Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 21 de marzo de 2002 Páx. 3.691

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 80/2002, do 7 de marzo, polo que se establece o premio A empresa en favor da familia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, (DOG nº 118, do 20 de xuño), establece no artigo 3, que regula entre os principios rectores da actuación dos poderes públicos no exercicio das funcións de asistencia e protección á familia, no punto 2º, o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, tales como a vivenda, a educación, a cultura, a saúde e o traballo, de xeito que lles permita acada-la plenitude do seu desenvolvemento e autonomía. Así mesmo, no punto 8º do referido artigo refírese ó fomento por parte dos poderes públicos da solidariedade e da sensibilidade social ante os problemas que afecten á familia.

No II Plan Integral de Apoio á Familia (1998-2001), estableceuse entre os obxectivos xerais protexer, promocionar e apoia-la unidade familiar co fin de mellora-la situación das familias galegas e dos membros que a compoñen, así como mellora-lo contorno no que se desenvolven, cum

prindo os principios básicos de equidade e redistribución social.

Actualmente, o modelo tradicional de familia está sufrindo un profundo cambio derivado das novas necesidades sociais e a incorporación da muller ó mundo laboral. A Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras, recoñece que a necesidade de conciliación do traballo e a familia foi formulado a nivel internacional e comunitario como unha condición vinculada de forma inequívoca á nova realidade social, o que presenta unha complexa problemática que debe abordarse, non só con reformas lexislativas, senón coa necesidade de promover adicionalmente servicios de atención ás persoas nun marco máis amplo de política familiar.

O Goberno da Xunta de Galicia, consciente da importancia de acadar un sólido equilibrio entre traballo e familia en interese de toda a sociedade, elaborou o Plan galego para a conciliación de vida laboral e familiar dos homes e das mulleres. Este plan será o instrumento que permita ir modificando as actuais estructuras sociais e recolle tódalas actuacións e medidas postas á disposición dos galegos, tanto polo Goberno central como pola Xunta de Galicia, para facer viable a harmonía entre o mundo laboral e as circunstancias persoais e familiares dos traballadores.

Coa finalidade de estimular e recoñece-las empresas que promovan e realicen as accións que potencien un mundo laboral, que teña en conta os intereses da familia e coadxuven na conciliación da vida familiar e laboral, creouse o premio A empresa en favor da familia, polo Decreto 231/2000, do 29 de setembro, publicado no DOG nº 197, do 10 de outubro.

O obxectivo de incentiva-los programas e proxectos de conciliación determina a necesidade de axiliza-la fase procedemental, a través do novo proxecto normativo que facilite o maior número de programas para analizar.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establece-lo premio A empresa en favor da familia, coa finalidade de estimular e recoñece-las empresas que promovan e realicen as accións que potencien un mundo laboral que teña en conta os intereses da familia e coadxuven na conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán ser destinatarios do premio as persoas físicas ou xurídicas que exerzan calquera actividade mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia e

teñan desenvolvido accións orientadas á protección da familia.

2. Valoraranse especialmente aquelas medidas ou propostas innovadoras que potencien as seguintes áreas:

-Horarios de traballo flexibles e personalizados de acordo coas necesidades das familias.

-Concesión de permisos parentais en épocas de especial necesidade, que posibiliten o coidado de membros dependentes da familia (nenos, anciáns ou minusválidos).

-Ampliación e flexibilización dos permisos existentes para atender familiares dependentes, de xeito que poida compartirse o seu coidado entre os distintos membros do grupo familiar.

-Creación de centros infantís nas empresas ou ampliación de servicios de axuda á infancia (horarios amplos, comedores infantís, actividades extraescolares...), de conformidade coa normativa vixente.

-Oferta de formación profesional para os empregados durante as baixas.

-Desenvolvemento das posibilidades de contratación de traballos a tempo parcial, incluídos postos de directivos.

-Oferta de traballos específicos para o persoal que consideren a diversidade das situacións familiares.

-Calquera outra proposta que sensibilice e potencie a responsabilidade dos axentes sociais, tanto empresarios como traballadores, de resolver axeitadamente os problemas dos traballadores con cargas familiares.

Artigo 3º.-Candidaturas.

1. Cada membro do xurado propoñerá candidaturas ó premio, xuntando unha memoria explicativa dos candidatos sobre os méritos de cada unha delas, que lles permita ós membros do xurado valorar cada proposta.

2. O xurado elixirá o premiado entre as candidaturas propostas polos seus membros, durante as súas sesións de traballo.

Artigo 4º.-O premio.

O premio A empresa en favor da familia dará dereito a un diploma acreditativo e unha placa conmemorativa.

O citado premio ten carácter exclusivamente honorífico e non leva consigo ningún tipo de dotación económica.

Artigo 5º.-Convocatoria.

O premio será convocado por orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e terá unha periodicidade anual. A citada orde establecerá os demais aspectos procedementais para a súa adxudicación.

Artigo 6º.-O xurado.

1. O exame das memorias e, se é o caso, a proposta do premio, corresponderalle a un xurado seleccionador que estará composto polos seguintes membros:

a) Presidenta: a directora xeral de Familia.

b) Vocais:

-O director de Fomento do Emprego.

-Dous representantes da Confederación de Empresarios de Galicia designados pola propia confederación.

-Un representante sindical pertencente ó sindicato máis representativo da Comunidade Autónoma de Galicia á data da publicación da respectiva orde da convocatoria.

-Un representante dunha asociación familiar designado polo Observatorio Galego da Familia.

-Un representante do Consello de Relacións Laborais designado polo citado consello.

-Un representante dos medios de comunicación, designado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

c) Secretario/a: o/a subdirector/a xeral de Familia.

2. A xuízo do xurado, o premio poderase declarar deserto. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 7º.-Concesión e entrega do premio.

1. A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude outorgaralle, con carácter exclusivamente honorífico, o premio a aquela persoa física ou xurídica que, por proposta do xurado, sexa seleccionada. O acordo de concesión do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. O nome do gañador será publicado e difundido nos medios de comunicación social que se determinen.

3. O premio impoñerallo ó galardoado o presidente da Xunta de Galicia, se este non lle cede tal prerrogativa a outra autoridade ou persoa asistente ó acto. Este terá lugar na sede da Presidencia da Comunidade Autónoma, coa solemnidade apropiada, salvo que, á vista das circunstancias que concorran, o presidente determine lugar distinto.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o Decreto 231/2000, do 29 de setembro, polo que se crea o premio A empresa en favor da familia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para convocar anualmente mediante orde o premio A empresa en favor da familia e dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude