Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.443

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese.

A Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, prevé no seu artigo 20 que as asociacións, fundacións e outras organizacións non gobernamentais que interveñan no campo das drogodependencias, poderán cooperar coa Administración autonómica nas distintas materias obxecto da lei, logo de inscrición nos rexistros que regulamentariamente se determinen e sempre que se adecuen ás normas previstas na lexislación vixente.

Este mesmo artigo establece no seu punto 2º, a posibilidade de que a Xunta de Galicia declare de interese para a Comunidade Autónoma galega aquelas entidades sen ánimo de lucro que estean levando a cabo programas ou servicios no campo das distintas drogodependencias e cumpran os requisitos que regulamentariamente se establezan.

Por todo o exposto, e para permiti-la efectividade da cooperación prevista polo artigo 20.1º da Lei de Galicia sobre drogas, procédese á creación e regulación do rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, establecéndose así mesmo os requisitos necesarios para obte-la declaración de interese á que se fai referencia no punto 2º do mencionado precepto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia número 740/2001 e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de febreiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto crear e regula-lo funcionamento do rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, así como regula-los requisitos e o procedemento para a declaración de interese para a Comunidade Autónoma galega daquelas entidades sen ánimo de lucro que

estean levando a cabo programas ou servicios no campo das drogodependencias.

Capítulo I

Do rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas

Artigo 2º.-Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas.

1. Créase o rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, no que se inscribirán as asociacións, fundacións, organizacións non gobernamentais e outras entidades públicas ou privadas que, desenvolvendo as súas actividades no territorio da Comunidade Autónoma, se constitúan ou se constituísen para levar a cabo programas de prevención, asistencia, incorporación social, formación ou investigación no campo das drogodependencias, pretendan cooperar coa Consellería de Sanidade na consecución de obxectivos nestes ámbitos.

2. Para ser obxecto de inscrición no rexistro, será preciso que o funcionamento dos programas desenvolvidos nos centros e servicios de que sexan titulares as entidades referidas no punto anterior sexa coordinado dentro do Plan de Galicia sobre Drogas (PGD).

3. O rexistro será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, e estará xestionado organicamente pola Consellería de Sanidade, dependendo funcionalmente do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As inscricións no rexistro realizaranse por instancia de parte, sen prexuízo das facultades de inscrición de oficio pola Consellería de Sanidade daquelas entidades ou institucións que veñan xa desenvolvendo actividades no ámbito das drogodependencias á entrada en vigor deste decreto, sempre que cumpran os requisitos esixidos legalmente e veñan actuando como entidades colaboradoras na dita materia.

2. As solicitudes de inscrición por instancia de parte formalizaranse coa achega da seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida ó secretario xeral da Consellería de Sanidade, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme o modelo que figura como anexo I deste decreto.

b) Copia notarial ou fotocopia compulsada dos estatutos ou da escritura fundacional da entidade.

c) Documento acreditativo do número do rexistro de asociacións ou fundacións, no caso de tratarse dunha entidade deste tipo.

d) Fotocopia compulsada pola Consellería de Sanidade do código de identificación fiscal (CIF).

e) Memoria expositiva da natureza xurídica, da organización, dos fins da entidade e dos medios materiais e persoais de que dispón, incluíndose tanto a descrición das actividades desenvolvidas no ano precedente ó da data de solicitude da inscrición, como a programación de actuacións que se van desenvolver no prazo do ano seguinte a ela.

f) Certificado do Rexistro da Propiedade sobre a titularidade, gravames dos bens inmobles destinados pola entidade a servicios en materia de drogodependencias, contratos de arrendamento, cesión ou outros que xustifiquen, se é o caso, o seu uso por parte da entidade cando esta non sexa propietaria deles.

g) Copia compulsada ou, no seu defecto, certificación dos documentos acreditativos e dos permisos de obras e licencias de apertura e funcionamento municipais, así como as autorizacións dos demais organismos competentes na materia referidas ós bens inmobles que, estando en proxecto ou execución, ten previsto utiliza-la entidade para desenvolvemento de servicios no ámbito das drogodependencias.

2. Poderán solicita-la inscrición os concellos que desenvolvan programas de tratamento de drogodependencias a través de unidades e servicios asistenciais por eles xestionados. Os concellos só terán que presenta-los documentos subliñados coas letras a) e e) do punto 1 deste artigo. De ter subscritos convenios de cooperación coa Consellería de Sanidade para o desenvolvemento de programas de prevención, incorporación social ou tratamento de drogodependencias, unicamente será precisa a presentación da correspondente solicitude debidamente cuberta.

Artigo 4º. Tramitación da inscrición.

1. Se a documentación presentada xunto coa solicitude é correcta, o Secretario Xeral da Consellería de Sanidade acordará a inscrición no rexistro no prazo máximo de seis meses contados a partir da presentación desta, atribuíndoselle á entidadade o número rexistral que lle corresponda. A falta de resolución expresa nese prazo terá efectos estimatorios.

2. De observarse defectos na documentación, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende os defectos observados. De non emendalos no dito prazo, será de aplicación o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Cancelación das inscricións.

Procederá de oficio a cancelación da inscrición no rexistro cando a entidade deixe de cumpri-los requisitos esixidos por este decreto e disposicións que o desenvolvan e, en todo caso, cando se extinga a súa personalidade xurídica ou se disolva a entidade.

A cancelación da inscrición rexistral a pedimento dos interesados, formalizarase mediante a presentación do modelo que figura como anexo II deste decreto.

Artigo 6º.-Obrigas das entidades inscritas.

As entidades inscritas no rexistro de entidades colaboradoras do PGD estarán obrigadas ó cumprimento, respecto á Consellería de Sanidade, das seguintes obrigas:

-Coordinación efectiva das súas actividades coas do Comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas.

-Aceptación do cumprimento das directrices e requirimentos que a Consellería de Sanidade efectúe ás entidades no marco da aplicación dos principios e obxectivos do Plan de Galicia sobre Drogas e da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

-Identificación dos seus medios materiais, recursos económicos, centros e servicios con mención do número rexistral correspondente á entidade.

-Comunicación á Consellería de Sanidade dos datos que lle sexan requiridos para a comprobación da efectiva adecuación entre as actividades que desenvolva a entidade e a súa natureza xurídica e finalidade declaradas para efectos rexistrais, así como para posibilita-la elaboración de informes e estatísticas.

-Comunicación á Consellería de Sanidade de tódalas variacións que afecten ós datos rexistrais no prazo dun mes desde a data de producción do acordo ou do feito determinante da modificación. A comunicación formalizarase mediante a presentación do modelo que figura como anexo III deste decreto.

Artigo 7º.-Concertos e convenios.

A inscrición no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, considerarase requisito previo e necesario para o establecemento de concertos ou convenios coa Consellería de Sanidade, e para a obtención polas citadas entidades de axudas ou subvencións da Administración autonómica no ámbito da prevención, asistencia, rehabilitación, incorporación social, formación ou investigación en materia de drogodependencias, de acordo co previsto no artigo 29 da Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas.

Capítulo II

Do procedemento para a declaración de interese para Galicia da actuación das entidades colaboradoras

Artigo 8º.-Declaración de interese.

A Xunta de Galicia, mediante orde do conselleiro de Sanidade, poderá declarar de interese para a Comunidade Autónoma galega aquelas entidades inscritas no rexistro de entidades colaboradoras que estan levando a cabo programas ou servicios no campo das distintas drogodependencias e así o soliciten.

Para isto, poderá solicitar canta documentación estime pertinente para actualiza-los datos que consten nel.

Artigo 9º.-Solicitude de recoñecemento de interese.

1. A solicitude de recoñecemento de interese dirixirase, en modelo oficial que figura como anexo IV deste decreto, ó secretario xeral da Consellería de Sanidade a través da delegación provincial da Consellería de Sanidade da provincia onde radique o domicilio social da entidade solicitante.

2. O prazo de resolución da solicitude será de tres meses. De non recaer resolución expresa dentro do citado prazo a solicitude entenderase estimada.

Artigo 10º.-Beneficios derivados do recoñecemento de interese.

O recoñecemento do interese levará aparellados os seguintes beneficios, dos que poderán facer uso as entidades solicitantes:

a) A utiliza-lo mencionado recoñecemento no desenvolvemento dos programas e servicios no ámbito das drogodependencias.

b) A desfrutar das exencións e bonificacións fiscais que legalmente se establezan a favor destas entidades.

Disposición transitoria

Sen prexuízo da súa inscrición rexistral por propia iniciativa, a Consellería de Sanidade asumirá de oficio a inscrición no rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, daquelas entidades que figurando inscritas nos rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais, nos de asociacións, fundacións ou noutros análogos, desempeñen actividades no ámbito das drogodependencias.

Nestes supostos, se a Consellería de Sanidade considerase preciso para formaliza-las novas inscricións solicitar máis documentación das entidades inscritas, requiriraas a estas, outorgándolles un prazo de quince días hábiles para tal efecto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de febreiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Maria Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA