Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 99/2002, do 7 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Ourense, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de camiño veciñal 306 Leiro-Pedra do Carro (concello de Leiro).

A Deputación Provincial de Ourense, en sesión do día trinta de novembro de dous mil un, aprobou o proxecto de camiño veciñal 306 Leiro-Pedra do Carro, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Ourense foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecinco de febreiro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, a estrada na que se vai actuar é unha importante vía de comunicación de carácter intermunicipal e comarcal, xa que, ademais de uni-la vila de Leiro coa estrada de Carballeda de Avia-Avión-Beariz, é paso obrigado para toda unha serie de parroquias sitas na bisbarra e ribeira do río Avia; xa que logo, é necesario acondicionar dous puntos que presentan dificultade, por se-lo largo da plataforma menor que no resto da estrada, polo que se provocan uns estrangulamentos certamente perigosos para o tránsito rodado e incluso para os viandantes, con evidente risco para a seguridade persoal.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Ourense, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de camiño veciñal 306 Leiro-Pedra do Carro.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais