Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.442

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 73/2002, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Os decretos 306/2001, do 15 de decembro e 310/2001, do 17 de decembro, estableceron, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e a dos departamentos que a compoñen.

A última das disposicións citadas fixou, no seu artigo 1º, a estructura dos órganos superiores da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, entre os que se estableceron a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias e a Dirección Xeral de Relacións Institucionais. Para os efectos de establece-lo marco xurídico-administrativo no que deben levar a cabo os seus cometidos, procede agora fixa-las funcións así como desenvolve-la estructura das devanditas direccións xerais ata o nivel orgánico de xefatura de servicio para acomodala ós cambios operados pola devandita normativa.

Por outra banda, ó seren asumidas por esta consellería as funcións asignadas ó conselleiro sen carteira de Relacións Institucionais, considérase oportuno que estas sexan levadas por un novo centro directivo, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no exercicio da facultade que me outorga o artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, tralos informes da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias é o centro directivo que ten encomendado o exercicio das seguintes funcións:

a) Informar e asisti-lo Goberno galego nas súas relacións co Parlamento de Galicia.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo e dos acordos adoptados polo Parlamento de Galicia.

c) Realizar labores de apoio ó presidente da Xunta de Galicia nas súas intervencións parlamentarias, solicitando cando sexa preciso dos distintos departamentos da Xunta de Galicia os datos e informes que se coiden convenientes.

d) Organizar e coordina-los procesos electorais nos que sexa competente a Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Realiza-lo seguimento dos resultados dos procesos electorais realizados fóra da nosa Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Representa-la Xunta de Galicia naqueles procesos electorais nos que esta sexa invitada como observadora.

g) Elaborar estudios sociolóxicos que permitan ter un coñecemento da evolución e principais tendencias da opinión pública galega.

h) Face-lo seguimento das iniciativas tramitadas nas Cortes Xerais ou noutras comunidades autónomas que puidesen ter algunha relación coa Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Determina-lo departamento da Xunta de Galicia que debe dar resposta ás iniciativas parlamentarias que desde a cámara se presenten.

1.2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias contará coa seguinte unidade administrativa:

1.2.1. Servicio de Seguimento Lexislativo e Acordos Parlamentarios, que realizará as seguintes funcións:

a) Levar a cabo as tarefas que lle sexan encomendadas polo director xeral para a información e asistencia do Goberno galego nas súas relacións co Parlamento de Galicia.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo do Goberno galego.

c) Solicitar das distintas consellerías e órganos da Xunta de Galicia os informes procedentes para a elaboración das respostas ás preguntas escritas, así como se-la canle de comunicación entre a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia verbo da tramitación de proposicións de lei, proposicións non de lei, mocións, interpelacións e calquera outra iniciativa parlamentaria.

d) Face-lo seguimento dos acordos parlamentarios e, en especial, dos que incidan na acción do Goberno galego.

e) Remitirlle ó Parlamento de Galicia os informes ou a documentación que por disposición legal teña que realiza-la Xunta de Galicia.

Artigo 2º

2.1. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais é o centro directivo que ten encomendado o exercicio das seguintes funcións:

a) Exerce-la secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Mixta de Transferencias.

b) Exerce-la secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas Comisións Bilaterais de Cooperación entre a Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan creadas.

c) O rexistro dos convenios que sexan acordados polo Consello da Xunta de Galicia.

d) Coordina-la documentación que os departamentos da Xunta de Galicia elaboren para as relacións con outras administracións públicas. De xeito especial, aquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

e) Representa-la Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas naqueles supostos nos que lle sexa encomendado polo conselleiro.

f) Representa-la Comunidade Autónoma de Galicia naqueles foros nos que sexa necesaria a súa presencia e non estea de antemán estipulado o departamento que debe asistir en razón da materia que se vai tratar, cando así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

2.2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais contará coa seguinte unidade administrativa:

2.2.1. Servicio de coordinación, que realizará as funcións e cometidos que se expresan seguidamente:

a) O rexistro dos convenios que sexan acordados polo Consello da Xunta de Galicia.

b) Levar a cabo as tarefas que lle sexan encomendadas polo director xeral, en relación coa coordinación da documentación que os departamentos da Xunta de Galicia elaboren para as relacións con outras administracións. De xeito especial, aquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido por este decreto non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública