Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 18 de febreiro de 2002 Páx. 1.890

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 4 febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se determina a documentación precisa para obte-la certificación de validación de investimentos destinados á protección do ambiente, para os efectos de aplica-la deducción regulada no Real decreto 283/2001, do 16 de marzo, que modifica determinados artigos do Regulamento do imposto de sociedades, en materia de deducción por investimentos destinados á protección do ambiente.

O devandito R.D. 283/2001 dispón, no seu artigo 45, que para practica-la deducción será preciso que a Administración competente certifique en cada caso a validación do investimento con tal destino, e establece o contido da devandita certificación, na que deberá consta-la idoneidade dos investimentos en relación coa función protectora do medio ambiente, polo que cómpre determina-la documentación que haberá que presentar para obter esta deducción. Por todo iso, en virtude do preceptuado no artigo 4 do Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

RESOLVO:

A documentación precisa para obte-la certificación de validación do investimento destinado á protección

do ambiente, para os efectos de aplica-la deducción correspondente, regulada no R.D. 283/2001, do 16 de marzo, será a que segue:

Primeiro.-Indicación do plan, programa, convenio ou acordo aprobado ou celebrado por esta Administración en execución do que se fixo o investimento.

Segundo.-Co fin de determina-la idoneidade dos investimentos realizados coa función protectora do ambiente, conforme os niveis de protección prevista nos plans antes mencionados, será necesario presentar unha memoria que recolla os seguintes extremos:

1. Relación das instalacións que teñan por obxecto a protección do ambiente nos termos detallados no artigo 40, parágrafos a, b, e c do devandito R.D. 283/2001.

2. Plan xeral de actuación que recolla a fase de enxeñería e a fase de construcción, nos casos en que os investimentos realizados correspondan ó desenvolvemento dun proxecto constructivo.

3. Estudio económico-financeiro do investimento, co seu desenvolvemento temporal, separando o investimento propio e a subvención a este.

4. No caso de actividades en funcionamento, preceptivas licencias e permisos administrativos necesarios para o seu legal desenvolvemento. Verificarase o cumprimento de toda a lexislación vixente de carácter ambiental realizando, cando proceda, un plan de control con ensaios por laboratorio homologado.

Terceiro.-Plan de explotación das instalacións, incluíndo definición dos tratamentos, nos casos que proceda.

Cuarto.-Se se trata de investimentos realizados antes da posta en funcionamento das instalacións, deberase realizar unha auditoría ambiental externa na que se recollan os valores dos parámetros que serven para caracteriza-lo grao previo de contaminación que hai que eliminar.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2002.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental