Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de marzo de 2002 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

A fórmula da delegación competencial é utilizada polas administracións públicas, entre elas os organismos autónomos, co fin de conseguir unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos administrativos, en beneficio tanto do funcionamento da Administración como dos administrados.

Publicado o Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, que estableceu a nova estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, procede adecuar á nova esrtuctura do organismo alí establecida as normas de delegación existentes.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha soa norma tódalas delegacións, tanto nos órganos centrais como periféricos, e nos complexos hospitalarios, dun xeito acorde coa norma de estructura que tamén agrupou a regulación dos órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

Esta delegación faise de conformidade cos principios recollidos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada por Lei 4/1999) sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente; o artigo 3.2º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde; os artigos 9 b) e 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 (modificada polas leis 5/2000, do 28 de decembro e 8/1999, do 30 de decembro) que aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada por Lei 4/1999) sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983 (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro) reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Primeiro.-Deléganse na Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde as seguintes facultades:

a) A execución dos acordos de carácter xeral do Consello de Administración.

b) O despacho e resolución de cantos expedientes lle estean atribuídos ó presidente por disposición legal ou regulamentaria, sempre que non estean expresamente delegados pola presente orde noutra autoridade ou órgano administativo.

c) A resolución dos expedientes e asuntos de índole patrimonial e a formalización dos correspondentes negocios xurídicos, así como o exercicio daqueloutras competencias en materia patrimonial atribuídas ó presidente do organismo.

d) A resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades do organismo, agás as dictadas nos expedientes sancionadores non disciplinarios, sobre materias ou asuntos dos que a súa resolución non estea atribuída competencialmente ou por delegación a outros órganos do Sergas.

e) A resolución das reclamacións previas ás vías xudiciais civil e social, en materia de expedientes disciplinarios, de todo o persoal do organismo autónomo.

f) A concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos, respecto do persoal dos servicios centrais, por proposta da correspondente división.

g) A autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización, en relación ó persoal da Secretaría Xeral.

h) En relación ós directores provinciais e persoal directivo de institucións sanitarias, tanto no ámbito de atención primaria como de especializada, a autorización das comisións de servicios con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos.

i) En relación ó persoal das divisións e direccións provinciais e a proposta destas, a autorización de asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento.

Respecto do persoal directivo das institucións sanitarias, unha vez concedida a autorización a que se refire o parágrafo anterior, a institución daralle conta ós directores provinciais da referida asistencia.

Para tal efecto, enténdese por «persoal directivo» os directores xerentes e demais directores e subdirectores de institucións sanitarias, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada.

j) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal de servicios centrais e direccións provinciais do Sergas, por proposta da correspondente división ou dirección provincial.

Segundo.-Deléganse na División de Asistencia Sanitaria as seguintes facultades:

a) A resolución, logo de información da respectiva dirección provincial, dos expedientes de reintegro de gastos ós beneficiarios de asistencia sanitaria da Seguridade Social, en contía superior a 30.000 A.

b) En relación ó persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Terceiro.-Deléganse na División de Recursos Económicos, ademais do previsto no artigo 14.3º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, as seguintes facultades:

a) Actuar como órgano de contratación do Sergas para os concertos de asistencia sanitaria, e para os concertos sociosanitarios, e outros contratos para a prestación de servicios sanitarios.

b) A autorización do uso temporal de centros e servicios que non teñan sido aínda concertados.

c) En relación co persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

d) Proposta e, se é o caso, aprobación das modificacións orzamentarias que lle correspondan ó Sergas.

e) Tramitación de expedientes e, se é o caso, actuar como órgano de contratación de gastos correspondentes a centros de diferentes provincias.

f) Xestión e resolución das actuacións e procedementos derivados de normas regulamentarias, contratos, acordos ou convenios, exclusivamente en materia de financiamento, que lle correspondan ó Sergas, agás nas competencias atribuídas á Secretaría Xeral.

Cuarto.-Deléganse na División de Recursos Humanos, ademais do previsto no artigo 18.2º do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, as seguintes facultades:

a) A resolución dos recursos interpostos contra actos das autoridades e órganos do Sergas dictadas en materia de recursos humanos, así como das reclamacións previas á vía xudicial laboral.

b) A convocatoria e resolución dos procesos selectivos para a cobertura de postos de traballo de persoal laboral, sen prexuízo do previsto no artigo 25.3º e) do Decreto 45/2002, en relación ós directores provinciais do Sergas.

c) A convocatoria de probas selectivas para o ingreso nos corpos ou escalas de carácter sanitario, o nomeamento de funcionarios pertencentes ós ditos corpos e escalas, e a expedición dos correspondentes títulos, así como dicta-las resolucións sobre xubilacións.

d) A convocatoria e resolución de concursos de traslados para a provisión de prazas das áreas de saúde, institucións e servicios sanitarios.

e) A aprobación das bases xerais para as convocatorias de acceso a prazas de área de saúde, institucións e servicios sanitarios.

f) A concesión de comisións de servicio ó persoal estatutario entre institucións dependentes de diferentes direccións provinciais do Sergas, así como a adscrición daquel persoal ós servicios centrais, e a autorización para que poida pasar a prestar servicios noutras entidades ou organismos das administracións públicas.

g) A concesión das comisións de servicio de duración inferior a 3 meses, consideradas no artigo 15.7º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

h) A concesión das prestacións estatutarias refiridas á acción social.

i) En relación ó persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

j) En relación ó persoal de servicios centrais ou direccións provinciais, a concesión de permisos ou licencias que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos.

k) A autorización ó persoal estatutario dos permisos sen soldo regulamentarios ou as súas prórrogas, cando sexan superiores a un mes en cada ano natural.

l) A resolución dos expedientes de modificación do cadro de persoal do Sergas que correspondan a este organismo, de conformidade co establecido na normativa vixente.

m) En relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do organismo, non incluído nas relacións de postos de traballo, a resolución en materias de réxime retributivo que correspondan ó organismo de conformidade co previsto na normativa vixente.

n) Todos aqueles actos da administración e xestión ordinaria do persoal do organismo que non fosen delegados expresamente pola presente orde noutros órganos.

Quinto.-Delégase na División de Farmacia e Productos Sanitarios a seguinte facultade:

En relación co persoal do seu centro directivo, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

Sexto.-Deléganse nos directores xerentes de institucións sanitarias ou nos seus equivalentes, tanto no ámbito da atención primaria como da especializada, e en relación cos seus respectivos centros de gasto, as seguintes facultades:

a) En relación co persoal non directivo dependente do centro, a autorización de comisións de servicio con dereito a indemnización, e a autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento.

b) En relación co persoal funcionario e laboral dependente do centro que ocupe postos de traballo incluídos nas relacións de postos de traballo, a concesión de permisos e licencias que non teñan repercusión na súa nómina.

c) En relación co persoal estatutario e co persoal funcionario e laboral dependente do centro non incluído nas relacións de postos de traballo, a concesión de permisos e licencias que non excedan dun mes de duración e as súas prórrogas.

d) A autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización que se realicen dentro da Comunidade Autónoma por eles mesmos ou polo persoal directivo do centro.

e) A autorización, para o persoal estatutario, dos permisos sen soldo regulamentarios, ou as súas prórrogas, cando sexan iguais ou inferiores a un mes en cada ano natural.

f) A expedición das dilixencias de posesión, incorporación ou cesamento que, se é o caso, se produzan. Tales dilixencias notificaránselle á respectiva dirección provincial.

g) O nomeamento ou a contratación de persoal temporal das institucións ou servicios deles dependentes, logo da autorización da correspondente dirección provincial; así como a selección e nomeamento de persoal temporal na categoría de facultativo especialista.

Os acordos que se adopten neste ámbito notificaránselle á División de Recursos Humanos e á respectiva dirección provincial.

h) O control do horario e da asistencia e presencia física do persoal do seu centro.

i) A autorización dos gastos e as propostas de pagamento con cargo ós orzamentos dos seus respectivos centros.

j) A actuación como órgano de contratación nos contratos imputables ós seus respectivos orzamentos de gastos, que se refiran a:

-Contratos de obras ata un importe de 300.000 A, e sempre que a obra non requira informe da oficina de supervisión de proxectos por afecta-la estabilidade, seguridade ou estanqueidade.

-Contratos de consultoría e asistencia, e de servicios, ben que cando a contía exceda de 300.000 A requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos, e se a contía excede de 1.200.000 A requirirá autorización expresa do presidente do Sergas.

-Contratos de subministración nas mesmas condicións previstas no parágrafo anterior, agás os contratos de subministracións mediante a modalidade de arrendamento que requirirá autorización expresa da División de Recursos Económicos cando a súa contía exceda de 60.000 A e autorización expresa do presidente do Sergas cando a contía exceda de 1.200.000 A. Na modalidade de arrendamento con opción de compra, computarase a contía prevista da opción para os efectos de determina-los importes referidos neste parágrafo.

Os contratos de subministracións mediante a modalidade de arrendamento financeiro requirirán autorización expresa do presidente do Sergas en tódolos casos.

Esta delegación entenderase para a autorización de gastos, propostas de pagamento e celebración de contratacións consideradas, individual ou conxun

tamente, no mesmo expediente para os diferentes centros de gasto dependentes da xerencia.

k) A celebración dos contratos administrativos especiais, logo de autorización expresa da División de Recursos Económicos.

Sétimo.-Facúltanse os secretarios provinciais, xefes dos servicios de xestión económica e investimentos, e directores de xestión ou os seus equivalentes nos respectivos centros de gasto, para formula-las correspondentes propostas nos expedientes tramitados con cargo ós orzamentos dos seus respectivos centros de gasto, integrados no orzamento do organismo autónomo.

Oitavo.-Facúltanse os directores de xestión ou os seus aquivalentes nos respectivos centros de gasto da rede do Sergas, para levar a cabo as actuacións necesarias en materia de ingresos que se deriven de servicios prestados no ámbito do seu centro e que teñan a consideración de prezo público.

Isto sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda.

Noveno.-As resolucións e actos administrativos emanados no uso destas delegacións respectarán os requisitos formais e limitacións establecidos no artigo 13 da Lei 30/1992, (modificada por Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983, (modificada por Lei 11/1988), reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición transitoria

De conformidade co establecido na disposición transitoria primeira do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, e mentres non se leve a cabo o nomeamento do secretario xeral do organismo, as delegacións efectuadas a prol deste na presente orde, entenderanse referidas á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

1. Orde do 21 de abril do 1998, e a Orde do 23 de marzo de 2000, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

2. Orde do 23 de abril de 1999, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde.

3. Orde do 18 de marzo de 1999, e Orde do 23 de marzo de 2000,sobre delegación de competencias nos xerentes xerais dos complexos hospitalarios de Ourense e Pontevedra.

4. Orde do 6 de febreiro do 1996, sobre delegación de competencias no director de Recursos Humanos e Relacións Laborais do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

Segunda.-Quedan tamén derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade