Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 18 de febreiro de 2002 Páx. 1.890

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 28 de xaneiro de 2002 pola que se acorda a cesión de uso de bens mobles propiedade do Servicio Galego de Saúde a favor da Fundación Pública Hospital do Salnés.

A Fundación Pública Hospital do Salnés vén utilizando desde a posta en funcionamento do Hospital

do Salnés en Vilagarcía de Arousa, diverso equipamento propiedade do Servicio Galego de Saúde, e do que se considera necesario cederlle o uso co fin de destinalo ós fins de interese xeral recollidos no artigo 6º dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

O Servicio Galego de Saúde tramitou o expediente de cesión de uso de conformidade co disposto no artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e no artigo 96 bis do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo (Diario Oficial de Galicia nº 156, do 13 de agosto).

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Esta orde ten por obxecto acorda-la cesión de uso a favor da Fundación Pública Hospital do Salnés dos bens mobles sitos nas dependencias do hospital e que se relacionan no expediente tramitado para o efecto pola División de Recursos Económicos do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos destinaranse á xestión e administración do Hospital do Salnés de acordo cos fins de interese xeral establecidos no artigo 6º dos estatutos da fundación pública, aprobados polo Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

b) A cesión outórgaselle por un período máximo de cinco anos prorrogable por períodos sucesivos de igual duración se así o acordase o Servicio Galego de Saúde, logo de petición da fundación.

c) Transcorrido o prazo da cesión ou no caso de que os bens non se aplicasen ó fin sinalado ou deixasen de utilizarse con esa finalidade, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán ó Servicio Galego de Saúde, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentasen.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo director xeral da División de Recursos Económicos do Sergas e o director da fundación pública, debendo constar nela o acordo de cesión, no que

se incluirá a relación de bens obxecto de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Servicio Galego de Saúde, a través da División de Recursos Económicos, no marco das súas respectivas competencias, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en virgor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2002.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade