Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de febreiro de 2002 pola que se establece un plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica no ano 2002 e se regula a concesión de indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques afectados.

A crise biolóxica en que se atopa a sardiña do stock ibero-atlántico e que nos últimos anos vén sendo diagnosticada de maneira insistente e rotunda

nos informes científicos do Comité Asesor para a Xestión de Pesqueiras (ACFM) do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CIEM), do Comité Científico e Económico da Pesca da Comisión da Unión Europea, e en diferentes informes elaborados por técnicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), afecta de maneira moi especial a flota cantábrica e, en particular, a flota con base nos portos galegos.

As recomendacións destes organismos propoñen medidas drásticas a curto prazo para a recuperación

da poboación de sardiña. Sen embargo e dado que o obxectivo proposto é de difícil aplicación por razóns socioeconómicas, tamén se recolle nas recomendacións a alternativa de implementar un plan de recuperación a máis longo prazo.

Na situación actual, a daquela Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia considerou necesario establecer, como medida de choque, unha parada temporal por razóns biolóxicas durante o mes de marzo de 1999 (era a primavera, segundo os informes científicos existentes, o período máis indicado para realiza-la paralización, para a maior protección do stock desovante, datos corroborados pola última paralización temporal realizada en anos pasados). Xa dentro do vixente Programa Operativo IFOP 2000-2006 estableceuse unha parada no mes de marzo do ano 2000 e outra de corenta e cinco días en febreiro e marzo de 2001, con resultados satisfactorios pero insuficientes. Estas medidas, xunto con outras de reducción do esforzo pesqueiro postas en marcha, como a reducción dun día de actividade semanal da flota que se dedica á pesca deste recurso, debía contribuír á súa recuperación, ó tempo que fixese viable a operatividade da flota galega de cerco.

A situación do stock parece dar síntomas de recuperación, como queda dito, pero fai necesario que se continúe coas medidas técnicas postas en marcha. Coa publicación da Orde do 8 de febreiro de 2000 estableceuse unha veda de sardiña (Sardina pilchardus) en augas da Comunidade Autónoma de Galicia como medida adicional. Esta veda, que cubriu 46 días no ano 2000 e 76 días en cada un dos anos 2001 e 2002, e que non implica custo económico por si mesma, aplícase tamén, con base na normativa correspondente, a tódalas augas adxacentes baixo xurisdicción española na zona CIEM, VIII c e XI a. Así mesmo, redúcense nun 50% as posibilidades de pesca de sardiña con tamaño de 11 a 15 centímetros, o que redundará nunha mellora do stock a curto prazo.

O Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro de 1999 polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións coa finalidade estructural no sector da pesca, establece no seu artigo 16, punto 1º, c), a posibilidade de conceder indemnizacións ós pescadores e propietarios de buques como consecuencia da paralización temporal das actividades.

O Real decreto 3448/2000, do 22 de decembro, polo que se establece a normativa básica das axudas estructurais no sector pesqueiro, regula nos seus artigos 33.1º c) e 34, respectivamente, as axudas de paralización temporal en caso dun plan de recuperación dun recurso ameazado de extinción e a competencia da comunidade autónoma correspondente para a resolución destes expedientes.

Polas razóns expostas, ó abeiro do disposto nos artigos 5 e 12 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de

pesca de Galicia, sobre ámbito competencial e a necesidade de tomar medidas orientadas á recuperación dos recursos, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde establécese o plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica no ano 2002 en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e regúlase a concesión de indemnizacións ós tripulantes e propietarios de buques de cerco con porto base en Galicia afectados polo plan.

I Plan de recuperación da sardiña ibero-atlántica

Artigo 2º.-Finalidade.

O plan ten por obxecto contribuír á recuperación da sardiña ibero-atlántica mediante unha paralización temporal da actividade extractiva deste recurso coa modalidade de pesca de cerco.

Artigo 3º.-Contido e ámbito de aplicación.

Queda prohibida a modalidade de pesca de cerco nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia desde o 15 de febreiro ó 31 de marzo, ambos inclusive, do ano 2002.

Artigo 4º.-Incumprimento.

O incumprimento das obrigas contidas no artigo anterior dará lugar a responsabilidade e será sancionado de conformidade coa Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección dos recursos marítimo-pesqueiros.

II

Indemnizacións ós tripulantes e propietarios

de buques de cerco

Artigo 5º.-Obxecto.

As indemnizacións teñen por obxecto compensar economicamente os tripulantes debidamente enrolados en buques de cerco e os seus propietarios en canto se vexan directamente afectados como consecuencia da paralización temporal da súa actividade.

Artigo 6º.-Crédito orzamentario.

As indemnizacións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614B.772.0 -paralización temporal das actividades e outras compensacións financeiras-, cun importe de 1.000.000 de euros, e sen prexuízo da modificación orzamentaria que poida ser precisa.

As medidas financiaranse con cargo ós fondos do IFOP e do Estado membro.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas indemnizacións os tripulantes de buques de cerco que acrediten que

estiveron debidamente enrolados nestes polo menos nun período de seis meses nos doce anteriores á paralización, ós que lles afecte directamente a parada e non perciban prestacións por desemprego durante o tempo que dure esta.

Tamén o poderán ser os propietarios dos barcos de cerco que foran despachados nun mínimo de seis meses nos doce anteriores á paralización, e que lles afecte directamente a parada.

Caso de substitución dun buque por outro novo, tomaranse en consideración os despachos de ámbalas dúas unidades.

Para os exclusivos efectos de consideración de beneficiarios destas axudas, teranse como enrolados os tripulantes e despachados os barcos o tempo de parada temporal do ano 2001.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios deberán reintegrar total ou parcialmente as prestacións económicas percibidas no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para os mesmos feitos.

Deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e á súa contabilización e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente así como os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, o Estado e a Unión Europea.

Artigo 9º.-Indemnizacións.

O importe das indemnizacións estará condicionado, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

A contía máxima que se percibirá por día efectivo de inactividade do tripulante ou paralización efectiva do buque é a indicada no anexo I desta orde tanto para os tripulantes, xa sexan técnicos ou mariñeiros, como para os propietarios dos buques.

Estes últimos poderán percibir, sen superar en ningún caso os límites máximos establecidos no citado anexo, unha compensación se se manteñen ó día das cotas da Seguridade Social de tódolos seus tripulantes.

Artigo 10º.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

Os tripulantes e propietarios de buques que pretendan acollerse a estas compensacións económicas deberán presentar nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, ou en cualquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dentro do prazo de vinte días hábiles desde

o inicio efectivo da parada, as solicitudes e documentación, por triplicado exemplar, que a continuación se indica e que, polo que respecta ós tripulantes, é a correspondente tanto para a concesión como para o pagamento.

* Tripulantes:

a) Solicitude normalizada do anexo II.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Copia cotexada da cartilla de navegación, das follas correspondentes ós doce meses anteriores á paralización.

d) Declaración de axudas do anexo IV desta orde.

e) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e o número de conta.

* Propietarios de buques:

A. Con carácter xeral:

a) Solicitude normalizada do anexo III.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

d) Copia cotexada do rol de despachos do buque dos doce meses inmediatamente anteriores á paralización, ou certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa dos despachos efectuados no dito período.

e) Declaración xurada na que manifiesten se manteñen ou non ó día das cotas da Seguridade Social a tódolos seus tripulantes durante a parada temporal, e en caso afirmativo, o importe total destas.

f) Declaración de axudas do anexo IV desta orde, relativa ó momento da solicitude.

g) Certificación bancaria da conta da que sexa titular o beneficiario, para os efectos de pagamento, e na que se faga consta-lo código da entidade e da sucursal e o número de conta.

B. Se o barco pertence a unha persoa xurídica:

1. Substituirase o documento indicado na alínea A.b) anterior pola tarxeta de identificación fiscal de persoas xurídicas.

2. Certificación rexistral da sociedade na que se indicará quen é o representante legal da entidade.

C. Se o buque pertence a unha pluralidade de persoas:

1. A solicitude normalizada conterá a designación dun representante e será subscrita por tódolos propietarios.

2. O documento indicado na alínea A deste artigo, punto b) achegarase de cada un dos propietarios da embarcación.

3. Da conta bancaria deberán ser titulares todos eles.

D. Para o pagamento das indemnizacións:

Os propietarios de buques, para o pagamento destas indemnizacións deberán presentar, tan pronto dispoñan de todos eles, os seguintes documentos:

1. Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa do depósito do rol de despachos do barco durante o período de paralización.

2. Copia cotexada dos documentos TC-1 e TC-2 do barco do período de parada temporal, se é o caso.

3. Declaración de axudas do anexo IV desta orde, relativa ó momento da petición de pagamento.

4. Certificacións acreditativas de que o propietario ou propietarios do barco están ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 11º.-Órganos de xestión e resolución.

A xestión destas compensacións económicas será realizada polos servicios periféricos da consellería baixo a supervisión da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca.

A resolución corresponde ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, que a delega nos delegados territoriales da consellería, que tamén proporán o pagamento, de se-lo caso, despois da correspondente modificación orzamentaria de transferencia de fondos ós órganos provinciais.

Artigo 12º.-Prazo de resolución.

O prazo para dictarse a correspondente resolución será como máximo de tres meses, contados a partir da data de comezo do prazo de presentación de solicitudes, para os tripulantes e de cinco para os propietarios dos barcos.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notificase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A concesión destas indemnizacións queda condicionada á autorización expresa ou por silencio positivo da Comisión Europea do réxime de axudas establecido nesta orde.

Artigo 13º.-Notificación da resolución.

As resolucións dos expedientes correspondentes ós tripulantes publicaranse nos taboleiros de anuncios das delegacións territoriais e comarcais da consellería, despois do anuncio no Diario Oficial de Galicia da súa exposición ó público, e sen prexuízo

dunha maior difusión a través das asociacións do sector.

Artigo 14º.-Modificabilidade da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión destas indemnizacións, e en todo caso a obtención doutras prestacións ou axudas pola mesma causa -que son incompatibles-, dará lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15º.-Recursos.

Contra a resolución que se dicte, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer, con carácter potestativo, recurso de resposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente no prazo de dous meses, contados, en ámbolos dous casos, a partir do día seguinte ó da notificación, ou se é o caso publicación, da resolución.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ó estipulado nesta disposición.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da parte I desta orde, e o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para o da parte II.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Tripulantes

Categoría profesionalContía máxima da prima

por día de inactividade

Técnicos25,78 euros/día ( 4.288 ptas./día)

Mariñeiros18,39 euros/día (3.059 ptas./día)

Propietarios

Arqueo do buque en TRBContía máxima da prima en euros/día de paralización efectiva (límite máximo por días de inmobilización)

Ata 25 TRB30 euros (3.494 ptas.)+4,75 euros (790 ptas.) por TRB

Máis de 25 e ata 50 TRB26,25 euros (4.368 ptas.)+4,51 euros (751 ptas.) por TRB

Máis de 50 e ata 70 TRB68,25 euros (11.356 ptas.)+3,67 euros (611 ptas.) por TRB

Máis de 70 TRB92,40 euros (15.374 ptas.)+3,27 euros (545 ptas.) por TRB