Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 21 de marzo de 2002 Páx. 3.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se convocan axudas económicas para os proxectos e os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros privados (concertados e non concertados) da Comunidade Autónoma de Galicia que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio oral e escrito similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro individualmente ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo e do 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

Por todo isto, para asegura-los principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo aqueles proxec-

tos que incidan na promoción do galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.

1. Esta orde ten por obxecto convocar axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a contribuír ó financiamento daqueles proxectos que incidan directamente na promoción do galego nas aulas, que realicen no curso académico 2001/2002 os equipos de normalización lingüística dos centros privados (concertados e non concertados) de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de Galicia. Estes equipos son os constituídos de acordo co establecido nos decretos 324/1996 e 374/1996.

2. Os proxectos e os traballos para os que se solicite axuda serán os contidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos recollidos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324/1996 e 374/1996, respectivamente) e os obxectivos recollidos nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Segundo.

As axudas destinaranse preferentemente:

1. A satisface-los gastos de adquisición e/ou elaboración de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego.

2. Á organización de programas e actividades, que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Terceiro.

As axudas financiaranse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.471.0, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, por unha contía de 25.243 euros (vintecinco mil douscentos corenta e tres euros), tal e como se fixa nos orzamentos prorrogados da Comunidade Autónoma de Galicia para o año 2002. Esta contía poderá ser aumentada no caso de que exista crédito adecuado e suficiente na correspondente Lei orzamentaria, actualmente en trámite parlamentario.

Cuarto.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade máxima de 1.800 euros (mil oitocentos euros).

Quinto.

1. Para acceder a estas axudas será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996, e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á inspección educativa.

2. Non se lles poderá conceder axuda económica ningunha a aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas que lles foron concedidas para o ano académico 2000/2001 ó abeiro da Orde do 2 de febreiro de 2001 (DOG nº 31, do 13 de febreiro), ou que non cumpran o sinalado no epígrafe 6.4º desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste epígrafe, será a inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa, citada no epígrafe 7 desta orde, o informe relativo a cada centro.

Sexto.

1. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do epígrafe 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén en anos anteriores. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números editados.

4. As actividades previstas no proxecto faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

5. No caso de que o centro fixese outras solicitudes para o mesmo proxecto ou actividade, xuntará á solicitude unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas, ou concedidas, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

6. De observarse algunha falta na documentación, antes de realiza-la proposta de resolución, poráselles de manifesto ós solicitantes para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presenta-los documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Sétimo.

Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

- O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector ou inspectora de Educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará como secretario.

Oitavo.

Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de concesión ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo, diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Noveno.

1. As comisións de selección terán en conta a calidade do proxecto e o número de alumnos do centro para a concesión de axudas.

A calidade do proxecto será avaliada en tres tramos, de maior a menor, A, B, C, en función de:

-Numero de actividades previstas polo centro para fomenta-lo uso da lingua galega.

-Repercusión das actividades no incremento do uso da lingua galega.

-Custo e dificultade da actividade.

O número de alumnos valorarase en cinco tramos, de maior a menor, A: máis de 600 alumnos; B: de 400 a 600 alumnos; C: de 200 a 400 alumnos; D: de 100 a 200 alumnos; E: menos de 100 alumnos.

2. Excluiranse aquelas solicitudes que non se reciban dentro do prazo.

3. A percepción doutras axudas para os mesmos proxectos poderá reduci-la contía da subvención que recibiría por esta orde, de xeito que o conxunto de axudas non supere os gastos totais do proxecto.

Décimo.

Antes do 30 de setembro de 2002, cada equipo ó que se lle concedese axuda, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha memoria das actividades realizadas durante o último trimestre do ano 2001 e nos tres primeiros trimestres do ano 2002 para as que se lle concedeu a axuda.

2. Facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos de material ocasionados pola realización das actividades por un importe igual, sen IVE, ó da axuda concedida.

3. Certificacións expresas de non ter contraído ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó día nas obrigas coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social.

Os centros educativos interesados poderán solicitar individualmente estas certificacións, ou ben autorizar expresamente o órgano xestor destas axudas para que

se soliciten de oficio, vía telemática. Para isto, deberán cubrir debidamente a autorización que figura como anexo desta convocatoria, de acordo co preceptuado na cláusula terceira do convenio subscrito entre a Consellería de Economía e Facenda, en representación da Comunidade galega, e a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

4. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios, selada e asinada pola entidade financeira.

5. Fotocopia do CIF do centro.

6. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxectos das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo primeiro.

1. O pagamento das axudas concedidas farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal como se indica no punto 10, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O importe da axuda non será superior ó 100% dos gastos, sen IVE, que leve consigo a realización do proxecto.

Décimo segundo

O seguimento e a avaliación dos traballos para os que se lles conceden as axudas ós equipos, e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a inspección educativa, consonte o disposto no artigo 11 do Decreto 247/1995.

Décimo terceiro.

1. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto, ós que fai referencia no punto 10, no prazo sinalado, poderá ser causa de revogación da axuda concedida e producirá como efecto a denegación de axuda para o ano seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

2. O incumprimento total ou parcial dos proxectos poderá anular ou modifica-la contía da subvención concedida.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria