O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, que é competencia plena desta Comunidade Autónoma o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.
A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades de formación do profesorado e fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecendo e estimulando o traballo en equipo dos profesores e profesoras.
Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria prevé como modalidade fundamental de formación do profesorado a formación en centros. Esta modalidade está dirixida a propiciar e facilita-lo cambio e a innovación educativa en e desde o propio centro educativo e responde ás ideas básicas de:
a) Dar resposta ás necesidades de formación do profesorado, propiciando a construcción do modelo de centro propio que desenvolva tódalas dimensións da práctica educativa: a profesional, a pedagóxica, a institucional, a relacional, a social e a de valores.
b) Fomenta-la colaboración entre o profesorado do centro e os asesores implicados nas diferentes fases da formación: planificación, desenvolvemento e avaliación.
c) Establecer liñas de traballo e de toma de decisións para a mellora do funcionamento dos centros, nos seus distintos ámbitos.
d) Promove-la formación dos equipos docentes a través do traballo colaborativo, partindo da experiencia e da capacidade do profesorado.
e) Facilita-lo exercicio da autonomía dos centros educativos.
Isto supón a participación do profesorado no deseño da súa propia formación, desde unha perspectiva de equipo e en función dun proxecto conxunto. Coa finalidade de facilita-lo desenvolvemento desta formación nos propios centros docentes cómpre proceder a facer pública a oportuna convocatoria que, coa implicación dos asesores de formación desde a propia fase planificadora, contribuirá a unha maior rendibilidade do esforzo formativo emprendido polo colectivo do profesorado.
En consecuencia, esta consellería
DISPÓN:
Capítulo I
Disposicións xerais
Primeiro.-Convocar proxectos de formación e de asesoramento nos centros educativos de niveis non
universitarios para impulsa-los proxectos pedagóxicos, baseados nun traballo común do equipo docente, xa sexan dos equipos de ciclo, de departamento, interdepartamentos ou internivelares.
Segundo.-Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes públicos, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos que se impartan ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación especial, educación de adultos, educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, idiomas e centros de ensinanzas artísticas.
Os proxectos poderán ser solicitados conxuntamente para varios centros dunha zona educativa naqueles ámbitos de formación que pola súa especificidade impliquen a un número de docentes inferior ó mínimo estipulado no artigo quinto desta orde. Neste caso, cursará a solicitude o centro de referencia.
Terceiro.-A duración do proxecto de formación e asesoramento será de 50 horas, como máximo, durante o curso académico 2002-2003.
Capítulo II
Temas
Cuarto.-Os proxectos de formación e asesoramento deberán desenvolver unha temática que naza da análise de necesidades, mediante un proceso de identificación, clasificación, categorización e formulación. Deberán atender a aspectos xerais dos ámbitos curricular, organizativo e de investigación educativa que definan o modelo de centro, polo que poderían tratar, prioritariamente, os seguintes aspectos:
a) Plan de orientación educativa e profesional.
b) Atención á diversidade: medidas organizativas e curriculares.
c) Introducción dos temas transversais nos currículos.
d) Innovación educativa relacionada co proxecto didáctico de área e coas programacións de aula.
e) Formación en centros de traballo.
f) Elaboración de materiais didácticos.
g) Mellora da calidade da educación.
h) Aplicación didáctica das tecnoloxías da comunicación e da información.
i) Convivencia e conflictividade nos centros educativos.
Capítulo III
Solicitudes, prazos e documentación
Quinto.-Esta convocatoria desenvolverase en dúas fases:
Fase de preinscrición, na que os centros educativos interesados comunicarán o seu propósito de participar na convocatoria.
Fase de elaboración e presentación do proxecto, na que os centros deberán realizar, coa intervención do centro de formación e recursos, unha diagnose de necesidades de formación do profesorado, a delimitación do tema e a formulación do proxecto.
As solicitudes e documentación complementaria serán presentadas no centro de formación e recursos correspondente ó centro educativo. O xefe ou xefa de estudios deberá presentar:
a) Preinscrición, segundo o modelo que figura no anexo I, no prazo de 15 días a partir do seguinte á publicación desta orde de convocatoria.
b) Solicitude de participación, segundo o modelo do anexo II, no prazo de 30 días contados a partir do remate do prazo de preinscrición. Xuntarase a seguinte documentación:
c) Relación do profesorado comprometido no proxecto, que será, como mínimo, o 50% do profesorado implicado (equipo docente, equipo de ciclo, departamento, etc.), e nunca menos de dez persoas, agás no caso dos centros de menos de 18 profesores/as, nos que a comisión de selección poderá reduci-lo número mínimo de participantes considerando a porcentaxe antes citada. Na relación farase consta-la súa aceptación, segundo o modelo do anexo III. Un mesmo docente non poderá participar en dous proxectos.
Dentro desta relación farase consta-lo nome do coordinador ou coordinadora, que será o encargado de organizar e dirixi-lo desenvolvemento do proxecto.
d) Proxecto, no que se desenvolvan os puntos recollidos no anexo IV, que será elaborado en colaboración cun asesor ou asesora do Centro de Formación e Recursos ó que está adscrito o centro.
e) Certificación de que o claustro e o consello escolar do centro foron informados de que se vai solicitar esta actividade de formación.
Na mesma data de presentación da solicitude, o centro solicitante enviará copia do proxecto á inspección educativa.
Capítulo IV
Proceso de selección
Sexto.-A selección será realizada en cada centro de formación e recursos por unha comisión integrada por:
-Un inspector ou inspectora, nomeado polo delegado provincial correspondente, que actuará como presidente.
-O director ou directora do centro de formación e recursos.
-Dous asesores ou asesoras de formación propostos polo director do centro de formación e recursos.
-Un funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado polo delegado provincial por proposta do presidente da comisión, con destino no centro de formación e recursos, con voz e sen voto, que actuará como secretario.
Sétimo.-As comisións establecidas no punto anterior, no prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó de finalización de presentación de solicitudes de participación, estudiarán estas e efectuarán unha proposta de selección de acordo cos aspectos mencionados no punto cuarto desta orde e tendo en conta os obxectivos e prioridades establecidos. De consideralo necesario, poderán solicita-lo asesoramento de persoas ou organismos relacionados coa formación permanente do profesorado.
Oitavo.-Do proceso de selección redactarase a acta correspondente, na que se recollerá:
-Título.
-Nome do coordinador ou coordinadora.
-Nome do centro de referencia.
-Asesor ou asesora responsable.
-Número de horas anuais previstas para a realización do proxecto.
-Orzamento asignado a cada proxecto, desagregado por conceptos.
-Copias dos anexos II e III de cada solicitude, incluídas as denegadas e excluídas.
Esta documentación seralle enviada á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Noveno.-A aprobación definitiva dos proxectos de formación e asesoramento será realizada pola directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e farase pública en cada centro de formación e recursos e nas correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como na páxina web da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxoefp/sformp/sfm02.htm.
Poderanse admitir modificacións na relación de participantes ata o 31 de outubro de 2002, por mor da mobilidade do profesorado. A partir desta data non se autorizará ningunha modificación.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, segundo o disposto nos capítulos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE de 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o
recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de tres meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.
Capítulo V
Asesoramento e xestión
Décimo.-Os centros de Formación e Recursos, sen prexuízo da colaboración que poidan proporcionar outras institucións ou organismos, ofrecerán apoio e asesoramento. Para tal efecto participarán conxuntamente no deseño do proxecto de formación, orientarán o desenvolvemento do mesmo, organizarán e/ou impartirán módulos formativos e implicaranse no proceso de avaliación.
O inspector ou inspectora responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto de formación e asesoramento e colaborará co asesor ou asesora implicado nel.
Décimo primeiro.-A xestión económica destes proxectos de formación e asesoramento realizaraa o asesor ou asesora responsable de cada proxecto en cada centro de formación e recursos, con cargo ó orzamento do plan de formación.
O proxecto poderá xera-los seguintes gastos:
-Docencia, no caso de expertos non destinados no Centro de Formación e Recursos.
-Material funxible.
-Bibliografía.
-Desprazamentos (cando sexa necesario para o desenvolvemento dalgunha actividade proposta).
Capítulo VI
Seguimento
Décimo segundo.-Correspóndelles ás comisións de selección previstas no punto sexto, o seguimento do desenvolvemento dos proxectos aprobados.
Para tal fin, as ditas comisións reuniranse, polo menos, tres veces durante o curso académico para o desenvolvemento das seguintes funcións:
a) Velar porque se cumpran as condicións establecidas na aprobación definitiva.
b) Propoñer á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a suspensión da continuidade daqueles proxectos dos que durante o seguimento se deduza que non se axustan ó aprobado.
c) Informa-la Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da marcha dos diferentes proxectos de formación e asesoramento mediante informes de seguimento, se é o caso, informes finais, así como mediante toda aquela información que se considere necesaria ou sexa requirida pola consellería.
d) Propoñe-la certificación da formación dos participantes unha vez concluído o proxecto, entregada a memoria final e valorada positivamente. Adxudica-lo número de horas que hai que certificar, tendo en conta o seguimento, traballo realizado, informes e memorias. Non se lle poderá expedir certificación ó profesorado que non asista ó 85% da duración do proxecto, segundo o disposto no capítulo 17º.2 da Orde do 3 de setembro de 2001 (DOG do 10 de setembro), pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación permanente do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións.
Os traballos elaborados nos diferentes proxectos serán difundidos pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a través da rede de centros de Formación e Recursos.
Capítulo VII
Avaliación
Décimo terceiro.-A avaliación de cada proxecto de formación e asesoramento en centros será competencia das comisións previstas no artigo 6, conforme as orientacións establecidas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.
Os centros con proxectos aprobados presentarán á comisión de selección unha memoria final ó remate do proceso axustándose ó modelo do anexo V desta orde e que será entregada por escrito e en soporte informático (Word ou Word Perfect). Enviarase unha copia desta memoria á inspección educativa.
A data límite de entrega das memorias no Centro de Formación e Recursos correspondente, será o 6 de xuño do ano 2003.
Capítulo VIII
Certificación
Décimo cuarto.-O director ou directora do centro de formación correspondente expediralle ó profesorado o certificado acreditativo da súa participación na actividade realizada.
No dito certificado constará o número de horas realizadas, que non poderá supera-lo máximo de cincuenta, fixado no artigo terceiro.
Décimo quinto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.
Décimo sexto.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2002.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria
ANEXO IV
Guión para a elaboración do proxecto
Título do proxecto:
1. Tema ou aspecto que se pretende traballar, segundo o punto cuarto da orde de convocatoria.
2. Xustificación.
3. Obxectivos.
4. Programa de contidos, actividades e metodoloxía que se pretende seguir.
5. Organización de recursos humanos e materiais.
-Número de horas de asesoramento presencial do asesor ou asesora. (En ningún caso poderá ser inferior ó 20% do total de horas estimadas).
-Número de horas de docencia con outros expertos. (En ningún caso poderá ser superior ó 30% do total de horas estimadas).
6. Temporalización. Calendario previsto e horario para a realización do proxecto.
7. Necesidades orzamentarias (tendo en conta o establecido no artigo décimo primeiro desta orde).
8. Proceso e criterios para a avaliación.
ANEXO V
Guión para a memoria final
1. Características xerais e particulares do contexto no que se desenvolveu o proxecto de formación e asesoramento.
2. Consecución dos obxectivos:
-Obxectivos propostos inicialmente.
-Obxectivos acadados ó finalizalo proceso.
3. Actividades realizadas. Axuste coa temporalización inicial.
4. Número de horas realizadas.
5. Modificacións, se é o caso, da proposta inicial durante a súa posta en marcha en canto a:
-Obxectivos.
-Contidos.
-Actividades.
-Metodoloxía.
-Recursos.
-Temporalización.
6. Síntese do proceso de avaliación empregado.
7. Conclusións: logros e incidencia no centro docente.
8. Materiais elaborados.
9. Actas das reunións de traballo e das actividades de formación para efectos de certificación e rexistro. Nas actas deben aparecer tódolos docentes que participaron, especificando nomes, apelidos, documento nacional de identidade e número de rexistro persoal, así como as incidencias máis relevantes.
10. Acta final, asinada polo coordinador ou coordinadora e co visto e prace do xefe de estudios, na que se inclúa a relación de profesores con dereito á certificación e sen dereito a ela, especificando a causa.