Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 21 de febreiro de 2002 Páx. 2.016

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de febreiro de 2002 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico ós pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos.

O Regulamento (CE) nº 2561/2001, do consello, do 17 de decembro de 2001 (DOCE do 28 de decembro), polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos establece excepcións a determinadas disposicións do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), con base nun esforzo financeiro adicional para o establecemento dunha medida específica da comunidade orientada á reestructuración da flota e a prexubilación ou a reciclaxe dos seus tripulantes, obrigados a interromperen as súas actividades pesqueiras ó expira-lo acordo de pesca entre a Comunidade Económica Europea e o Reino de Marrocos.

Sen embargo, a medida específica axústase ós principios xerais da política estructural no sector pesqueiro, evitándose distorsións coa execución do Programa Operativo IFOP vixente para o período 2000-2006 e acomodando a xestión ás disposicións previstas para os fondos estructurais.

A medida específica, polas súas propias características, ten unha duración limitada, finalizando o prazo de concesión de axudas con base nela o 30 de xuño de 2003.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia establece as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas.

Con tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécense as bases e condicións e regúlase o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico ós tripulantes de buques pesqueiros, que reúnan as condicións que máis adiante se sinalarán, afectados pola non renovación do acordo de pesca con Marrocos.

Artigo 2º.-Finalidade e obxecto destas axudas.

A finalidade específica destas axudas é a de palia-los efectos sociais derivados da extinción en 1999 do acordo de pesca con Marrocos e contribuír á revitalización das zonas que dependen da flota que pescaba ó abeiro del, mediante a adopción das seguintes medidas en favor dos pescadores: a) axudas á xubilación anticipada; b) primas globais indi-

viduais; c) primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 12 así como disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións coa finalidade estructural no sector da pesca, e sonlle de aplicación as disposicións contidas no Regulamento (CE) nº 2561/2001, do consello, do 17 de decembro de 2001, polo que se fomenta a reconversión dos buques e os pescadores dependentes ata 1999 do acordo de pesca con Marrocos, así como na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

As subvencións concédense con cargo á aplicación orzamentaria número 12.03.614B.780.0 e cun importe máximo de 480.809,68 euros (80.000.000 de pesetas).

As convocatorias, no exercicio 2002, serán varias e rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde.

Os remanentes dunha convocatoria acumularanse á seguinte.

As axudas financiaranse con cargo a fondos da Unión Europea e do Estado membro.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os pescadores que sexan tripulantes de buques desta flota, que teñan establecido o seu domicilio fiscal nun municipio desta comunidade, ou que o porto base do barco no que estaban enrolados estea situado en Galicia, e ós que se lles concederan indemnizacións, durante os anos 2000 e 2001, por unha duración mínima acumulada de seis meses de paralización temporal de actividade, debido á non renovación do acordo de pesca con Marrocos e que reúnan todos e cada un dos requisitos e condicións establecidos máis adiante para cada unha das medidas.

A acreditación do cumprimento do requisito esencial da concesión de indemnizacións farase con base na lista nominativa de pescadores que a este obxecto debe remiti-la Administración xeral do Estado á Comisión Europea, segundo o artigo 1.2º do Regulamento de aplicación.

Un mesmo pescador non pode beneficiarse de máis dunha das medidas previstas.

Estas medidas non son acumulables con outras primas ou axudas públicas que teñan a mesma finalidade.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e paga-

mento das subvencións, e ó dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a elas.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e a súa contabilización e, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para os mesmos feitos, e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas.

Os perceptores destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, en caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Ós beneficiarios seralles de aplicación nos seus propios termos o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 8º.-Requisitos, condicións e importes máximos.

Para acollerse a unha das medidas previstas a continuación, o solicitante deberá reunir tódolos requisitos e someterse ás condicións que, para cada unha delas, se sinalan seguidamente.

A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias, e non se poderán supera-los importes máximos que para cada medida se indican a continuación.

a) Axudas á xubilación anticipada.

Requisitos e importe máximo:

* No momento de acollerse á xubilación anticipada, a idade dos beneficiarios non poderá diferir en máis de 10 anos da idade legal de xubilación que estableza a lexislación vixente, ou deberá ser como mínimo de 55 anos.

* Os beneficiarios deberán acreditar que exerceron durante un mínimo de 10 anos a profesión de pescador.

O importe das axudas, que poderán percibirse ata alcanza-la menor idade de xubilación ordinaria a

teor da normativa reguladora do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar, dentro dun plan de prexubilación, poderá ascender ata o máximo posible en función da historia individual do traballador na Seguridade Social.

Non obstante, as cotizacións ó réxime normal de xubilación dos pescadores durante o período de xubilación anticipada non poderán beneficiarse da axuda financeira do IFOP.

Condicións:

Os beneficiarios da medida deben abandonar definitivamente a profesión de pescador.

b) Primas globais individuais.

Requisitos e importe máximo:

Os pescadores que poidan acreditar que exerceron a profesión durante doce meses como mínimo, sobre a base dun custo subvencionable limitado a 12.000 euros (1.996.632 pesetas) por beneficiario individual, sempre que o buque pesqueiro no que estiveran embarcados sexa obxecto dunha paralización definitiva no sentido do artigo 7 do Regulamento (CE) 2792/1999.

Condicións:

A prima será reembolsada pro rata temporis en caso de que o beneficiario volva a exerce-la profesión de pescador nun prazo inferior a un ano tralo cobro da prima.

Efectuaranse os correspondentes controis do cumprimento desta condición.

c) Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Requisitos e importe máximo:

Poderán concederse primas globais individuais non renovables ós pescadores que poidan acreditar alomenos cinco anos de exercicio da profesión, con vistas á súa reconversión profesional ou á diversificación das súas actividades nun sector que non sexa o da pesca marítima, dentro dun plan social individual ou colectivo, sobre a base dun custo subvencionable limitado a 60.000 euros (9.983.160 pesetas) por beneficiario individual; a Administración xestora determinará a contía individual en función da amplitude do proxecto de reconversión e de diversificación, así como dos esforzos financeiros efectuados polo beneficiario.

Condicións:

* A prima será reembolsada pro rata temporis en caso de que o beneficiario volva a exerce-la profesión de pescador nun prazo inferior a cinco anos despois do cobro da prima.

* Os beneficiarios da medida exercerán realmente unha nova actividade.

Efectuaranse os correspondentes controis do cumprimento destas condicións.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Os criterios de selección de expedientes de solicitude de axudas están en relación coa finalidade específica destas, de modo que son prioritarios aqueles expedientes que mellor a cumpran.

Nas axudas á xubilación anticipada son prioritarios os expedientes correspondentes ós traballadores de maior idade.

Nas primas globais individuais, os daqueles pescadores que acrediten máis tempo de cotización ó Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores do Mar.

E nas primas globais por reconversión ou diversificación profesional priorizaranse os proxectos colectivos sobre os individuais e, dentro de ámbolos dous grupos, por esta orde, os que creen máis emprego estable e os que se refiran a actividades complementarias da pesca marítima que faciliten a integración económica dalgunha das zonas directamente afectadas pola non renovación do acordo de pesca con Marrocos.

Artigo 10º.-Procedemento de concesión das axudas.

O procedemento de concesión destas axudas consta de dúas fases, a primeira de selección de expedientes e a segunda de outorgamento efectivo da subvención.

Artigo 11º.-Solicitudes e prazo de presentación.

Achegarase a seguinte documentación en orixinal e tres copias:

a) Solicitude en impreso normalizado que se une como anexo I desta orde.

b) Declaración do anexo II desta disposición, referida ó momento da solicitude.

c) Declaración do anexo III, cuberta no epígrafe correspondente.

d) Copia cotexada do DNI.

e) Informe de vida laboral expedido polo Instituto Social da Mariña, que poderá formularse en impresión informatizada.

f) Copia compulsada da libreta de inscrición marítima.

g) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o solicitante, para efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e número de conta.

h) Segundo o tipo de medida solicitada, ademais.

* Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

Plan e proxecto detallado de reconversión ou diversificación, con acreditación do cumprimento dos requisitos e posesión das autorizacións para levalo a cabo e cuantificación precisa do seu importe económico sen IVE.

A solicitude presentarase nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en cualquera das oficinas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde ou da convocatoria correspondente.

Artigo 12º.-Selección de solicitudes.

A selección de tódalas solicitudes presentadas na convocatoria correspondente, que reúnan a totalidade dos requisitos, realizarase aplicando os criterios establecidos nesta orde.

A relación de expedientes seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, a partir do trixésimo día hábil contado a partir do seguinte ó de terminación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 13º.-Fase de concesión das axudas.

Ós solicitantes ós que se lles seleccione o seu expediente e teñan acreditado o cumprimento de tódolos requisitos, concederáselle-la axuda.

Artigo 14º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas axudas será realizada pola Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A resolución corresponde ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 15º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que debe notificarse a resolución será de catro meses contados a partir da publicación desta orde ou da correspondente convocatoria.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificara resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas axudas queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecidas nesta orde.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte á notificación da resolución.

Artigo 17º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Aceptación da axuda.

A axuda deberá ser aceptada expresamente no prazo máximo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte a aquel en que se notifique a resolución de concesión.

Se o interesado non presenta a aceptación expresa dentro do prazo sinalado entenderase que renuncia á súa petición.

Artigo 19º.-Requisitos para a proposta de pagamento.

Para o pagamento da axuda é imprescindible o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que os beneficiarios se atopen ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da

Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Segundo o tipo de medida ademais.

Primas globais por reconversión ou diversificación.

* Acreditación da realización do investimento mediante a correspondente acta dos servicios periféricos da consellería ou a que proceda en cada caso.

* Pagamento dos investimentos realizados.

En atención ás características e excepcionalidade destas axudas, poderán autorizarse anticipos nesta medida de acordo co previsto na correspondente lei de orzamentos.

Artigo 20º.-Documentación para o pagamento.

Para o pagamento da axuda, que deberá ser solicitado polo interesado unha vez que reúna as condicións para iso, e en todo caso dentro dos seis meses seguintes á súa concesión, achegarase a seguinte documentación, con tres copias:

a) Declaración do anexo II desta orde, referida ó momento da solicitude de pagamento.

b) Certificación acreditativa de que o beneficiario se atope ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

A acreditación do cumprimento das obrigas sociais polo pescador poderá ser realizada a través da certificación de estar ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social da empresa armadora na que prestaba servicios aquel.

c) Na medida en que a continuación se indica.

Primas globais individuais por reconversión ou diversificación profesional.

* Facturas orixinais do investimento realizado que poderán ser devoltas, por petición do interesado, unha vez tomada razón da súa utilización para os pagamentos con fondos da Unión Europea.

* Certificación do acreedor acreditativa do pagamento das ditas facturas.

* Certificación bancaria do pagamento delas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos