Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 114/2002, do 22 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 126, Plan de Obras e Servicios 2001 Samos, estrada provincial Samos-O Courel, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,0 ó 4,5 (concello de Samos).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vintecatro de agosto de dous mil un, aprobou o proxecto da obra número 126, Plan de Obras e Servicios 2001 Samos, estrada provincial Samos-O Courel, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,0 ó 4,5, e, na sesión do vintenove de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día un de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintesete de decembro de dous mil un.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, a vía onde se quere actuar soporta un intenso tráfico pesado de camións en dirección Sarria-Lugo, cara a explotacións mineiras de mármore e areas, polo que supón un constante perigo tanto para o tráfico rodado como peonil, ó tratarse dunha zona caracterizada polas

fortes pendentes e curvas de radio moi pechado. Tamén se fai necesaria a actuación polos danos sufridos nos pasados temporais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 126, Plan de Obras e Servicios 2001 Samos, estrada provincial Samos-O Courel, alargamento e mellora do punto quilométrico 3,0 ó 4,5.

Santiago de Compostela, vintedous de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais