Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.450

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de febreiro de 2002 pola que se procede a executa-la sentencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Santiago de Compostela dictada no procedemento abreviado 50/2001, seguido por instancia de Pilar García de Longoria Esteban e Jaime Peláez Rial.

Mediante o Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, estableceuse o procedemento para a liquidación e extinción das cámaras da propiedade urbana de Galicia e do seu Consello Xeral (DOG nº 42, do 2 de marzo), de acordo co dito decreto, realizouse pola comisión para a integración do persoal das cámaras da propiedade urbana de Galicia unha proposta de persoal con dereito á súa integración como persoal laboral fixo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que foi remitida á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública, co fin de dar cumprimento ó artigo 10 do devandito Decreto 46/1996, do 11 de febreiro, dictou a Orde do 9 de novembro de 2000, pola que se regula a integración do persoal procedente das cámaras da propiedade urbana de Galicia (DOG do 16 de novembro).

Na súa virtude Pilar García de Longoria Esteban e Jaime Peláez Rial quedaron integrados na categoría 1 do grupo IV do III Convenio colectivo único da Xunta de Galicia con efectos do 1 de decembro de 2000 nos postos cos códigos OT.A99.10000.36001.015 e OT.A99.10000.36001.017, respectivamente.

Non estando de acordo coa súa integración na referenciada categoría 1 do grupo IV, Pilar García de Longoria Esteban e Jaime Peláez Rial interpuxeron recurso contra a Orde do 9 de novembro de 2000, pola que se regula a integración do persoal procedente das cámaras da propiedade urbana de Galicia, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Santiago de Compostela, que con data 7 de xuño de 2001 dictou no procedemento abreviado 50/2001 sentencia estimatoria, pronunciándose nos seguintes termos:

«Decido: que con estimación do recurso contencioso-administrativo presentado por Pilar García de Longoria Esteban y Jaime Peláez Rial, en relación coa resolución dictada pola citada consellería o 16 de xaneiro de 2001, desestimando recurso de reposición interposto contra a orde da mesma consellería do 9 de novembro de 2000 pola que a regula a integración do persoal das cámaras da propiedade urbana de Galicia, no particular aspecto de integra-los recorrentes no grupo IV no Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, debo declarar e declaro a non conformidade a dereito do acto administrativo

recorrido, polo que se deixa sen efecto, e no seu caso, declara-lo dereito dos recorrentes a ser integrados no grupo III, categoría 62 do citado convenio, con efectos desde a data da súa integración, condenando a demandada a aboar ós recorrentes as cantidades debidas por diferencias económicas derivadas da pertenencia a un e outro grupo de clasificación, sen facer expresa condena en custas».

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con data 7 de novembro de 2001 desestima o recurso de apelación interposto pola Xunta de Galicia contra a devandita sentencia.

Realizados os trámites conducentes á execución da sentencia firme dictada polo Xulgado do Contencios-Administrativo número un de Santiago de Compostela, e tendo en conta que actualmente non hai postos vacantes da categoría 62 do grupo III do Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, ofertáronse as vacantes do corpo administrativo da Xunta de Galicia, de postos base do grupo C (nivel 14) que había na provincia de Pontevedra, resultando que Pilar García de Longoria Esteban elixiu o posto co código XU.C99.10000.36560.011, pertencente á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais de Vigo (Pontevedra) e Jaime Peláez Rial elixiu o posto co código XU.C99.10101.36440.053 pertencente ó Gabinete de Seguridade e Saúde Laboral de Rande. Redondela (Pontevedra).

Posteriormente Pilar García de Longoria Esteban pide a renuncia ós dereitos que puideran corresponderlle como consecuencia da execución da sentencia do Xulgado do Contencioso-Administrativo número un de Santiago de Compostela dictada no P.A. 50/2001. A dita renuncia é aceptada coa consecuencia de que non se poderá volver a instar un segundo ou ulterior expediente co mesmo obxecto, quedando así integrada na categoría 1 do grupo IV con efectos do 1 de decembro de 2000.

Polo tanto, en virtude do exposto

DISPOÑO:

Primeiro.-Integrar a Jaime Peláez Rial como persoal laboral na categoría 62 do grupo III do III Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, con efectos do 1 de decembro de 2000, nas condicións previstas no Decreto 46/1999, do 11 de febreiro, publicado no DOG do 2 de marzo, e na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 2000, publicada no DOG do 16 de novembro.

Segundo.-Adxudicar a Jaime Peláez Rial o posto base do grupo C (nivel C) co código de posto XU.C99.10101.36440.053 pertencente ó Gabinete de Seguridade e Saúde Laboral de Rande, Redondela (Pontevedra).

Terceiro.-O interesado disporá, para tomar posesión, dun prazo de tres días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, con carácter potestativo o recurso de reposición perante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, da presente orde ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte o da publicación no Diario Oficial de Galicia perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2002

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública