Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 06 de marzo de 2002 Páx. 3.054

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Arnoia, Central da Arnoia, termo municipal da Arnoia, provincia de Ourense.

Visto o escrito presentado por José Luis Zapata Pinar, en nome e representación da sociedade Unión Fenosa Generación, S.A., con DNI nº 51440250-Z e con domicilio na rúa Capitán Haya, nº 53, 28020 Madrid, no que solicita autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Arnoia, Central da Arnoia, no termo municipal da Arnoia, provincia de Ourense, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 29 de outubro de 1991, a Confederación Hidrográfica del Norte resolve aprobar a favor de Unión Eléctrica Fenosa, S.A. a transferencia dun aproveitamento hidroeléctrico de 2.200 l/s de auga do río Arnoia, denominado Central da Arnoia, no lugar denominado A Peneda, no concello da Arnoia.

Segundo.-Por Resolución do 30 de xullo de 1992 da Confederación Hidrográfica del Norte, tomou en razón o arrendamento a sociedade Empresa Hidroeléctrica Giesta, S.L. dun aproveitamento de 2.200 l/s de auga do río Arnoia, da que é titular a sociedade Unión Eléctrica Fenosa, S.A.

Terceiro.-Por Resolución do 7 de xullo de 1993 da Confederación Hidrográfica del Norte autorizóuselle á empresa Unión Eléctrica Fenosa, S.A., a rehabilitación e modernización dun aproveitamento de 2.200 l/s de auga do río Arnoia, con destino á producción de enerxía eléctrica, Central da Arnoia.

Cuarto.-A Dirección Xeral de Industria, por Resolución do 15 de outubro de 1993, publicada no DOG do 29 de decembro, concede a autorización administrativa e aproba o proxecto de execución das instalacións electromecánicas da Central Hidroeléctrica da Arnoia.

Quinto.-O 19 de setembro de 2000, José Luis Zapata Pinar, en nome e representación de Unión Fenosa Generación, S.A., solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da modificación da Central Hidroeléctrica da Arnoia, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Sexto.-O proxecto de ampliación da Central Hidroeléctrica da Arnoia someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa mencionados, mediante resolución da Delegación Provincial de Industria de Ourense do 13 de outubro de 2000, publicada no BOP de Ourense do 31 de outubro de 2000 e no DOG do 7 de novembro de 2000.

Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales no afectaban as instalacións electromecánicas.

Sétimo.-Por resolución ministerial da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico, con data do 14 de febreiro de 2002, outorgouse a favor de Unión Fenosa Generación, S.A. unha ampliación de concesión para aproveitar 25.000 l/s de auga do río Arnoia, no termo municipal da Arnoia, provincia de Ourense, con destino a producción de enerxía eléctrica.

Oitavo.-As instalacións electromecánicas da central hidroeléctrica do río Arnoia, Central da Arnoia, segundo o seu proxecto de execución, asinado polo enxeñeiro industrial Fernando Iglesias Navarro e visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número de rexistro 497/2000, teñen as seguintes características:

-Galería de presión de 712,305 m de lonxitude, 12,36 m de sección e 6,43% de pendente.

-Caudal máximo derivado: 25.000 l/s.

-Salto bruto: 51,51 m.

-Tres turbinas tipo Francis de eixe vertical de 750, 750 e 375 r.p.m., e de 3.500, 5.500 e 16.000 l/s respectivamente.

-Tres xeradores síncronos de 6.500, 2.100 e 1.400 kVA de potencia, 50 Hz de frecuencia e tensión de xeración de 0,6 kV.

-Un transformador de potencia de 13,5 MVA e relación de transformación 0,6/20 kV.

-Instalacións de protección, manobra, mando sinalización, medida e interconexión coa liña da empresa distribuidora.

Noveno.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense emitiu informe favorable, propoñendo a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Real decreto 916/1985, do 25 de maio, modificado polo Real decreto 249/1988, do 18 de marzo.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizar administrativamente a modificación do aproveitamento hidroeléctrico do río Arnoia, Central da Arnoia, no termo municipal da Arnoia, provincia de Ourense.

-Aproba-lo proxecto de execución das instalacións electromecánicas da citada central hidroeléctrica.

Queda obrigada a empresa titular da instalación a notifica-lo comezo e remate das obras para a súa inspección e posta en marcha, podendo a Administración autonómica deixar sen efecto esta resolución, despois do oportuno expediente, no momento que observe incumprimento dos regulamentos, condicionantes técnicos e de seguridade e medidas correctoras establecidas polos organismos e entidades que constan no expediente deste aproveitamento hidroeléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas