Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.419

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Mugardos.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Mugardos (código convenio 1503262), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-1-2002 (e que foi completado con data do 4-2-2002), subscrito en representación da parte económica polo Concello de Mugardos, e da parte social polo delegado de persoal o día 20-12-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación

ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 6 de febreiro de 2002.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

Ana Lado Eiriz

Secretaria provincial da Coruña

Convenio do persoal laboral

do Concello de Mugardos

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1.1.-Ámbito de aplicación persoal.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal laboral fixo ou interino que ocupe praza do cadro de persoal no Concello de Mugardos.

Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste convenio:

a) O persoal que sexa contratado para execución de plans de fomento de emprego, formación de parados/as, programas de servicios sociais ou similares, en desenvolvemento de convenio ou con cargo a subvención nas que interveña outra entidade, xa sexa da Administración central, autonómica, local ou institucional.

b) O persoal que realice traballos de colaboración social.

Artigo 1.2.-Ámbito de aplicación temporal.

a) Vixencia do convenio: con independencia da data en que sexa asinado polas partes, aprobado polo Pleno da Corporación e publicado, este convenio entrará en vigor o 1-1-2001 ata o 31-12-2002.

b) Denuncia do convenio: efectuarase de forma automática cun mes de antelación ó remate da súa vixencia e iniciaranse as negociacións do novo acordo en data posterior ós quince días naturais contados a partir da data de denuncia.

c) Prórroga do convenio: denunciado o pacto e mentres non se acade un novo acordo expreso, manterase en vigor o presente en todo o seu contido normativo, agás no que afecta ó capítulo de retribucións, no que haberá que aterse ó disposto na Lei de orzamentos do Estado para cada ano, e mesmo no que respecta ó calendario laboral aprobado polos órganos competentes, sen prexuízo dos condicionamentos específicos recollidos neste documento.

Artigo 1.3.-Condicións máis beneficiosas.

1.3.1. As melloras establecidas en calquera outra disposición de rango superior e todas aquelas situacións colectivas que sexan mellores que as do presente acordo serán de aplicación, consonte o principio de norma máis favorable para os traballadores/as laborais do Concello de Mugardos.

Artigo 1.4.-Comisión mixta de seguimento, interpretación e control.

1.4.1. Como órgano de interpretación, seguimento e control, actuará unha comisión paritaria, composta por un membro de cada grupo político con representación no concello e o/os delegado/os sindicais que disporán de dobre valor no voto.

Esta comisión será competente para a interpretación, seguimento e control de todo o establecido neste acordo e nos seus anexos, así como para o estudio e aplicación de cantas modificacións normativas se puideran requirir por cambio da lexislación vixente, así como nas materias que incidan nas condicións socio-económicas dos traballadores/as deste concello.

Esta comisión reunirase cantas veces sexa necesario, por petición de calquera das partes.

Deberase pronunciar por escrito sobre os asuntos que figuren na orde do día e os acordos xurdidos no seo desta terán o valor executivo que considere a propia comisión.

Capítulo II

Xornada e calendario laboral

Artigo 2.1.-Xornada de traballo.

2.1.1. A xornada laboral para os traballadores /as laborais do Concello de Mugardos será de 37,5 horas semanais. O cómputo anual será de 1.675 horas.

2.1.2. Os horarios de entrada e saída dos diferentes servicios serán os vixentes na actualidade; durante os meses de xuño, xullo e agosto poderase adianta-la saída en 30 minutos, en xornada normal, agás a xornada de quenda que poderán permiti-las novas contratacións, á cal poderán acceder tódolos traballadores de xeito voluntario e sempre que as necesidades do servicio así o requiran.

2.1.3. Os traballadores/as laborais do Concello de Mugardos disporán dun descanso de 30 minutos diarios na súa xornada laboral, retribuídos e non recuperables. Durante este período non poderá ausentarse máis do 50% do persoal de cada dependencia ou servicio co obxecto de mante-lo servicio.

2.1.4. Garantiráselle ó persoal que teña que asistir a clases por cursar estudios, o desfrute de quendas fixas de traballo. En determinados casos, logo de estudio e acordo da comisión de seguimento, poderá aplicarse unha reducción da xornada laboral.

Artigo 2.2.-Horas extraordinarias.

2.2.1. Ante a grave situación de paro actual, proponse reducir ó máximo as horas extraordinarias, só aceptadas en casos de xustificada urxencia.

Réxime de valoración das ditas horas: estará recollido no anexo I.

2.2.2. Tempo por tempo: os traballos realizados fóra da xornada laboral, de acordo coas instruccións

do responsable da área de persoal, terán o tratamento seguinte:

Establécese un sistema das horas traballadas fóra do horario habitual por horas libres dentro da xornada laboral, a razón de:

-Por cada hora traballada fóra da xornada normal, un hora de descanso máis 975 pesetas.

-Por cada hora traballada en sábado, festivo ou nocturna (22 horas a 6 horas): dúas horas de descanso máis 975 pesetas.

-Para este efecto entenderase como xornada festiva os días libres, aínda que non consten no calendario como tales, e como horas nocturnas, as comprendidas entre as 22 e as 6 horas, ámbalas dúas incluídas, así como aquelas que se realicen por necesidades de servicio en prolongación da xornada nocturna.

2.2.3. Cando haxa que proceder ó aboamento das horas extras traballadas, non se excederá o prazo de 2 meses despois de feitas.

2.2.4. Os traballos que deban ser realizados polo persoal municipal fóra da xornada normal de traballo deberán contar coa autorización expresa da área de persoal, tendo en conta as necesidades de cada servicio.

2.2.5. Facilitaráselles unha notificación sobre as gratificacións por servicios especiais e extraordinarios realizados no dito período ós delegados e delegadas de persoal.

Artigo 2.3.-Calendario laboral.

2.3.1. O calendario laboral que rexerá para o persoal ó servicio do Concello de Mugardos será o establecido con carácter xeral polos organismos competentes da Administración central, autonómica e local.

Establécese ademais como festa propia dos empregados/as do concello, con carácter retribuído e non recuperable, o día de Sta. Rita. Os traballadores que por razón do servicio non poideran desfrutar deste día, terán dereito a un día libre.

Capítulo III

Vacacións, licencias e permisos

Artigo 3.1.-Vacacións.

3.1.1. As vacacións anuais, que terán unha duración dun mes, e serán retribuídas, desfrutaranse con base no cadro rotatorio que se elabore entre os traballadores/as laborais e o concello, con obxecto de non prexudica-las prestacións no servicio. O período de desfrute será preferiblemente, durante os meses de verán, de xuño a setembro, salvo que o traballador faga a solicitude expresa de desfrutalas fóra deste período, sen prexuízo de que o mes teña 30 ou 31 días.

3.1.2. As vacacións poderanse fraccionar en dous períodos de 15 días, podéndose desfrutar durante as festas do Nadal, sempre que as necesidades do servicio o permitan.

3.1.3. O período vacacional do persoal laboral que non leve traballado un ano será proporcional ó tempo de servicio que medie entre a data de ingreso e o 31 de decembro do mesmo ano, redondeando o resultado en días por exceso.

3.1.4. Se se produce baixa médica durante o período vacacional, este quedará suspendido. No suposto de que a baixa lle sobreviñese con anterioridade ó comezo das vacacións e subsistise no día sinalado no cadro vacacional para o comezo destas, non empezarán a computarse como tales vacacións para o interesado. Tanto nun coma noutro suposto, no caso de producirse colisión de intereses entre os do traballador que ve modificado o seu cadro de vacacións como consecuencia desa baixa médica e aqueles do seu mesmo servicio ou dependencia que as teñen xa programadas, terán preferencia os últimos sobre os anteriores.

3.1.5. No caso de que o traballadora/a laboral cesase por xubilación ou pasamento, sen ter desfrutado as vacacións que lle correspondesen, terá dereito el/a ou os seus habentes dereitos a que se lles inclúa na liquidación o importe proporcional das vacacións devengadas e non desfrutadas no período de tempo traballado durante o ano.

Artigo 3.2.-Licencias.

3.2.1. Os traballadores/as laborais do Concello de Mugardos teñen dereito a licencias retribuídas polas causas e tempo seguintes:

a) Por razón de matrimonio: l5 días naturais, que se poderán acumular ós días de vacacións.

b) Por xestación e parto: 16 semanas, que se distribuirán, á opción da interesada, antes e/ou despois do parto, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. Esta licencia é irrenunciable.

c) Por nacemento dun fillo e por pasamento ou enfermidade grave dun familiar ata o segundo grao, ben por consanguinidade ou afinidade: 2 días, no caso de que o suceso se produza na localidade, e catro días cando sexa en localidade distinta.

d) Por adopción: 16 semanas se se trata de menores de seis años. Se traballan a nai e o pai, distribuiranse á opción dos interesados, e co límite sinalado, de forma simultánea ou sucesiva.

e) Por voda de familiares, ascendentes ou descendentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: o día da cerimonia.

f) Por traslado de domicilio habitual: 1 día natural, se é na mesma localidade, e 2 días se é en localidade distinta.

g) Por exames: o día do exame, podendo ampliarse a criterio da comisión de seguimento.

h) Por doazón de sangue: as horas necesarias.

i) Por asistencia a xuntas, asembleas, congresos, seminarios, etc. de carácter sindical: o tempo de

duración e os delegados sindicais que acorde a comisión de seguimento.

j) Por asistencia a cursos, seminarios, etc., relacionados coa función pública, para a formación, perfeccionamento, reciclaxe e promoción profesional: o tempo de duración e o número de asistentes que acorde a comisión de seguimento; neste caso, o traballador terá dereito a indemnización por axudas de custo, gastos da viaxe, inscrición e outros.

k) Os traballadores/as do concello poderán ausentarse do traballo durante o tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público (xulgado, etc.).

l) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de 9 meses terán dereito a 1 hora diaria de ausencia do traballo. Ese tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción da xornada laboral en media hora.

Artigo 3.3.-Permisos.

3.3.1. Concederanse ademais os seguintes permisos:

a) Por interese particular: poderanse conceder permisos sen retribución dunha duración determinada que non poderá exceder dos tres meses cada dous anos.

a) Disporase de nove días de permiso ó ano para asuntos propios. Para o desfrute destes días de permiso non se poderán interrompe-los servicios da Administración local.

3.3.2. Nas referencias feitas neste capítulo a días de permisos ou licencias, entenderanse feitas a días naturais, sexan laborables ou non, agás no relativo ós permisos por asuntos particulares, que se entenderán sempre como días de traballo.

En todo caso, os días de permiso por: traslado de domicilio, concorrencia a exames, enfermidades ou falecemento de familiares deberán coincidir necesariamente co día en que se produza o evento.

En todo o non previsto neste artigo haberá que aterse ó disposto nos artigos 37, 45, 46, 48 e concordantes do Estatuto dos traballadores.

Capítulo IV

Condicións económicas

Artigo 4.1.

Os traballadores/as laborais serán remunerados polo concello, segundo os conceptos e contías que figuran neste acordo.

4.1.1. A ordenación do pagamento de gastos de persoal terá preferencia sobre calquera outro que se deba realizar con cargo ó orzamento ordinario do concello.

4.1.2. O concello entregará a cada traballadora/a laboral a nómina correspondente á súa mensualidade. O modelo de nómina será igual para tódolos traballadores/as, e nela figurarán os conceptos que

a compoñen perfectamente definidos. As devanditas nóminas entregaranse seladas e asinadas pola persoa competente.

Artigo 4.2.-Conceptos retributivos.

a) Retribucións básicas:

-Salario base.

-Antigüidade.

-Pagas extraordinarias.

b) Retribucións complementarias:

-Complemento de destino.

-Complemento específico.

-Complemento de productividade.

-Gratificacións.

Artigo 4.3.-Gratificacións.

4.3.1. As gratificacións responderán a servicios de carácter extraordinario ou especial realizados fóra da xornada normal de traballo, ou indemnizacións por razón do servicio, que non poderán ser periódicas no seu devengo, nin fixas na súa contía.

Artigo 4.4.-Incremento salarial.

4.4.1. As remuneracións do persoal para 2001 serán as da táboa que figura no anexo I deste convenio; as do 2002 serán incrementadas nos termos que fixen os orzamentos xerais do Estado para o dito ano.

4.4.2. Así mesmo será de aplicación calquera mellora ou incremento adicional recollido na Lei de orzamentos xerais do Estado.

4.4.3. A revisión salarial será consolidable para tódolos efectos, agás gratificacións e complementos extraordinarios.

4.4.4. En todo caso, as retribucións do persoal laboral serán idénticas na súa contía anual ás do persoal funcionario, consonte a seguinte equiparación:

Grupo D: oficial/aux. admvo/conductor.

Grupo E: peón/conserxe/limpadores/ordenanzas.

Artigo 4.5.-Pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias, serán dúas ó ano, por un importe cada unha delas dunha mensualidade completa agás o complemento de productividade e devengaranse coas nóminas dos meses de xuño e novembro.

Artigo 4.6.-Indemnizacións, desprazamento e axudas de custo.

O persoal do concello percibirá axudas de custo nos seguintes casos:

a) Cando mediase un desprazamento, por razón do servicio, a outra localidade e utilizase medio de locomoción propio.

b) Cando asista, logo de autorización, a cursos de formación, perfeccionamiento ou xornadas de traballo.

c) As contías das axudas de custo serán as establecidas na normativa vixente, en cada caso, ou poderanse compensar en tempo por tempo.

d) Cando o traballador utilice voluntariamente o vehículo propio para facer desprazamentos por razón de servicios especiais, aboaráselle a cantidade de 28 pesetas por km realizado.

Se no suposto anterior o vehículo sufrise algún desperfecto por motivo de sinistro, o concello, logo de informe favorable da comisión de seguimento, farase cargo da contía total da reparación do vehículo e dos gastos de tal contratempo coa dilixencia precisa, sempre e cando o sinistro non se producise por imprudencia temeraria do conductor do vehículo, ou ben que a culpabilidade sexa de terceiras persoas, a cal tería que responder destes danos ou ben que careza de cobertura suficiente por parte do seu seguro.

e) Se o desprazamento por razón do servicio ou por asistencia a cursos excede da xornada laboral, o traballador, á parte das indemnización por quilometraxe e axudas de custo que lle puideran corresponder, acumulará as horas de exceso da xornada laboral para o seu posterior desfrute.

Capítulo V

Condicións sociais

Artigo 5.2.-Baixa laboral.

5.2.1. O concello garantirá a percepción do 100% das retribucións ós traballadores/as laborais en situación de baixa por enfermidade ou accidente desde o primeiro día.

Artigo 5.3.-Anticipos.

5.3.1. Por petición do interesado/a, o concello concederalle ó persoal anticipos de cantidades sobre o soldo e a súa devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen que xeren ningún tipo de xuros.

5.3.2. A contía dos citados anticipos será de ata 2 mensualidades dos haberes totais líquidos, máximo 400.000 pesetas, a devolución efectuarase en 15 meses.

En casos de necesidade extraordinaria, poderanse conceder anticipos de superior contía, logo de estimación da comisión paritaria. O prazo de devolución estimaríao, así mesmo, a dita comisión paritaria.

En calquera momento, a contía pendente de amortización poderá ser liquidada polo traballador ou traballadora.

En todo caso, o período máximo de devolución solicitado polo persoal non pode supera-la data da súa xubilación.

Non se concederán novos anticipos se o empregado ou empregada non amortizara o 100% do que tiña concedido con anterioridade, salvo por causa de imperiosa necesidade debidamente xustificada.

Tódolos traballadores/as terán dereito a percibir, en caso de necesidade, un anticipo do 90% das retribucións mensuais ordinarias. Farase efectivo de xeito inmediato, e a cantidade correspondente descontaráselle automaticamente na nómina do mesmo mes.

Artigo 5.4.-Traballador con capacidade física diminuída.

5.4.1. Todo traballador/a laboral, que por razón de idade ou outras causas, teña diminuída a súa capacidade para desenvolve-lo seu traballo ou oficio habitual, terá dereito a que o concello, logo de informes médicos e da comisión de seguimento, o destine a outro posto de traballo acorde coas circunstancias sobrevidas e conservando as mesmas retribucións, sempre e cando exista dispoñibilidade e nunca suporá a creación dun novo posto de traballo.

5.4.2. O concello aboaralles ós traballadores/as con fillos/as, cónxuxe ou persoa ó seu cargo diminuído físico ou psíquico, a cantidade de 10.000 pesetas mensuais por cada un, que será aboado na nómina mensual, sempre que o diminuído non perciba ningunha cantidade derivada do rendemento do traballo.

Artigo 5.5.-Seguro de accidentes e asistencia xurídica e responsabilidade civil.

5.5.1. Seguro de vida: o concello concertará unha póliza de seguro colectivo de vida para os traballadores e traballadoras municipais, que cubra os riscos de morte, invalidez permanente e absoluta cos seguintes capitais:

-Morte en calquera circunstancia: 4.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente total e permanente absoluta: 8.000.000 de pesetas.

5.5.2. O concello garantirá a prestación de asistencia xurídica a tódolos traballadores/as laborais que a precisen, por razóns de conflictos con terceiros derivados da prestación do servicio.

Para tales efectos, subscribirán unha póliza de seguros que garanta a cobertura suficiente das responsabilidades civís.

Artigo 5.6.-Xubilacións.

5.6.1. Os traballadores e traballadoras cunha antigüidade mínima de 15 anos, de se xubilaren voluntariamente antes de acada-la idade regulamentaria, percibirán unha compensación económica segundo a seguinte escala:

-60 anos: 1.500.000 pesetas.

-61 anos: 1.200.000 pesetas.

-62 anos: 900.000 pesetas.

-63 anos: 600.000 pesetas.

-64 anos: 300.000 pesetas.

Artigo 5.7.-Recoñecemento médico.

5.7.1. O concello adoptará as medidas precisas para que o persoal laboral poida efectuar un recoñecemento médico completo de periodicidade anual.

Asemade poderán realizarse recoñecementos médicos específicos, acordes co posto de traballo.

Artigo 5.8.-Protección do embarazo.

A traballadora laboral xestante poderá optar, dentro do mesmo servicio, a ocupar outro posto de traballo distinto ó seu, cando as súas circunstancias físicas así o aconsellen, sendo prescrito polo facultativo correspondente, e logo de proposta dos representantes do traballadores, e sempre que o servicio o permita. Así mesmo, poderá ausentarse do seu posto de traballo durante o tempo estrictamente necesario para asistir ás clases de preparación ó parto, será necesaria a prescrición facultativa e a xustificación semanal de asistencia ás clases.

Capítulo VI

Condicións profesionais

Artigo 6.1.-Normas xerais.

6.1.1. Tódolos traballadores/as ó servicio do Concello de Mugardos teñen dereito a unha verdadeira carreira profesional, para o cal, o concello potenciará a súa formación profesional mediante o seu ascenso ós postos de traballo de niveis superiores ó grao persoal que todo traballador posúa, dentro dos termos establecidos na lexislación vixente.

6.1.2. A corporación creará e dotará no orzamento anual as prazas e postos de traballo que sexan precisas, tendo en conta os principios de racionalidade, economía e eficacia.

6.1.3. É condición indispensable para calquera clase de mobilidade, provisión ou promoción, a previa existencia do catálogo de postos de traballo, debidamente aprobada polos órganos competentes para isto.

6.1.4. O concello comprométese á confección dun catálogo de postos de traballo onde figuren claramente os cometidos e funcións de cada posto de traballo. Ningún posto de traballo deberá cubrirse por adscrición indiscriminada ou arbitraria.

6.1.5. Para a mellora da dignidade persoal e profesional dos traballadores/as laborais, non se lles poderá asignar nin obrigar a realizar funcións ou tarefas que non garden relación co posto de traballo que desempeñen.

Artigo 6.2.-Provisión de postos de traballo.

6.2.1. Todo ascenso para ocupar postos de traballo, ben por vacante ou nova creación, se realizará por concurso de méritos, segundo baremo que se estableza, o cal determinará como méritos de necesaria consideración, entre outros, os seguintes:

a) A posesión dun grao persoal adecuado.

b) Cursos de formación e perfeccionamento.

Antigüidade, que se vai considerar coa seguinte orde de prioridade:

-No concello.

-No servicio.

-Os particulares en atención ás características específicas de cada posto.

6.2.2. Efectuarase mediante a oportuna convocatoria entre os traballadores/as laborais do concello. Tanto a convocatoria como o concurso responderán, en todo caso, ós principios de igualdade, méritos, capacidade e publicidade.

6.2.3. No caso de non presentarse no prazo estipulado nas bases da convocatoria, solicitudes para cubri-los postos de traballo, a corporación, logo de proposta informe preceptiva da comisión de seguimento, obrará en consecuencia.

Artigo 6.3.-Promoción interna.

6.3.1. A promoción interna consiste no ascenso dos traballadores/as dun posto inferior a outro superior.Promoverase sempre polo sistema de concurso de méritos e exame entre os traballadores/as laborais existentes no cadro de persoal no concello, logo de convocatoria para o efecto.

6.3.2. Non se efectuará promoción interna sen a preceptiva relación de postos de traballo.

6.3.3. Quenda restrinxida. Os postos de traballo vacantes e as prazas de nova creación cubriranse por promoción interna, reservando para tal efecto, a porcentaxe que estableza a comisión de seguimento para cada convocatoria. En todo caso non será inferior ó 50%.

6.3.4. Para poder optar á quenda restrinxida será necesario reuni-las condicións que, en cada caso, sinalen as bases establecidas.

6.3.5. No caso de que a praza ou posto de traballo sexa unha, esta será de quenda restrinxida.

6.3.6. Quenda libre: aquelas prazas ou postos de traballo que non fosen cubertas ou destinadas ó grupo restrinxido serán as que constitúan a oferta de emprego público anual.

Artigo 6.4.-Órganos de selección.

6.4.1. En toda convocatoria para provisión de postos de traballo, figurará a composición do órgano cualificador que, en todo caso, contará coa presencia de, polo menos, un representante dos traballadores como vocal con voz e voto.

Capítulo VII

Seguridade e saúde no traballo

Artigo 7.1.-Organización e participación.

7.1.1. Todo traballador/a laboral ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e psíquica e á súa saúde, así como a unha axeitada política

de seguridade e saúde no traballo e á participación na formulación da política de prevención no seu centro de traballo e ó control e vixilancia das medidas adoptadas para o seu desenvolvemento.

7.1.2.

a) Haberá un delegado/a de prevención, que poderá ser tanto de persoal funcionario coma de persoal laboral, segundo o artigo 35 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

b) As súas funcións serán as recollidas no artigo 36 da citada Lei 31/1995.

7.1.3.

a) O concello estará obrigado a designa-los traballadores/as encargados/as do servicio de prevención (SP) segundo o artigo 31 da citada Lei 31/1995.

b) Ademais das funcións recollidas no citado artigo, será función primordial do SP a elaboración do mapa de riscos que afecten ó persoal do concello, ademais do plan de evacuación e emerxencia.

7.1.4. Negociarase no prazo máximo de seis meses un Regulamento de seguridade e saúde para o persoal do concello.

Artigo 7.2.-Vestiario de traballo e elementos de protección.

7.2.1. O concello proporcionará vestiario de traballo en concordancia co posto de traballo e a función que se realice.

7.2.2. A comisión de seguimento velará para que as pezas e elementos de protección reúnan as condicións adecuadas.

7.2.3. Ós traballadores/as laborais suxeitos a riscos específicos dotaráselles de pezas ou elementos de protección adecuadas á natureza do risco.

Artigo 7.3.-Caixa de primeiros auxilios.

7.3.1. En tódolos centros de traballo haberá, como mínimo, unha caixa de primeiros auxilios, debidamente provista.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 8.1.-Dos delegados e delegadas de persoal.

8.1.1. O concello facilitará o acceso ós medios técnicos e material necesario para o normal desenvolvemento das funcións dos delegados e delegadas de persoal, non interferindo o normal desenvolvemento da actividade municipal:

-Local de reunións.

-Sala de asembleas.

-Fotocopiadora.

-Teléfono.

-Fax.

-Material de oficina, etc.

Así como aboará os gastos que teñan os representantes sindicais para o desempeño do seu labor.

8.1.2. Recoñéceselles tamén a capacidade xurídica de obrar de acordo co establecido na lexislación vixente, ós sindicatos e seccións sindicais.

8.1.3. Recoñécense tódolos dereitos sindicais establecidos por lei.

8.1.4. Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos traballadores e traballadoras, así como ó dereito á folga coas limitacións impostas pola lei, e á non discriminación, prexuízo nin sanción, por razóns de afiliación, ó exercicio dos dereitos sindicais.

8.1.5. As horas de libre disposición para cada un dos delegados será de 30 horas ó mes.

Non se consideran computables como horas sindicais, nin as de negociación nin aquelas que se utilicen en reunións con órganos da Administración.

8.1.6. Logo de solicitude por escrito da oportuna autorización, poderán consultar e informarse de tódolas cuestións que afecten ó persoal do concello, dispoñendo para tal fin do libre acceso, consulta e reproducción gratuíta de toda a documentación relativa ás ditas cuestións, dentro do límite de reserva e non abuso. A negativa da autorización deberá darse por escrito coas motivacións que a xustifiquen.

8.1.7. Os representantes dos traballadores/as laborais do Concello de Mugardos serán convocados por escrito, facilitándoselle-la orde do día, a tódalas reunións da comisión de persoal, sempre que se vaian tratar temas relativos ou que poidan afectar ós traballadores/as do concello.

Artigo 8.2.-Garantías sindicais.

8.2.1. Os delegados e delegadas sindicais non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, como consecuencia das súas actividades sindicais.

8.2.2. Tampouco poderán ser trasladados da unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade expresa, durante o período citado no parágrafo anterior.

8.2.3. Os delegados sindicais non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por razón do desempeño da súa representación.

8.2.4. As reunións da comisión de seguimento ou dos delegados con calquera órgano do concello serán en horas de traballo.

Artigo 8.3.-Asembleas.

8.3.1. O concello comprométese a facilitar un local para a realización de asembleas xerais ou de centro,

e á disposición de tempo de ata un máximo de 25 horas anuais, de conformidade coa Lei 9/1987.

8.3.2. Sen prexuízo do anteriormente establecido, cada centro de traballo poderá realizar asembleas, sempre que sexan de carácter sindical ou de asuntos de trascendencia, dentro da xornada laboral, e dentro da primeira ou da última media hora, con intervención e presencia sempre dalgún delegado sindical, comunicada a súa realización ó xefe de persoal cunha antelación e dous días hábiles. O dito período de media hora non se poderá computar negativamente para ningún efecto.

Disposicións xerais

Primeira.-Entenderase por cónxuxe a persoa a quen se ligou o traballador de maneira permanente por vínculo legal ou análoga relación de afectividade. Neste último caso, acreditarase con informe de convivencia para os efectos oportunos.

Segunda.-O feito de que un traballador/a laboral non realice a súa xornada laboral (por vacacións, ILT, permisos, etc.), non implicará en ningún caso o aumento da xornada laboral do resto dos traballadores dese servicio ou dependencia.

Terceira.-No caso de despedimento improcedente, o traballador poderá optar entre incorporarse ó seu posto de traballo ou ser indemnizado polo concello.

Esta disposición só será aplicable a traballadores/as que, trala superación do correspondente proceso selectivo, ocupen posto de traballo de carácter fixo.

Cuarta.-O concello fará entrega dunha copia deste acordo e as súas posibles modificacións a tódolos traballadores que formen parte do cadro de persoal.

Quinta.-Naqueles puntos non concretados neste acordo haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente.

Sexta.-Os accidentes que poidan sufri-los traballadores/as laborais no desprazamento desde o seu domicilio habitual ata o concello e viceversa, consideraranse para tódolos efectos accidentes de traballo.

Sétima.-As cantidades percibidas polo persoal laboral en concepto de axudas sociais quedarán recollidas no complemento de productividade sen que iso supoña variación de custos.

Disposición derradeira

Este convenio negociado regulador das condicións de traballo e dereitos sindicais do persoal laboral do Concello de Mugardos, asínase entre o xefe de persoal e o delegado do persoal, para someterse logo á ratificación do Concello Pleno nos mesmos termos en que foi acordado na negociación.

ANEXO I

Táboa salarial do persoal laboral

Ano 2001

CategoríasSoldoTrieniosNivelC. destinoC. específ.C. productiv.Compl.S. mesExtraTotal ano

Aparelladora139.54015.0532065.52589.1014.258303.477299.2194.235.900

Asistente social139.540315.1592065.52558.59119.382298.197278.8154.116.613

Aux. biblioteca/OIX85.052410.1321858.83041.0443.90810.814209.779205.8712.892.740

Oficial de 1ª auga85.052410.1321858.83040.9953.88743.255198.896195.0093.248.685

Oficial 2ª de servicios85.05224.4331652.14142.3503.871187.847183.9762.618.246

Oficial de 2ª servicios85.05236.3331652.14142.3743.881189.781185.9002.645.292

Oficial 2ª serv. recollida lixo-chofer85.052410.1321658.83042.3943.90843.255200.316196.4083.268.512

Peón servicio recollida de lixo77.64635.7001445.44838.4813.81643.255171.091167.2752.859.628

Peón servicio recollida de lixo77.64601445.44838.4813.81643.255165.391161.5752.779.831

Peón de servicios77.64611.9001445.44838.4503.802167.246163.4442.330.035

Peón de servicios77.64601445.44838.4503.802165.346161.5442.303.438

Conserxe colexio Catro Camiños77.64647.6001445.44838.5033.825173.022169.1972.410.830

Conserxe colexio Francisco Vizoso77.64623.8001445.44838.4803.815169.189165.3742.357.198

Conserxe polideportivo77.64611.9001445.44838.4503.80221.628167.246163.4442.567.944

Limpadora concello77.64623.0611445.44838.2103.701168.066164.3652.341.818

Limpadora centro de saúde77.64647.6001445.44838.4963.822173.012169.1902.410.699

Limpador 6 horas biblioteca62.5801.53036.62830.9093.031134.678131.6471.876.403

Limpador 6 horas Francisco Vizoso62.5801.53036.62830.9923.066134.796131.7301.877.946

Limpadora 4 horas Seixo41.7201.97024.41920.6692.04890.82688.7781.265.423

Limpadora 4 horas escola San Xoán41.7201.02024.41920.6632.04589.86787.8221.252.009

Psicóloga206.816206.816206.8162.895.424

Axente de desenvolvemento local146.880146.880146.8802.056.320

Persoal de axuda a domicilio91.80091.80091.8007.711.200

Aux. administrativo serv. sociais107.271107.271107.2711.501.794

65.823.930

Valor hora extra:

Peón: 2.000 pesetas/hora.

Oficial 2ª: 2.200 pesetas/hora.

Oficial 1ª: 2.400 pesetas/hora.

ANEXO II

Quenda: por necesidade de ofrecer de forma ininterrompida os servicios, e na filosofía de elimina-las horas extras, as partes acordan establecer un réxime de quenda.

A quenda de mañá estará suxeita á xornada normal, e a xornada de quenda de tarde será de 14 a 21 horas.

A xornada de quenda de tarde terá un complemento de quenda de 900 pesetas/día.

Mugardos, 20 de decembro de 2001.

Polo concello:

Membros da mesa negociadora:

Xosé Fernández Barcia.

Juan Toimil Iglesias.

Manuel E. Fariña Doval.

Pilar Díaz Otero

Emilio Varela Deibe.

Polos traballadores:

Juan A. Fernández Coira, delegado sindical.

Conforme:

Ramón Toimil Saavedra, alcalde-presidente.