Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Mércores, 03 de abril de 2002 Páx. 4.204

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de febreiro de 2002 pola que se autoriza a modificación de ensinanzas ó centro privado Cofisad da Coruña.

Examinado o expediente instruído por instancia do centro privado Cofisad da Coruña, polo que solicita autorización para imparti-lo ciclo formativo de grao superior de sistemas de telecomunicación e informáticos en quenda de mañá; os ciclos formativos de grao superior de información e comercialización turísticas e axencias de viaxes en quenda de tarde-noite, e a supresión de 1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos (autorizado por Orde do 10 de agosto de 2001, Diario Oficial de Galicia do 13 setembro).

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, que se remite cos informes correspondentes.

Vistos o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño) polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; Real decreto 777/1998 (BOE do 8 de maio) polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo; Orde do 21 de decembro de 1999 (Diario Oficial de Galicia do 31 de xaneiro) pola que se regulan determinados aspectos relativos a autorización de centros privados exclusivos de formación profesional específica; Decreto 296/1999 (Diario Oficial de Galicia do 18 de novembro) polo que se desenvolven determinados aspectos dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia; Decreto 133/1995, do 10 de maio (Diario Oficial de Galicia do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (Diario

Oficial de Galicia do 15 de decembro) que desenvolve o dito decreto.

Considerando que concorren no expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa,

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la modificación de ensinanzas ó centro privado Cofisad da Coruña, consistente en impartir 1 ciclo formativo de grao superior de sistemas de telecomunicación e informáticos en quenda de mañá; os ciclos formativos de grao superior de información e comercialización turísticas e axencias de viaxes en quenda de tarde-noite; e a supresión

de 1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos, quedando a composición resultante segundo se especifica no anexo desta orde.

Segundo.-Para as ensinanzas que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, despois do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no dito centro, así como o equipamento adecuado para imparti-las ditas ensinanzas.

Terceiro.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que sinala esta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo do dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: A Coruña.

Localidade: A Coruña.

Enderezo: Burgallal Marchesi nº 52-A.

Código do centro: 15026571.

Denominación: centro privado Cofisad.

Titular: Pedro Díaz Currás.

Composición resultante:

Quenda de mañá:

Familia profesional: administración.-1 ciclo formativo de grao medio de xestión administrativa (1 unidade para 20 alumnos).-1 ciclo formativo de grao superior de administración e finanzas (2 unidades, 20 alumnos/unidade).

Familia profesional: informática.-1 ciclo formativo de grao superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas (2 unidades, 20 alumnos/unidade).

Familia profesional: electricidade e electrónica.-1 ciclo formativo de grao superior de sistemas de telecomunicación e informáticos (2 unidades, 20 alumnos/unidade).

Quenda de tarde-noite:

Familia profesional: informática.-1 ciclo formativo de grao superior de administración de sistemas informáticos (2 unidades, 20 alumnos/unidade).

Familia profesional: hostalería e turismo.-1 ciclo formativo de grao superior de axencias de viaxes (1 unidade para 20 alumnos).-1 ciclo formativo de grao superior de información e comercialización turísticas (1 unidade para 20 alumnos).