Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 21 de febreiro de 2002 Páx. 2.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos.

O Regulamento (CE) nº 2561/2001 do Consello, do 17 de decembro de 2001, (DOCE do 28 de decembro), polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos, establece excepcións a determinadas disposicións do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), con base nun esforzo financeiro adicional para o establecemento dunha medida específica da comunidade orientada á reestructuración da flota e á prexubilación ou a reciclaxe dos seus tripulantes, obrigados a interrompe-las súas actividades pesqueiras ó expira-lo acordo de pesca entre a Comunidade Económica Europea e o Reino de Marrocos.

Sen embargo, a medida específica axústase ós principios xerais da política estructural no sector pesqueiro, evitándose distorsións coa execución do programa operativo IFOP vixente para o período 2000-2006 e acomodando a xestión ás disposicións previstas para os fondos estructurais.

A medida específica, polas súas propias características, ten unha duración limitada, finalizando o prazo de concesión de axudas con base nela o 30 de xuño de 2003.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Por tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde se establécense as bases e condicións, e regúlase o procedemento de concesión de axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan as condicións que máis adiante se sinalarán, afectados pola non renovación do acordo de pesca con Marrocos.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de facilita-la saída da actividade extractiva daqueles buques, da flota afectada pola extinción en 1999 do acordo de pesca con Marrocos, incapaces de acceder á súa reconversión, e a través da paralización definitiva das súas actividades pesqueiras.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 7 así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, sonlle de aplicación as disposicións contidas no Regulamento (CE) nº 2561/2001 do Consello, do 17 de decembro de 2001, polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes

ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos así como na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo á aplicación orzamentaria número 12.03.614B.771.0 e cun importe máximo de 1.634.752,92. euros (272.000.000 de pesetas).

As convocatorias, no exercicio 2002, serán máis dunha e rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde.

Os remanentes dunha convocatoria acumularanse á seguinte.

As axudas financiaranse con cargo a fondos da Unión Europea e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os propietarios de buques pesqueiros, ós que se lle concederan indemnizacións, durante os anos 2000 e 2001, por unha duración mínima acumulable de seis meses de paralización temporal de actividade, debido á non renovación do acordo de pesca con Marrocos, que paralicen definitivamente a súa actividade pesqueira por algún dos procedementos indicados máis adiante, e que reúnan todos e cada un dos requisitos que tamén se establecen.

A acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos no primeiro inciso do parágrafo anterior farase de acordo coa lista de buques que para este obxecto debe remiti-la Administración xeral do Estado á Comisión Europea, con base no artigo 1.2 do regulamento de aplicación.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na súa normativa de aplicación.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición do pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios e, se é o caso, administradores de persoas xurídicas e socios ou partícipes delas, seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Forma de realización da paralización.

A paralización definitiva das actividades pesqueiras dos buques poderá lograrse mediante:

a) O despezamento do buque.

b) O traspaso definitivo do buque a un país non pertencente á Unión Europea, logo de acordo das autoridades competentes do país de que se trate, sempre que se respecten tódalas condicións seguintes:

* Que existan garantías adecuadas de que non se vai vulnera-lo dereito internacional, en particular no que se refire ás normas de conservación e xestión dos recursos do mar ou outros obxectivos da política pesqueira común e no que se refire ás condicións de traballo dos pescadores.

* Que o terceiro país ó que se traspase o buque non sexa un país candidato á adhesión.

c) A asignación definitiva do buque a tarefas que non sexan pesqueiras.

Artigo 9º.-Requisitos e condicións.

Para acollerse á paralización definitiva deberán cumprirse os requisitos e condicións que a continuación se establecen.

a) Requisitos.

1) Que ó solicita-la axuda o buque estea libre de cargas e gravames.

b) Condicións.

1) No caso de traspaso definitivo dun buque a un terceiro país, a idade mínima a partir da cal se poderá acceder a esta medida é de 5 anos; non obstante, para os buques de 5 a 9 anos a prima de referencia será a aplicable ós buques de 10 a 15 anos. Da dita prima deducirase unha parte do importe percibido anteriormente en caso de axuda á construcción ou á modernización; esta parte calcularase pro rata temporis do período de 10 anos (en caso de axuda á construcción) ou de 5 anos (en caso de axuda á modernización) anterior á transferencia definitiva.

2) Trala paralización definitiva, a licencia de pesca deberá ser anulada e o buque deberá ser definitivamente excluído do rexistro comunitario de buques pesqueiros.

3) En caso de traspaso definitivo a un terceiro país, o buque deberá inscribirse no rexistro dese terceiro país sen demora e aplicaráselle a prohibición definitiva de volver a augas comunitarias.

c) En caso de perda do buque entre o momento da decisión de concesión da prima e a paralización definitiva real, efectuarase unha corrección financeira equivalente á indemnización pagada polo seguro.

d) Os buques que foran obxecto dunha axuda por paralización definitiva non poderán ser achegados como baixas para novas construccións ou modernizacións.

Artigo 10º.-Importe das axudas.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

As axudas públicas á paralización definitiva, aboadas ós beneficiarios, non poderán exceder das contías seguintes:

a) Primas por despezamento:

* Buques de 10 a 15 anos: baremos dos cadros 1 e 2 do anexo IV do Regulamento (CE) nº 2792/1999

do Consello, do 17 de decembro, e que se transcribe como anexo I desta orde, incrementados nun 20%.

* Buques de 16 a 29 anos: baremos dos cadros 1 e 2 citados, incrementados nun 20%, e reducidos nun 1,5% por cada ano que exceda dos 15 anos.

* Buques de 30 anos ou máis: baremos dos cadros 1 e 2 citados, incrementados nun 20%, e reducidos nun 22,5%.

b) Primas por traspaso definitivo a un terceiro país: os importes máximos das primas por despezamento previstas na letra a) reducidos nun 50%; non obstante, non se admitirá ningunha axuda pública por este concepto para os buques de tonelaxe inferior a 20 TRB ou 22 GT ou que teñan 30 anos ou máis.

c) Primas noutros casos de paralización definitiva das actividades pesqueiras: os importes máximos dos baremos dos cadros 1 e 2 transcritos como anexo I desta orde, reducidos nun 50%; non obstante, non se admitirá ningunha axuda pública por este concepto para os buques de tonelaxe inferior a 20 TRB ou 22 GT, salvo nas condicións que se establecen na alínea d) seguinte.

d) Non obstante o disposto nas letras b) e c) deste artigo, cando o buque sexa asignado definitivamente á conservación do patrimonio histórico no territorio dun Estado membro, a actividades de investigación ou de formación pesqueira de organismos públicos ou paraestatais dun Estado membro, ou incluso ó control das actividades pesqueiras, en particular nun terceiro país, a axuda pública concederase nas condicións establecidas na letra a) deste artigo.

As primas por paralización definitiva non serán acumulables con outra axuda comunitaria.

Artigo 11º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpran.

A orde de prioridade responde ó seguinte:

A maior idade do buque.

Artigo 12º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 13º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Para poder participar no proceso selectivo será requisito imprescindible que o solicitante dispoña da autorización para o despezamento, para a exportación, ou reúna os requisitos e permisos para ser asignado a tarefas que non sexan pesqueiras.

Para o cobramento da axuda, se é o caso, son inmodificables a forma de realización da paralización e a titularidade do buque, salvo caso de sucesión por causa de morte.

A) Achegarase a seguinte documentación, en orixinal e tres copias.

a) Solicitude en impreso normalizado que se une como anexo II desta orde.

b) Copia cotexada do DNI do propietario do barco.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque e de que este se atopa libre de cargas e gravames.

d) A autorización para o despezamento, a exportación ou os permisos para a asignación do buque a tarefas non pesqueiras, a que se fai referencia no parágrafo primeiro deste artigo.

e) Declaración do anexo III desta disposición, referida ó momento da solicitude.

f) Declaración do anexo IV.

g) Copia certificada da folla de asento de inscrición marítima do buque, con referencia á que se expide para solicitar axuda por paralización definitiva.

h) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o solicitante, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

B) Se o barco pertence a unha persoa xurídica.

1. Substituirase o documento indicado na alínea A. b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas, e unirase a copia cotexada do DNI do representante.

2. Certificación rexistral na que figuren a constitución desta e os estatutos vixentes, así como o poder suficiente do representante para actuar no nome da entidade no caso de que tal poder non conste na certificación.

C) Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas.

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. Achegarase a copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación.

3. Deberán ser titulares todos eles da conta bancaria.

As solicitudes presentaranse nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 14º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, e prexuízo dunha maior difusión a través das organizacións do sector, a partir do trixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 15º.-Fase de concesión das axudas.

Ós solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente e teñan acreditado o cumprimento de tódolos requisitos, concederaselle-la axuda.

Artigo 16º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos sen prexuízo da aprobación, se é o caso, polo Consello da Xunta.

Artigo 17º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de catro meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas axudas queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 18º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte á notificación da resolución.

Artigo 19º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 21º.-Prazo para a materialización.

A retirada da actividade pesqueira do buque, mediante a materialización efectiva do despezamento, a exportación ou a asignación deste a tarefas que non sexan pesqueiras, deberá realizarse dentro do prazo máximo de seis meses contados a partir do día seguinte ó de notificación da resolución de concesión da prima.

Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, por resolución do director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, que deberá pedirse dentro do prazo indicado no parágrafo anterior e, se é o caso, concederse polo tempo mínimo imprescindible para concluí-la materialización; o solicitante da prórroga deberá garantir, mediante aval do importe do catro por cento da prima concedida, o bo fin da materialización.

Se o interesado non procede á materialización dentro do prazo, ou da prórroga, entenderase que renuncia á axuda para tódolos efectos, e con perda da garantía constituída, se é o caso.

Artículo 22º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que a paralización definitiva estea efectivamente materializada, mediante o despezamento do buque, a

súa exportación, ou a súa alta na actividade distinta da pesqueira á que asignara.

b) Que os beneficiarios se atopen ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Que o buque fora dado de baixa no Censo da Flota Pesqueira Operativa, como rexistro comunitario de buques pesqueiros, así como no Rexistro de Buques da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 23º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento das axudas, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez materializada a paralización definitiva, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Declaración do anexo III desta disposición referida ó momento do pagamento.

b) Certificacións acreditativas de que o beneficiario se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Segundo o tipo de materialización da retirada da actividade pesqueira do buque:

1. Despezamento.

Certificación da Capitanía marítima correspondente, acreditativa de que o buque foi efectivamente despezado.

2. Exportación.

* Copia compulsada do documento único aduaneiro (DUA), debidamente cuberto e rexistrado.

* Acordo das autoridades competentes do país ó que se exporta o buque, autorizando a importación deste e os seus condicionantes.

3. Asignación definitiva a tarefas non pesqueiras.

Certificación acreditativa do alta no correspondente rexistro como buque non pesqueiro ou, se é o caso, da súa asignación definitiva á conservación do patrimonio.

Disposición transitoria

Con efectos exclusivamente para a primeira convocatoria, exímese do requisito de presenta-los documentos autorizatorios a que se refire o artigo 13º.A) alínea d) conxuntamente coa solicitude, debendo facelo coa documentación para o pagamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos