Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Xoves, 21 de marzo de 2002 Páx. 3.681

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 79/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece o currículo do ciclo formativo de grao superior de artes plásticas e deseño de cerámica artística, correspondente á familia profesional de cerámica artística, así como o acceso ó dito ciclo formativo.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, determina no seu artigo 4, que se entende por currículo o conxunto de capacidades terminais, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades nos que se organiza a práctica educativa. Sobre esta base efectúa un dobre reparto competencial, polo que se atribúe, por unha parte, ó Goberno fixa-los aspectos básicos do currículo que constituirán as ensinanzas mínimas en todo o Estado coa finalidade de garantir unha formación común de tódolos alumnos e a validez dos títulos correspondentes, e, por outra, ás administracións con competencia en materia educativa o establecemento do currículo do que formarán parte as ditas ensinanzas mínimas.

Polo tanto, unha vez publicado o Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, definidas as ensinanzas mínimas correspondentes ó título de técnico superior de artes plásticas e deseño en cerámica artística polo Real decreto 1458/1995, do 1 de setembro, e tendo en conta o establecido no Real decreto 389/1992, do 15 de abril, sobre os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas, procede establece-lo currículo do dito ciclo formativo para o ámbito de competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cómpre asegurar no alumnado unha formación artística de calidade e garanti-la cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Por iso, o currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos vinculados ó ensino máis tradicional, outros aspectos inherentes á formación profesional e que permitan a incorporación dos mozos á vida activa, cun grao de formación que lles permita adaptarse ás modificacións que poidan producirse ó longo da súa vida e que contribúa á formación permanente dos cidadáns ó tempo que atende as demandas de cualificación do sistema productivo, e tendo en conta as necesidades de desenvolvemento económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa dimensión no fomento do noso patrimonio cultural.

As ensinanzas de artes plásticas e deseño están constituídas por un conxunto de ciclos formativos

cunha organización modular variable tanto na duración destes como na diversidade de áreas de coñecemento teórico-prácticas en función dos distintos campos profesionais. As capacidades terminais dos distintos módulos profesionais, definidos neste decreto, describen o comportamento do alumnado en termos de resultados avaliables que se requiren para acada-los aspectos básicos da competencia xeral. Estes aspectos básicos aseguran unha cualificación común do titulado, garantía do título en todo o Estado e de correspondencia europea das cualificacións outorgadas ós alumnos.

Os contidos curriculares non teñen que ser interpretados como unidades temáticas, nin por tanto, necesariamente organizados na mesma orde na que aparecen nesta norma, precisando, polo tanto, dunha ulterior concreción por parte do equipo de profesores que, coa necesaria flexibilidade, programarán interdisciplinarmente as secuencias de aprendizaxe, destacando nos ámbitos artísticos, técnicos e naqueles específicos do ámbito profesional do alumno, os contidos de maior significación cara ó desenvolvemento cualificado das actividades profesionais. Esta concreción ten que referirse principalmente ás liñas xerais de aplicación dos criterios de avaliación, á metodoloxía e ás actividades de carácter didáctico. Finalmente, cada profesor, no marco deste proxecto, realizará a súa propia programación, recollendo os procesos educativos que se propón desenvolver na aula.

Os criterios de avaliación establecen o tipo e grao de aprendizaxe que se espera que acaden os alumnos nun momento determinado, respecto das capacidades indicadas nos obxectivos xerais e nos específicos de cada módulo. O nivel de cumprimento destes obxectivos, en relación cos criterios de avaliación fixados, deben ser medidos con flexibilidade, tendo en conta as características e posibilidades dos alumnos.

A incorporación ós ciclos formativos de fases de formación práctica e do proxecto final é un elemento fundamental na construcción deste modelo formativo. A colaboración de profesionais, entidades e institucións, contribuirá, á concreción de proxectos educativos, que anticipen solucións reais no mundo laboral.

Para completa-lo currículo, o centro docente dispón dun determinado número de horas lectivas que, xunto co módulo de formación en centros de traballo, permitirán a súa adaptación tendo en conta as características do alumnado, ás necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Asemade, o presente decreto regula o acceso a este ciclo formativo, por medio dunha proba específica que deberá avalia-los coñecementos e as aptitudes necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes a este ciclo, ó tempo que establece os requisitos de acceso a estes estudios.

En virtude de todo iso, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe do Consello Escolar de Galicia, e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

I. Título, perfil e currículo.

Artigo 1º.-Identificación do título.

1. O presente decreto regula o currículo das ensinanzas do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de cerámica artística, pertencente á familia de cerámica artística, correspondente ó título de técnico superior en artes plásticas e deseño en cerámica artística, de acordo co establecido no punto 3º do artigo 4 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo e integra o establecido no Real decreto 1458/1995, do 1 de setembro, polo que se regulan as ensinanzas mínimas do dito ciclo formativo.

2. A denominación, nivel de formación profesional e duración deste ciclo formativo son as que se establecen no apartado 1 do anexo deste decreto.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto será de aplicación no ámbito territorial de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 3º.-Perfil profesional.

A competencia e as capacidades profesionais, as tarefas máis significativas e o campo profesional que definen o perfil profesional do título son as que se establecen no punto 2 do anexo deste decreto.

Artigo 4º.-Currículo do ciclo formativo.

1. Para os efectos do disposto neste decreto, enténdese por currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de cerámica artística o conxunto de capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación que regularán a práctica docente neste ciclo formativo, as fases de formación práctica en empresas, estudios e talleres, así como o proxecto final.

2. Os obxectivos xerais do ciclo formativo de grao superior de cerámica artística son os que se establecen no punto 3.1 do anexo deste decreto.

3. As capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos módulos correspondentes ó ciclo formativo a que se refire o presente decreto, a súa distribución en cursos e os tempos lectivos, así como o proxecto final e a fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres son os que se establecen nos puntos 3.2, 3.3 e 3.4 do anexo do presente decreto.

II. Ordenación académica e impartición.

Artigo 5º.-Ordenación académica das ensinanzas.

1. As presentes ensinanzas organízanse en módulos; fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e proxecto final.

2. Para os efectos do disposto no presente decreto, o concepto «módulo» considerarase equivalente ó termo «materia teórica» «materia teórico-práctica» e «clases prácticas» a que se refire o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas.

Artigo 6º.-Admisión de alumnos.

Os criterios de admisión de alumnos para acceder a este ciclo formativo en centros sostidos con fondos públicos son os que se expresan no punto 4.1. do anexo deste decreto.

Artigo 7º.-Avaliación.

1. A obtención do correspondente título requirirá a avaliación positiva das distintas capacidades nas que se estructura a ensinanza impartida no centro educativo: dos módulos, das fases de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, así como do proxecto final.

2. A organización e avaliación da fase de formación práctica en empresas e do proxecto final é a que se expresa nos puntos 4.2 e 4.3 do anexo deste decreto.

Artigo 8º.-Profesorado.

As especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos que compoñen este título son as que se expresan no apartado 4.4 do anexo deste decreto.

Artigo 9º.-Espacios e instalacións.

Os requisitos de espacios e instalacións que deben reuni-los centros educativos para a impartición do presente ciclo formativo son os que se determinan no punto 4.5 do anexo deste decreto.

Artigo 10º.-Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica profesor-profesor/alumno, son os que se determinan no punto 4.6 do anexo deste decreto.

Artigo 11º.-Correspondencias.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá recoñece-la correspondencia coa práctica profesional dos módulos que se indican no punto 4.7 do anexo deste decreto.

Así mesmo, poderán quedar total ou parcialmente exentos da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

Artigo 12º.-Distribución horaria.

1. Os módulos profesionais deste ciclo formativo organizaranse segundo se establece no punto 4.9 do anexo deste decreto.

2. As horas de libre disposición que se inclúen neste punto serán utilizadas polos centros educativos para reforzar, nos módulos asociados a unidades de competencia, as capacidades de formación profesional de base ou de formación profesional específica, para lles dar resposta ás características dos alumnos, e ter en conta as necesidades de desenvolvemento económico, social e de recursos humanos do seu contorno socioproductivo.

Artigo 13º.-Proxecto curricular.

1. Os centros docentes concretarán e complementarán o currículo do ciclo formativo de artes plásticas e deseño de grao superior de cerámica artística mediante a elaboración de proxectos curriculares para o dito ciclo.

2. O proxecto curricular de centro deberá conter unha adecuación dos obxectivos xerais deste ciclo ás características do alumnado, criterios metodolóxicos de carácter xeral en relación co proceso de avaliación, así como en materia de diversificación curricular.

3. O proxecto curricular do centro incluirá, así mesmo, a distribución das capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación do ciclo formativo, incluídos os programas de cada materia. A dita distribución non deberá variar para un mesmo grupo de alumnos ó longo do dito ciclo.

4. O proxecto curricular do centro formará parte da programación da actividade docente do dito centro e incorporarase á programación xeral correspondente.

5. Os profesores desenvolverán programacións da súa actividade docente de acordo co currículo e co proxecto curricular do centro.

Disposición transitoria

Única.-Ata tanto se determinen as novas especialidades docentes, a competencia do profesorado pertencente ós corpos de profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño para a impartición de cada módulo, queda definida pola súa pertenza as especialidades que se indican no anexo do presente decreto. Non obstante, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no seu ámbito de competencia e durante o mesmo período transitorio, poderá autoriza-la impartición de determinados módulos a aqueles docentes que, á promulgación deste decreto, se encontrasen impartindo materias equivalentes da anterior ordenación, sempre que acrediten preparación para isto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposi

cións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

1. Identificación do título.

-Denominación: técnico superior de artes plásticas e deseño en cerámica artística.

-Nivel: grao superior de artes plásticas e deseño.

-Duración: 1.850 horas.

2. Perfil profesional.

2.1. Competencia xeral.

Producción de obxectos desde a súa concepción á súa comercialización, como a definición das características técnicas e estéticas do producto, en estreita colaboración con outros técnicos de nivel superior, nas operacións de deseño, producción, selección e control de calidade.

2.2. Capacidades profesionais.

* Desenvolve-los procesos básicos de realización de cerámica artística mediante diversas técnicas.

* Aplica-los sistemas de creación e elaboración de cerámica artística, tanto no referente a tendencias plásticas como ás técnicas que se integran dentro deste campo profesional.

* Valorar de forma idónea as necesidades formuladas na proposta de traballo, así como os aspectos plásticos, artísticos, técnicos, organizativos e económicos, para configura-lo proxecto que se vaia realizar, seleccionando as especificacións plásticas e técnicas oportunas para conseguir un óptimo resultado no seu traballo profesional.

* Resolve-los problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de proxectación e realización dunha cerámica artística.

* Elixi-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no medio.

2.3. Tarefas máis significativas.

* Analiza cos usuarios e cos clientes as necesidades que converxen nunha proposta, para configura-las exposicións do proxecto e dicta-las especificacións plásticas e técnicas oportunas para conseguir un óptimo resultado.

* Colabora na planificación e no desenvolvemento das realizacións ou instalacións de todo tipo que lle sexan encomendadas ó seu equipo de traballo.

* Coordina e asesora grupos de traballo formados por especialistas naqueles oficios que se integran no seu campo profesional e transmítelle-la información adecuada para conseguir un resultado idóneo, tanto no traballo de equipo, como en cada un dos seus aspectos parciais.

* Estudia con detalle as especificacións técnicas dos equipos e da maquinaria ó seu cargo e organiza as medidas para o seu mantemento periódico preventivo.

* Asesora o persoal encargado da realización dos procesos técnicos do seu ámbito profesional, para obte-lo máximo rendemento do equipo técnico e humano do que dispoña.

* Asesora e participa nos anteproxectos e nas maquetas que se elaboraron baixo a súa responsabilidade con vistas á configuración do proxecto definitivo, para a realización do producto final a escala real.

* Organiza e dirixe un taller ou empresa relacionado con esta especialidade.

* Organiza o proceso productivo e creativo.

* Define as características técnicas e estéticas do producto en colaboración con outros técnicos de nivel superior.

* Proxecta interpretando e creando pezas funcionais e artísticas.

* Realiza pezas cerámicas, pondo en práctica os diferentes sistemas decorativos.

* Exerce labores de control de calidade.

A actuación destes profesionais no desenvolvemento da súa actividade abrangue tanto a producción de obxectos desde a súa concepción á súa comercialización, como a definición das características técnicas e estéticas do producto, en estreita colaboración con outros técnicos de nivel superior, nas operacións de deseño, producción, selección e control de calidade.

2.4. Campo profesional.

A actividade en talleres individuais de carácter artesán ou artístico está o suficientemente estendida e arraigada como para configurarse como unha das saídas profesionais destes estudios.

Por outro lado, a inserción laboral dun profesional intermedio na liña de producción da industria cerámica, que unifica e organiza os compoñentes formais e estéticos, tanto da producción de formas como da decoración destas é cada vez máis necesaria.

3. Currículo.

3.1. Obxectivos xerais do ciclo formativo.

* Utiliza-los sistemas de creación e elaboración de cerámica artística, tanto no referente a tendencias

plásticas como ás técnicas que se integran dentro deste campo profesional.

* Valorar de forma idónea as necesidades presentadas na proposta de traballo, así como os aspectos plásticos, artísticos, técnicos, organizativos e económicos, para configura-lo proxecto que se realice, seleccionando as especificacións plásticas e técnicas oportunas para conseguir un óptimo resultado no seu traballo profesional.

* Resolve-los problemas artísticos e tecnolóxicos que se presenten durante o proceso de proxectación e realización dunha cerámica artística.

* Describi-las especificacións técnicas dos equipos e maquinaria utilizados.

* Utiliza-las medidas preventivas necesarias para que os procesos de realización utilizados non incidan negativamente no medio.

* Utiliza-los equipos e maquinarias específicos.

* Investiga-las formas, materiais, técnicas e procesos creativos e artísticos relacionados coa cerámica artística.

* Comprende-lo marco legal, económico e organizativo que regula e condiciona a actividade profesional no campo da cerámica artística.

* Analizar, adaptar e, se é o caso, xerar documentación artístico-técnica imprescindible na formación e adestramento de profesionais do sector.

* Seleccionar e valorar criticamente as situacións plásticas, artísticas, técnicas e culturais derivadas do avance tecnolóxico e artístico da sociedade, de forma que lle permitan desenvolve-la súa capacidade de autoaprendizaxe co fin de evolucionar adecuadamente na profesión.

* Aplicar técnicas de análise de procesos e óptimo aproveitamento de tempos na xestión do traballo.

3.2. Capacidades terminais, contidos e criterios de avaliación dos diversos módulos.

3.2.1. Módulo 1: debuxo.

Capacidades terminais

* Aplicar correctamente diferentes técnicas de expresión gráfica sobre distintos materiais propios do debuxo.

* Elixir adecuadamente os materiais, as técnicas e os útiles de debuxo para empregar, en función dos resultados que se pretendan obter.

* Aplicar correctamente nas composicións os elementos de análise visual e as súas relacións.

* Realizar esbozos de copia de obxectos do contorno e da súa simplificación e/ou abstracción.

* Realizar proxectos de deseño de obxectos propios da especialidade, con tódalas súas partes, tendo en conta o proceso de fabricación industrial ou artesanal.

* Aplica-la cor ós deseños realizados, tendo en conta os principios da teoría da cor e o comportamento dos materiais cos que se vai fabrica-lo obxecto.

Contidos

-A forma bidimensional e tridimensional e a súa representación no plano.

-Os materiais de debuxo e as súas técnicas.

-A proporción. Relación entre as partes e o todo. Simetría.

-Elementos expresivos da linguaxe gráfico-bidimensional.

-A realidade como motivo. As formas da natureza. O mundo orgánico. Procesos de análise e abstracción.

-Análise de formas. Abstracción, síntese e estilización.

-Conceptos básicos da composición. A súa expresividade na ordenación do espacio.

-Texturas.

-O claroscuro. As relacións de valor como plasmación sobre o plano da forma tridimensional.

-A cor: valores expresivos. Interacción da cor. Sistemas de clasificación de cores.

-Sistemas de reproducción, ampliación, reducción de despece das masas.

-Os procesos de proxectación de formas tridimensionais e a súa interrelación cos distintos talleres e disciplinas. Traballos en equipo.

Criterios de avaliación

* Capacidade de analizar, interpretar e representar composicións planas e volumétricas reducíndoas a estructuras simples, así como composicións tridimensionais desde un punto de vista constructivo.

* Capacidade de trazar formas xeométricas complexas.

* Capacidade para esbozar un obxecto complexo e representalo mediante as súas proxeccións.

* Utilización correcta de materiais e técnicas, e explora-las súas correctas posibilidades plásticas e expresivas.

* Aplicar correctamente a teoría da cor relacionándoa coa cor cerámica.

* Capacidade de expresar correctamente, oralmente ou por escrito, os coñecementos e pensamentos persoais sobre a materia, utilizando o vocabulario axeitado.

* Capacidade para realizar debuxos relacionados coa especialidade.

* Sensibilidade artística e creatividade demostradas nos traballos.

3.2.2. Módulo 2: volume.

Capacidades terminais

* Realizar composicións volumétricas utilizando diversos tipos de materiais e técnicas.

* Deseñar obxectos tridimensionais de cerámica artística, mediante esbozos, modelos e prototipos relacionados cos medios de producción cerámica.

* Realizar moldes ríxidos e flexibles para as pezas deseñadas.

* Crear composicións artísticas por combinación de pezas seriadas encaixables obtidas mediante moldes.

Contidos

-Forma, función e estructura.

-Elementos expresivos da linguaxe tridimensional.

-O concepto do espacio. Técnicas e materiais no proceso de configuración espacial.

-Técnicas de volume. Modelado, talla e construcción.

-Moldes de escaiola e flexibles.

-Materiais cerámicos e non cerámicos. Técnicas específicas.

Criterios de avaliación

* Capacidade para trasladar ó espacio tridimensional a idea concibida, tendo en conta as características do material utilizado.

* Sensibilidade artística e creatividade demostrada no traballo.

* Capacidade de relacionar conceptos de orde estético-plásticas, de interpretalos adecuadamente e manifestar sensibilidade ante eles.

* Habilidade manual demostrada na realización do traballo.

3.2.3. Módulo 3: historia da cerámica.

Capacidades terminais

* Desenvolve-la comprensión visual e conceptual da linguaxe artística propia das artes cerámicas.

* Relaciona-lo valor da cerámica como elemento cultural coa súa dimensión técnica e plástica, para comprende-lo seu desenvolvemento histórico e as evolucións estéticas que experimentou ó longo do tempo.

* Emprega-la linguaxe expresiva que distingue a cerámica de cada época, estilo ou tendencia, e as súas relacións coa arte e a sociedade do momento en que se produciu.

* Valora-las realizacións cerámicas contemporáneas, así como os procesos de investigación e renovación que se levaron a cabo neste campo ó longo do noso século.

Contidos

-As artes do barro: significación cultural e artística. Posibilidades de uso: obxectos domésticos,

pezas ornamentais, revestimentos murais, etc. As arxilas: preparación e técnicas de manipulación. Forma, ornamentación plástica e cromática como valores expresivos. Esmaltes e vernices. O lume como elemento definitivo: a cocción. Valoración actual das artes cerámicas.

-Primeiras manifestacións cerámicas: culturas prehistóricas e a súa evolución. Os imperios agrarios: novidades técnicas, aspectos temáticos e ornamentais e campos de aplicación da cerámica. A liberdade creativa da arte Exea. Significación plástica e documental da producción grega. Prácticas «industriais»: Etruria e Roma. Achegas dos achados cerámicos á arqueoloxía. Manifestacións da antigüidade española.

-Conceptos estéticos e ornamentais islámicos e a súa aplicación á cerámica. Revestimentos murais e a súa significación. Escolas orientais: técnicas, recordos ornamentais anteriores e novas definicións decorativas. Contactos con Extremo Oriente. Cerámica islámica no ámbito mediterráneo. A cerámica hispano-musulmana: técnicas, etapas e centros de producción. Restos cerámicos medievais da Europa Occidental. O mudexarismo: transcendencia para a arte española e para as creacións cerámicas; a azulexería. Repercusións mudéxares en estilos posteriores.

-Panorama cerámico do Extremo Oriente: China, Xapón, Corea, India, etc.; peculiaridades nacionais e etapas significativas. Aparición da porcelana: transcendencia e consecuencias para Occidente. Culturas cerámicas precolombianas: modalidades e variantes.

-O Renacemento: presentacións estéticas do Humanismo. A Italia dos mecenas. A maiólica: técnica, formas e ornamentación. Tratadistas cerámicos. Escolas e mestres italianos. Transcendencia do italianismo para a cerámica europea: modelos e moldes nas distintas olerías nacionais. A cerámica española: centros productores e caracteres rexionais; tradición e modernidade. Revestimentos cerámicos murais.

-Linguaxe expresiva do Barroco e do Rococó. Evolución da forma cerámica, plástica e ornamental como reflexo da evolución estética. Francia: teorías estéticas e a súa difusión. Século XVII: grandes centros productores en Europa: Países Baixos, Francia e Alemaña. A producción da Compañía de Indias. Gran lume e lume de mufla. O século XVIII: aspectos ornamentais e variedades nacionais. A cerámica fina inglesa. Producción española ó longo de ámbolos dous séculos. Porcelana: pasta tenra e dura e a súa aparición en Occidente; centros europeos da primeira metade do XVIII. Diversas posibilidades de aplicación dos revestimentos cerámicos.

-A estética do novo clasicismo. Consecuencias da Revolución Industrial e da Revolución Francesa e as súas repercusións na cerámica. Expansión da louza inglesa. Novos procesos decorativos. Historicismo e eclecticismo: versións nacionais, con especial atención a España. Tendencias neoclásicas e nove

centistas no campo da porcelana. A fin de século: influencias e correntes renovadoras; novas experiencias e creadores destacados.

-Revisión de procesos no Art Nouveau: novos camiños de investigación e especialización. Mestres cerámicos e principais tendencias nos diversos países. Experiencias individuais e aportacións dos grandes artistas ó longo do período de entreguerras. As manufacturas tradicionais. Investigacións sobre formas, texturas e ornamentación. A cerámica española e as súas representantes.

-A arte cerámica posterior á Segunda Guerra Mundial. Achegas dos ceramistas españois. Faenza e os concursos internacionais de cerámica. Revitalización dos revestimentos murais. Panorama actual da cerámica en Europa e do mundo. Cerámica popular e a súa valoración: modalidades máis destacadas. Cerámica artesanal e producción industrializada. O deseño cerámico.

Criterios de avaliación

* Grao de desenvolvemento da sensibilidade estética alcanzada.

* Capacidade de percepción visual, razoada e científica, das realizacións cerámicas ó longo do tempo, valorando cantos elementos as configuran e definen.

* Comprensión e xuízo crítico ponderado manifestados ante calquera elaboración cerámica, pasada ou actual, así como a súa ambientación no contexto histórico-social no que se concibiu e realizou.

* Sensibilidade demostrada, interpretación e análise das artes do barro, e capacidade de relacionalas adecuadamente con outras manifestacións artístico-culturais do seu contorno temporal.

* Utilización dunha linguaxe clara e concisa, que integre de forma idónea o vocabulario e a terminoloxía específica da cerámica.

3.2.4. Módulo 4: taller cerámico.

Capacidades terminais

* Descubri-los útiles, ferramentas e maquinaria, así como o seu uso e mantemento.

* Organiza-lo taller tendo en conta os orzamentos e as instalacións.

* Analiza-las diferentes materias primas, así como os materiais que se vaian utilizar nas decoracións e o seu comportamento ó longo do proceso productivo.

* Investigar sobre o material cerámico e as súas calidades expresivas.

* Acondicionar e recupera-las materias primas.

* Aplica-las técnicas de elaboración de formas por procedementos manuais e mecánicos.

* Calcular contraccións e tensións, prevendo as deformacións que se producen no proceso productivo.

* Realiza-los procesos de secado, estibaxe e cocción.

* Investigar en técnicas de coccións especiais.

* Aplica-las diferentes técnicas decorativas, tanto manuais como seriadas.

* Identifica-los problemas que xorden no proceso productivo e ser capaz de solucionalos.

* Organizar e planifica-las distintas fases que configuran o proceso productivo.

* Entende-lo producto desde o punto de vista do mercado e os seus condicionantes.

* Expresarse artisticamente mediante a construcción de pezas cerámicas.

Contidos

-Elaboración de formas por procedementos manuais.

-Elaboración de formas ó torno.

-As formas tradicionais.

-Sistemas decorativos manuais.

-Sistemas decorativos seriados.

-Coccións a baixa e a alta temperatura e coccións especiais.

-Procedementos de eliminación ecolóxica dos productos e residuos do taller.

Criterios de avaliación

* Realizar pezas tanto á man como con torno para a súa posterior decoración, baseándose en formas tradicionais no caso de requirilo, ou utilizando os distintos sistemas decorativos libremente.

* Utiliza-lo tipo de cocción máis adecuado segundo temperaturas e atmosferas.

* Proporcionar solucións artísticas creativas.

3.2.5. Módulo 5: proxectos de cerámica artística.

Capacidades terminais

* Desenvolve-la actividade proxectual previa á materialización do obxecto.

* Realizar proxectos de cerámica artística dando solucións ós problemas proxectuais utilizando recursos gráficos e proxectuais.

* Desenvolve-la creatividade e o sentido artístico expoñendo oralmente ou por escrito e utilizando o vocabulario axeitado.

Contidos

-Metodoloxía básica do proxecto.

-Análise de antecedentes.

-Documentación gráfica. Técnicas e normalización.

-Proxectos.

-Aplicación do deseño asistido por ordenador.

Criterios de avaliación

* Seleccionar, analizar e sacar conclusións a partir da información preexistente.

* Desenvolver e dar solución ós problemas proxectuais propostos utilizando recursos gráficos e metodolóxicos.

* Soluciona-la organización productiva.

* Expor con corrección, oralmente ou por escrito, os seus coñecementos e as súas opinións persoais sobre a materia, utilizando o vocabulario adecuado.

* Demostrar creatividade e sentido artístico no traballo.

3.2.6. Módulo 6: formación e orientación laboral.

Capacidades terminais

* Describi-lo marco legal do traballo e interpreta-los dereitos e obrigas que se derivan das relacións laborais.

* Establecer no ámbito laboral as medidas de protección e prevención que correspondan ás situacións de riscos existentes e determina-las medidas sanitarias básicas e inmediatas en caso de accidente.

* Identifica-las formas e procedementos de inserción, permanencia e promoción na realidade laboral como traballador por conta propia e por conta allea, e localiza-las axudas que prestan á inserción laboral as institucións e organismos, autonómicos, estatais e comunitarios.

* Adquiri-las habilidades necesarias para o fomento de iniciativas dirixidas ó traballo en grupo.

* Interpreta-los datos da estructura socioeconómica galega e española para poder coñece-la situación actual e as perspectivas do sector a nivel autonómico, estatal e comunitario.

* Explica-la organización e a xestión dunha pequena e mediana empresa do sector e interpreta-los parámetros económicos que a determinan.

* Desenvolver actitudes de participación e colaboración que favorezan o logro dos obxectivos da empresa.

* Describi-los instrumentos xurídicos, empresariais e profesionais propios da especialidade, co obxecto de coñece-los dereitos e asumi-las obrigas que se derivan do labor profesional.

* Descubri-la realidade sociolaboral, cultural e técnica, desde a experiencia dos profesionais, co obxecto de adquiri-los coñecementos complementarios necesarios para a práctica da profesión.

Contidos

Comúns:

-O marco xurídico das relacións laborais: Estatuto dos traballadores e regulamentación específica do sector.

-Localización da normativa aplicable en materia de seguridade, tanto para a empresa como para os traballadores.

-Condicións de traballo e de seguridade. Medidas de prevención e protección. Primeiros auxilios.

-O proceso de procura de emprego. O traballo asalariado, na Administración e por conta propia. A empresa social.

-Organismos e institucións, autonómicos, estatais e comunitarios que prestan asesoramento á inserción laboral. Axudas económicas á iniciativa empresarial.

-Conceptos básicos de economía e mercadotecnia.

-Iniciativas para o traballo por conta propia: plan de empresa, plan de viabilidade, tipos de empresas e constitución dunha empresa.

-A empresa: o seu funcionamento económico. Obtención de recursos. Organización da producción e comercialización dos seus productos. Interpretación do estado das contas anuais. Obrigas xurídicas e fiscais.

Dereito específico:

-Protección ó deseño: propiedade intelectual. Rexistro da propiedade intelectual. Entidades de xestión. A propiedade industrial. Os modelos e debuxos industriais e artísticos. Rexistro e procedemento rexistral.

-A protección internacional das innovacións.

-Os signos distintivos: marca, rótulo e nome comercial.

-Información sobre normas técnicas. Centros e asociacións de investigación e desenvolvemento da industria.

Criterios de avaliación

* Verifica-la asimilación dos conceptos fundamentais que se inclúen nos bloques temáticos.

* Contrasta-lo interese pola materia.

* Respecto pola saúde persoal e colectiva.

* Conseguir actitudes axeitadas que faciliten a inserción, permanencia e promoción no mundo do traballo.

* Actitude emprendedora e creativa diante das propias necesidades e aspiracións.

* Verifica-la utilización correcta dunha terminoloxía específica en torno ós contidos económicos, laborais, de mercadotecnia, xurídicos ou empresariais.

* Valoración razoada da normativa específica pola que se rexe este campo profesional.

3.3. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres.

Os seus obxectivos serán:

* Asumi-la realidade profesional para completa-la formación académica, realizando un cometido laboral de responsabilidade acorde co seu nivel.

* Tomar contacto co mundo do traballo e co seu sistema de relacións sociais, laborais e técnicas.

* Contrasta-los coñecementos adquiridos no centro educativo coa realidade empresarial e laboral.

* Adquirir coñecementos complementarios útiles para a práctica profesional, tanto sobre a organización e coordinación do traballo propio da especialidade como sobre a situación e relacións do mercado laboral.

* Adquiri-los coñecementos técnicos sobre útiles, ferramentas, aparellos e máquinas que, pola súa especialización, custo ou novidade, non están ó alcance do centro educativo.

* Participar de forma activa nas fases do proceso productivo, baixo a titoría ou dirección correspondente.

* Aplica-los coñecementos e as habilidades que se adquiriron na formación teórica e práctica do alumno ou alumna nos centros docentes.

* Integrarse no mundo laboral e no sistema técnico-social da empresa.

3.4. Proxecto final.

O proxecto final ten como obxectivo comprobar se o alumno asimilou e ten a capacidade de integrar, sincretizar e aplica-los coñecementos teórico-prácticos e artísticos das ensinanzas cursadas no centro e, en consecuencia, de desempeña-la actividade profesional no campo desta especialidade e nivel cursados.

Nesta familia profesional, o proxecto consistirá na realización dunha ou de varias pezas pertencentes ó campo da cerámica artística, xa sexa como peza illada ou xa como conxunto.

O proxecto final terá o seguinte contido:

* Información e comunicación.

-Estudio histórico-artístico, que sitúe a obra obxecto do proxecto no contexto da cerámica artística, relacionándoa coas artes plásticas do seu tempo e cos seus antecedentes estéticos, analizando de forma clara e precisa as técnicas nela empregadas para a súa confección e destacando as achegas ou peculiaridades que ofrece o traballo.

-Memoria, onde se realizará unha análise dos procesos e fases de realización do producto, así como, polo menos, dos seguintes aspectos:

-Aspectos artísticos.

-Aspectos técnico-funcionais.

-Aspectos técnico-tecnolóxicos: materiais e procesos necesarios para a realización do producto final.

-Aspectos económicos: cálculo dos custos necesarios para a realización do producto final e rendibilidade e óptimo aproveitamento dos medios.

-Testemuña gráfica das diversas etapas do traballo cos debuxos e bosquexos realizados, así como, se é o caso, propostas de catálogo, montaxe e organización dunha exposición dos proxectos.

* Realización: realización da obra á que se refire o proxecto ou da maqueta a escala, en función da entidade do proxecto e das especificacións do tribunal.

-Representación gráfica: planos, detalles, instalacións. Incluirá unha memoria gráfica das diversas etapas da realización.

-Estudio económico: medicións e orzamentos.

-Programación e planificación da obra.

4. Ordenación académica e impartición.

4.1. Admisión de alumnos.

4.1.1. Acceso con requisitos académicos.

Para acceder ó ciclo formativo de grao superior ó que se refire este decreto, será preciso estar en posesión do título de bacharelato ou ter superados os estudios equivalentes a ese título, segundo o establecido nos anexos I e II do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación do novo sistema educativo, modificado polo Real decreto 173/1998, do 16 de febreiro, e superar unha proba de acceso específica.

4.1.2. Exencións da proba de acceso específica.

Estarán exentos de realiza-la proba de acceso prevista no artigo 6º do presente decreto:

* Aqueles aspirantes que cursasen, no bacharelato de artes, a materia de fundamentos do deseño, debuxo artístico II e volume I.

* Aqueles aspirantes que tivesen superados os estudios experimentais de bacharelato artístico definido na Orde do 21 de outubro de 1986 (BOE do 6 de novembro).

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de graduado en artes aplicadas en especialidades do ámbito de cerámica artística.

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de técnico superior correspondente a outro ciclo formativo da mesma familia profesional.

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de graduado en artes aplicadas na especialidade técnicas de volume, tendo cursado como taller optativo terracotas, cerámicas e vidro, nos dous cursos da especialidade.

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de graduado en cerámica (opcións artística e industrial).

* Aqueles aspirantes que estivesen en posesión do título de perito en cerámica artística ou o título de perito en técnica cerámica.

4.1.3. Acceso sen requisitos académicos.

Malia o disposto nos puntos anteriores, será posible acceder ó ciclo formativo establecido no presente decreto sen estar en posesión do título de bacharelato, sempre que o aspirante teña cumpridos os vinte anos de idade e supere unha proba na que demostre tanto madureza intelectual, acreditada a través do dominio das capacidades lingüísticas, de razoamento e de coñecementos fundamentos da etapa educativa anterior relacionados coa ensinanza á que aspira, como as habilidades específicas necesarias para cursar con aproveitamento as ensinanzas correspondentes.

A dita proba será regulada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.2. Fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres.

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres poderá consistir tanto na realización de prácticas en entidades de titularidade pública ou privada como en traballos profesionais academicamente dirixidos e integrados no currículo, así como aqueles efectuados no marco de programas de intercambio nacional ou internacional.

A fase de prácticas en empresas, estudios ou talleres realizarase unha vez superada a totalidade dos módulos. Excepcionalmente, o equipo docente do ciclo poderá autoriza-la súa realización simultánea coas actividades de recuperación a aqueles alumnos ou alumnas que teñan un máximo de dous módulos sen superar, sempre que quede garantido que non se produza mingua na capacidade das tarefas de recuperación.

A avaliación faraa o profesor titor ou a profesora titora do centro educativo e nela colaborará a persoa responsable de formación do alumnado designada polo centro de traballo no período de estancia nel. A cualificación final estará expresada en termos de apto ou non apto. Realízaa o titor do ciclo.

4.3. Proxecto final.

4.3.1. Fases de entrega e avaliación.

* Anteproxecto. Unha vez aprobados os módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres, o alumno presentará un proxecto da súa especialidade, dirixido por un profesor titor, ante un tribunal avaliador. O anteproxecto deberá reflectir a grandes trazos o contido do proxecto que se vaia realizar.

* Aceptación. Para a aceptación do anteproxecto, o tribunal avaliador terá en conta os seguintes aspectos:

-O seu interese global, tendo en conta a proposta estética, a orixinalidade da formulación e a súa adecuación á demanda real do producto de que se trate.

-A posibilidade de realización efectiva do proxecto, nos prazos establecidos e tendo en conta os medios e as instalacións co que se conta.

No suposto de non aceptación, o tribunal ofertaralle unha proposta alternativa ó alumno.

* Inscrición. Formalizarase unha vez aceptado o anteproxecto.

* Elaboración e prazo de execución. O proceso de realización do proxecto desenvolverase dentro do último trimestre do curso no que se superasen os módulos do ciclo formativo.

* Avaliación. O proxecto avaliarase globalmente. Cualificarase entre 0 e 10 puntos. Para a avaliación positiva requírese unha cualificación igual ou superior a cinco.

O número máximo de convocatorias para a superación do proxecto final é de dúas. No suposto de que se dea algunha circunstancia que impedise o normal desenvolvemento do proxecto, a dirección do centro, con carácter excepcional, poderá autorizar unha convocatoria extraordinaria.

Os tribunais considerarán na avaliación dos proxectos a súa capacidade ou interese pedagóxico para servir como pauta ou referencia ós demais alumnos e alumnas. Para tal efecto, incluirán no seu calendario de actividades a organización de exposicións de proxectos finais.

4.3.2. Titoría e tribunal avaliador.

A titoría do proxecto final correrá por conta do titor do ciclo formativo ou dun membro do equipo docente. Neste último caso actuará como relator o titor.

A aceptación da proposta do proxecto final e a súa avaliación, así como a determinación específica dos prazos, procesos e pautas para a realización, entrega e avaliación dos proxectos corresponderá a un tribunal integrado por:

* Presidente: o director do centro ou o profesor en quen delegue.

* Secretario: o do propio centro, que actuará con voz pero sen voto, levantará acta das sesións e encargarase de facilitar e coordina-la utilización dos medios que, se é o caso, o centro poña ó dispor dos alumnos para a realización dos proxectos, no período establecido para a súa execución.

* Vocais: polo menos tres, nomeados polo director, dos que dous membros serán profesores do ciclo. O director poderá designar ademais un profesor de recoñecido prestixio no campo correspondente ó ciclo formativo e alleo ó centro educativo.

4.4. Especialidades do profesorado con atribución docente nos módulos profesionais do ciclo formativo de cerámica artística.

Os funcionarios do corpo de profesores de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño impartirán con carácter preferente os módulos deste ciclo, de conformidade coa atribución de módulos a especialidades que figura na columna (A) do presente anexo.

Non obstante, co fin de lograr un óptimo aproveitamento dos recursos dispoñibles no centro, na súa organización, os devanditos módulos poderán ser impartidos por funcionarios e funcionarias doutras especialidades, de conformidade co que figura na columna (B), sen que iso derive efectos na adscrición de especialidade.

MódulosEspecialidade do profesorado

(A)(B)

1Historia da cerámicaCorpo: profesores de artes plásticas e deseño

Especialidades:-Historia da arte-Historia da arte e da cerámica-Cultura xeral cerámica

2DebuxoCorpo: profesores de artes plásticas e deseñoCorpo: profesores de artes plásticas e deseño

Especialidades:-Debuxo artístico-Proxectos de arte decorativa
-Colorido e procedementos pictóricos-Teoría e práctica do deseño
-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa-Debuxo lineal
-Decoración sobre pastas cerámicas-Deseño cerámico
-Análise de forma e cor-Deseño industrial cerámico
-Procedementos pictóricos-Debuxo arqueolóxico
-Técnicas de colorido aplicado á cerámica-Debuxo e técnicas pictóricas
-Debuxo publicitario
-Composición ornamental
-Estilización artística e colorido
-Decoración elemental cerámica

3Formación e orientación laboralCorpo: profesores de artes plásticas e deseño

Especialidades:-Dereito usual
-Organización industrial

4VolumeCorpo: profesores de artes plásticas e deseño

Especialidades:-Modelado e baleirado
-Imaxinería castelá
-Moldeaxe de figuras
-Moldes
-Adorno e figura

5Taller cerámicoCorpo: mestres de taller de artes plásticas e deseñoCorpo: mestres de taller de artes plásticas e deseño

Especialidades:-Cerámica artísticaEspecialidades:-Olería
-Decoración cerámica-Olería e torno
-Cerámica e esmaltes
-Decoración sobre louza
-Decoración sobre porcelana
-Louza e porcelana
-Reflexos metálicos
-Fornos
-Pastas e fornos
-Cerámica e vidreira
-Restauración cerámica
-Fornos e maquinaria cerámica
-Esmaltes sobre metal
-Matricería
-Moldeo e montaxe de porcelana
-Moldes e reproduccións
-Manufactura cerámica
-Modelismo industrial
-Moldes

6Proxectos de cerámica artísticaCorpo: profesores de artes plásticas e deseñoCorpo: profesores de artes plásticas e deseño

Especialidades:

-Proxectos de arte decorativa

Especialidades:-Debuxo artístico
-Teoría e práctica do deseño-Colorido e procedementos pictóricos
-Deseño cerámico-Composición decorativa, pintura e escultura relixiosa
-Deseño industrial cerámico-Decoración sobre pastas cerámicas-Análise de forma e cor
-Procedementos pictóricos
-Técnicas de colorido aplicado á cerámica

MódulosEspecialidade do profesorado

(A)(B)

-Debuxo publicitario
-Composición ornamental
-Estilización artística e colorido
-Decoración elemental cerámica
-Modelado e baleirado
-Imaxinería castelá
-Moldeaxe de figuras
-Moldes
-Adorno e figura

4.5. Espacios e instalacións.

As condicións de espacio e instalacións que deben reuni-los centros educativos son as que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas.

Para os efectos do disposto no artigo 40.1º, parágrafos k), l), m) do real decreto anteriormente citado, os módulos do presente ciclo formativo clasifícanse nos seguintes puntos:

* Teóricos:

-Historia da cerámica.

-Formación e orientación laboral.

* Teórico-prácticos:

-Debuxo.

-Volume.

-Proxectos de cerámica artística.

* Talleres específicos:

-Taller cerámico.

Espacio formativoSuperficieGrao de utilización

Aula teórica45 m15%

Aula teórico-práctica80 m15%

Taller cerámico60 m30%

4.6. Relación numérica profesor/alumno.

De conformidade co establecido no artigo 44 do Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se regulan os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas artísticas, manterase unha relación numérica entre profesor e alumno non superior a 1/15 no módulo: taller cerámico. Ó resto dos módulos aplicaráselle a ratio máxima 1/30.

En función da dispoñibilidade de cada centro e sempre que sexa posible, tenderase a aplica-la relación 1/15 nos módulos impartidos nas aulas teórico-prácticas.

4.7. Correspondencias.

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral os seguintes módulos:

* Taller cerámico.

* Formación e orientación laboral.

Así mesmo, poderá quedar total ou parcialmente exento da fase de formación práctica en empresas, estudios e talleres, quen acredite experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado con este ciclo formativo.

4.8. Distribución horaria.

Os módulos profesionais deste ciclo formativo organízanse da seguinte forma:

Horas totaisDenominación dos módulos

1º, 2º e 3º trimestre

130Debuxo

290Volume

345Taller cerámico

130Historia da cerámica

65Horas de libre disposición

960TOTAL

4º, 5º e 6º trimestre

350Taller cerámico

245Proxectos de cerámica artística

65Formación e orientación laboral

660TOTAL

125Proxecto final

105Formación práctica en empresas, estudios ou talleres

230TOTAL

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO,

MULLER E XUVENTUDE