A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día vintecatro de agosto de dous mil un, aprobou o proxecto da obra nº 124, Plan de Obras e Servicios 2001, Plan Operativo Local, estrada provincial de Lea-Suegos-Francelos, alargamento e mellora punto quilométrico 1 a 2,5, e na sesión do vintenove de outubro de dous mil un, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día un de febreiro de dous mil dous.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día tres de xaneiro de dous mil dous.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a deputación esta estrada discorre por unha bisbarra con abundancia de explotacións gandeiras, sendo frecuente a utilización de maquinaria agrícola, polo que se fai necesaria unha maior amplitude da calzada para evitar accidentes,
dado o seu estreitamento, e tamén proceder ó seu arranxo debido á grave deterioración producida polos últimos temporais.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de febreiro de dous mil dous,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra nº 124, Plan de Obras e Servicios 2001, Plan Operativo Local, estrada provincial de Lea-Suegos-Francelos, alargamento e mellora do punto quilométrico 1 a 2,5.
Santiago de Compostela, vintedous de febreiro de dous mil dous.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais