Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 2002 Páx. 2.919

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 2002.

Para os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún, estableceuse o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade dun tratamento terapéutico. Iso implica que os gandeiros, de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias do 4 de febreiro de 1955 e demais lexislación concordante, poderán recibir unha indemnización de acordo co baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose bovina e brucelose no gando vacún, ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que, convivindo cos animais enfermos, sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, serán as que correspondan en cada momento

segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimento estricto da normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas nesta orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.613 A.770.0 Programas Sanitarios Especiais, dotado con seiscentos un mil doce euros (601.012 euros).

Este importe podería verse incrementado con sucesivas achegas doutras administracións e a dotación de crédito que quede como definitiva na Lei de orzamentos que se aprobe para a Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002.

Artigo 4º

1. Para cumprimento do artigo 17 do Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais e dos artigos 21 e 22 da Orde do 4 de abril de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes pola que se establecen as normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e cabrúa, o trámite de indemnización será feito de oficio pola Administración ó recibi-los documentos xustificantes do sacrificio das reses no matadoiro e, unha vez comprobados os requisitos esixidos no artigo 5 desta orde, emitirase resolución da aprobación ou denegación da indemnización na que se especificarán os recursos que procedan.

2. A resolución notificarase na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que, transcorridos seis meses desde o sacrificio dos animais afectados, non se dictase resolución expresa, entenderase denegada a indemnización.

Artigo 5º

Os beneficiarios das indemnizacións presentarán, antes do pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Ademais, deberán presentar certificación de encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais e de que non teñen ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO