Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 05 de abril de 2002 Páx. 4.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 14 de marzo de 2002 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Para acadar unha maior axilización no trámite e resolución dos asuntos atribuídos ó titular da consellería, o que beneficia tanto á Administración coma ós administrados, e sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e ás súas garantías xurídicas, os órganos da Administración veñen facendo uso da fórmula da delegación competencial.

Publicado o Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, abranguendo os seus órganos centrais e periféricos, cómpre adecuar á nova estructura as normas de delegación existentes.

Por razóns de técnica normativa reúnense nunha norma tódalas delegacións, tanto nos órganos centrais coma nos periféricos, axustando aquelas á nova estructura da consellería.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente; o artigo 4.1º do Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade; os artigos 8 e 72.4º do Decreto lexislativo 1/1999 (modificado polas leis 5/2000, do 28 de decembro e 8/1999, do 30 de decembro), que aprobou o texto refundido la Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada por Lei 4/1999), sobre réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; e nos artigos 42 e 43 da Lei 1/1983 (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Primeiro.-Deléganse no secretario xeral da consellería as seguintes facultades:

a) Dispoñer de canto atinxa ó réxime interno da consellería, cando non sexa competencia doutro centro directivo.

b) Despacho e resolución dos expedientes de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

c) Resolución na vía administrativa dos recursos interpostos contra os actos e resolucións das autoridades da consellería, agás as dictadas en expedientes sancionadores non disciplinarios.

d) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da consellería ata o límite dos créditos autorizados; así como a facultade de solicitar do conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

e) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas ó titular da consellería, sen prexuízo das que lle coresponden de seu segundo o artigo 2.B.a) do Decreto 119/1982, do 5 de outubro.

f) O exercicio da xefatura do persoal do departamento e a súa inspección, segundo o previsto no artigo 2.D.e) do Decreto 119/1982, do 5 de outubro.

g) A incoación de expedientes disciplinarios a todo o persoal da consellería e do Sergas.

h) O exercicio das potestades disciplinarias, agás a separación do servicio, de conformidade coas disposicións vixentes.

i) A autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral, actos de capacitación ou perfeccionamento, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

j) En relación co persoal dos servicios centrais, e por proposta da correspondente dirección xeral, a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

k) A concesión de permisos ou licencias que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

l) En relación ás delegacións provinciais da consellería, a autorización das comisións de servicios con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licencias.

m) En relación co persoal da Secretaría Xeral, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

n) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal dos servicios centrais e delegacións provinciais da consellería, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

ñ) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e demais disposicións vixentes, coa excepción das establecidas no punto 8 do mesmo artigo en relación co persoal ó que se fai referencia no artigo 7.2º d) da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.

o) As funcións inherentes ó exercicio do protectorado que lle corresponden á consellería en relación coas fundacións de interese galego.

Segundo.-Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade, a seguinte facultade:

En relación co persoal da delegación, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos de gastos.

Terceiro.-As resolucións e actos administrativos emanados no uso destas delegacións respectarán os requisitos formais e as limitacións establecidos no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (modificada por Lei 4/1999), sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 43 e 44 da Lei 1/1983 (modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro), reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición transitoria

Sen prexuízo do disposto no artigo 1 desta orde, as facultades a que se refiren as alíneas d), e), k) e ñ), serán exercidas, nos seus respectivos ámbitos, polas divisións de recursos económicos e recursos humanos do Sergas, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda do Decreto 45/2002, do 8 de febrero, polo que se establece a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 21 de abril do 1998, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade