Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 04 de marzo de 2002 Páx. 2.918

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 20 de febreiro de 2002 pola que se amplia ó ano 2002 parcialmente a convocatoria de axudas para a retirada do mercado de fariñas animais.

A Orde do 23 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 4 de abril) estableceu a convocatoria de axudas ós fabricantes de fariñas animais para a retirada e procesamento de refugallos de matadoiros e industrias cárnicas de Galicia e a súa posterior eliminación e/ou destrucción conforme a normativa vixente. Os requisitos establecidos sinalaban que as fariñas animais se debían producir con data máxima do 30 de xuño de 2001. Esta data ampliouse posteriormente mediante a Orde do 2 de agosto de 2001 (Diario Oficial de Galicia do 13 de agosto) ata o 31 de decembro de 2001.

Por outra parte, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou con data 19-1-2002 a Orde APA/67/2002, do 18 de xaneiro, referente ós sistemas de control de destino dos subproductos xerais na cadea alimentaria cárnica, onde se sinalan novos sistemas de financiamento para a retirada do mercado de fariñas animais, baseados na repercusión dos custos no propio mercado.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é amplia-la convocatoria de axudas establecidas na Orde do 23 de marzo de 2001, pola que se establecen axudas para a retirada do mercado de fariñas animais, a aquelas producidas ata posta en marcha efectiva do novo sistema de financiamento sinalado na Orde APA/67/2002, do 18 de xaneiro, pola que se establecen sistemas de control de destino dos subproductos xerais na cadea alimentaria cárnica.

Artigo 2º.-Características das axudas e requisitos.

Os beneficiarios, as características e os requisitos dos productos son os mesmos cós sinalados na Orde do 23 de marzo de 2001, salvo no punto b) do artigo 4º, no que se suprime a condición de terse obtido antes do 1 de xullo de 2001, e a inclusión do novo requisito seguinte:

«e) Non ser financiados os seus custos de elaboración e eliminación mediante un incremento de prezos na cadea alimentaria».

Artigo 3º.-Tramitación.

Establécese un prazo ata o 30 de marzo de 2002 para presenta-las solicitudes de axuda, debéndoselles xunta-la seguinte documentación:

1. Se o interesado solicitou axuda a través da Orde do 23 de marzo de 2001 e presentou, polo tanto, a documentación sinalada no artigo 6 da citada orde, soamente deberá actualizala engadindo unha memoria coa previsión de refugallos que se van procesar entre o 1-1-2002 e a data prevista de aplicación do novo sistema de financiamento, incluíndo os puntos referenciados no punto 3º do artigo 6. Así mesmo, na mesma memoria deberá incluír calquera outra variación que puidera haber sobre a información incluída na petición presentada con anterioridade.

2. No caso de non ter solicitado axuda con anterioridade a través da Orde do 23 de marzo 2001, débese incluír toda a documentación sinalada no artigo 6 da citada orde, ampliando as previsións recollidas no punto 3º ata a data precisa de aplicación do novo sistema de financiamento.

3. No caso de que no momento de efectua-lo pagamento das axudas estivese operativo o sistema de transmisión telemática estabecido pola Xunta de Galica coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a certificación requirida de estar ó día nas obrigas tributarias poderá ser substituída por unha autorización do beneficiario para que a Xunta de Galicia a poida solicitar por vía informática.

4. O procedemento de resolución e pagamento das axudas, así como a súa compatibilidade e o réxime de recursos son os mesmos que os citados na Orde do 23 de marzo de 2001.

Artigo 4º.-Seguimento e control.

Para o seguimento e control das axudas, así como no referente ás normas sobre incumprimentos, será de aplicación o disposto na Orde do 23 de marzo de 2001, salvo no caso do parágrafo segundo do artigo 11, que debe ser substituído polo seguinte: no caso de que nas análises de control das características das fariñas elaboradas, resulten valores inferiores ós contidos en materia seca e proteína bruta requiridos, aplicarase a reducción proporcional correspondente na subvención que se vai percibir. Non obstante, no caso de dárense valores notoriamente inferiores ós requiridos, poderá ocasiona-la perda da totalidade da subvención correspondente a esa partida, e do resto da subvención aínda non percibida se os referidos valores foran repetitivos.

Artigo 5º.-Financiamento.

A concesión destas axudas financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.615 A.470.0 dos orzamentos prorrogados da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, dotada inicialmente

con 450.759 euros, así como con outros remanentes que puideran existir na mesma aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase o director xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural