio para acadar un maior perfeccionamento na súa especialidade mediante a formación individualizada cara á súa integración profesional ó máis alto nivel.

Con esta finalidade o IGAEM convoca probas de admisión e selección de alumnos cara ó vindeiro curso 2002/2003, que se celebrarán os días 11 e 12 de maio de 2002 no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela, sito en avda. do Burgo das Nacións s/n, nas especialidades de violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, oboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón e percusión.

As bases da convocatoria, poderán ser examinadas e/ou solicitadas o seu envío por correo na sede administrativa do IGAEM (Pavillón de Galicia, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela). As solicitudes poderán presentarse ata o día 26 de abril de 2002 no Rexistro do IGAEM, ben persoalmente, ben por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Quen opte por presenta-la súa solicitude nun rexistro diferente do de IGAEM deberá comunicarllo por telegrama ou fax dentro do prazo.

As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

1. Dúas copias das obras a interpretar libremente coa parte de piano se a ten.

2. Fotocopia do título de grao medio ou superior ou da certificación de estudios correspondente, ou declaración persoal del.

3. Fotocopia do DNI ou equivalente.

4. Currículum vitae e fotocopia da documentación acreditativa dos méritos que se aleguen.

5. Fotocopia do certificado de residencia ou declaración persoal del.

6. Unha fotografía tamaño carné.

Soamente se pedirá documentos orixinais ou compulsados ós alumnos que superen as probas, no momento de formalizar matrícula, sendo entón imprescindible a súa presentación.

O día 8 de maio de 2002 serán expostos nos taboleiro de anuncios do IGAEM e no da Escola no Auditorio de Galicia, os horarios das probas para cada un dos instrumentos.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2002.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Instituto Galego das Artes

Escénicas e Musicais