Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 03 de abril de 2002 Páx. 4.203

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e esixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial.

A Orde do 27 de decembro de 2000 establece o procedemento unificado para a obtención e expedición de carnés profesionais para a instalación, mantemento e reparación de instalacións sometidas ós regulamentos de seguridade industrial.

Así mesmo, establece os requisitos que deben cumpri-las empresas autorizadas que se dediquen a estas actividades e os procedementos de autorización e renovación preceptivos.

Durante o período de aplicación da citada orde observáronse algúns desaxustes que fan precisa a súa modificación nalgúns termos, tales coma os que se refiren á composición dos tribunais cualificadores, á documentación que deben presentar á Administración as entidades autorizadas para a formación e os requisitos que se lles esixen a algunhas das empresas.

Por outra parte, a Orde do 21 de novembro de 2001 regula á súa vez, entre outras cuestións, os exames para a obtención de carnés de instaladores autorizados de productos petrolíferos polo que, ó tratarse tamén dun carné profesional, parece necesario incluílo nas convocatorias anuais que realice a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Por todo o exposto e no uso das competencias que a Consellería de Industria e Comercio ten atribuídas nesta materia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o artigo 5 da Orde do 27 de decembro de 2000 no relativo á composición do

tribunal cualificador, que queda redactado como segue:

Tribunal cualificador: para os efectos de realización destas probas, o director xeral competente en materia de industria nomeará o tribunal cualificador de cada unha delas, que estará composto polos seguintes membros.

-Un funcionario da dirección xeral competente en materia de industria, que actuará de presidente.

-Un representante da consellería competente en materia de industria designado de entre o seu persoal, que actuará como secretario

-Un representante de cada unha das delegacións provinciais da dita consellería proposto polo delegado provincial correspondente de entre o persoal delas, que actuarán como vocais.

Para cada cargo do tribunal designarase un titular e un suplente.

Artigo 2º.-Os catro últimos parágrafos do artigo 13 da Orde do 27 de decembro de 2000 relativos á documentación que deben presenta-las entidades recoñecidas para a formación de profesionais autorizados unha vez inscritas, queda redactado como segue:

Para tales efectos xuntarán a seguinte documentación:

-Táboa de tarifas

-Programación dos cursos previstos

Antes do comezo de cada curso as entidades deberán comunicar á correspondente delegación provincial a data de inicio, o lugar en que se vai impartir e o horario, a data de remate prevista e a relación de alumnos inscritos.

As entidades recoñecidas quedan obrigadas a lle comunicar á dirección xeral competente en materia de industria os cambios que se produzan na súa estructura e persoal.

Durante o mes de xaneiro de cada ano as entidades deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de industria unha memoria do ano anterior na que se detallen as actividades realizadas.

Para a renovación da inscrición as entidades deberán presentar unha declaración asinada pola persoa responsable na que se faga constar que seguen cumprindo as condicións que tiñan no momento da súa inscrición ou renovación anterior.

Artigo 3º.-Modifícase un dos requisitos esixidos no anexo II para as empresas instaladoras e para as conservadoras-reparadoras frigoristas, que queda redactado como segue:

-Contar no seu cadro de persoal, como mínimo, cun instalador autorizado.

Artigo 4º.-Modifícase o requisito relativo á posesión do carné de instalador electricista en empresas

instaladoras de electricidade en baixa tensión do anexo II, que queda redactado como segue:

-Estar en posesión do carné de instalador electricista de baixa tensión. En caso de entidades, estas deberán contar no seu cadro de persoal como mínimo cun operario con carné de instalador por cada 10 operarios ou fracción.

No caso de empresas o obxecto social das cales non sexa exclusivamente a montaxe de instalacións eléctricas de baixa tensión e que realicen como máximo dez instalacións deste tipo ó ano, esixirase unicamente contar no seu cadro de persoal cun operario co mencionado carné.

Artigo 5º.-Modificarase a disposición adicional única, que queda redactada como segue:

As empresas autorizadas por outras comunidades autónomas poderán actuar nesta comunidade despois de comunicalo á delegación provincial onde pretendan desenvolve-las súas actividades, xuntándolle á dita comunicación o certificado acreditativo de autorización expedido polo órgano competente en materia de industria do lugar de procedencia comprensivo de non estar sancionado nel.

A delegación provincial correspondente inscribirá a empresa no rexistro adecuado nas mesmas especialidades e coa vixencia que conste na autorización da comunidade autónoma de orixe, onde terá que renovala segundo os regulamentos de seguridade industrial cando sexa preceptivo.

Disposición adicional

Única.-As convocatorias de exames para a obtención dos carnés de instaladores de productos petrolíferos de tódalas categorías realizaranse conxuntamente coa dos carnés regulados na Orde do 27 de decembro de 2000.

Os exames e expedición de carnés realizaranse conforme o procedemento e criterios establecidos na Orde do 27 de decembro de 2000, así como na Orde do 21 de novembro de 2001.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio