Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 113/2002, do 22 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 183, Plan Operativo Local 2001 Mondoñedo, estrada provincial dos Remedios a Estelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,48 a 1,00 (concello de Mondoñedo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vinteún de setembro de dous mil un, aprobou o proxecto da obra número 183, Plan Operativo Local 2001 Mondoñedo, estrada provincial dos Remedios a Estelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,48 a 1,00, e na sesión do vintenove de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día un de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día tres de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, a actuación prevista afecta un barrio da cidade de Mondoñedo, de calzada moi estreita e cun grande tránsito peonil e de vehículos, o que sumado ós danos producidos polos pasados temporais, supón un grave risco de perigosidade e sinistralidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens

e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 183, Plan Operativo Local 2001 Mondoñedo, estrada provincial dos Remedios a Estelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,48 a 1,00.

Santiago de Compostela, vintedous de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais