Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.781

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rocas, Arcillas y Minerales, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Rocas, Arcillas y Minerales, S.A. (código convenio 1503902), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-12-2001, subscrito en representación da parte económica polos representantes de Ramsa, e da parte social, polos delegados de persoal o día 10-10-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto

2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificacióin ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de decembro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

I convenio colectivo de empresa de

Rocas, Arcillas y Minerales, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito.

Este convenio colectivo regulará a partir da súa entrada en vigor as relacións laborais entre a empresa Rocas, Arcillas y Minerales, S.A. e os seus traballadores do centro de traballo de Serrabal na localidade de Vedra (A Coruña).

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001, sexa cal fose a data da súa sinatura publicación no BOP. A súa duración será de tres anos ata o 31 de decembro de 2003 e enténdese prorrogado por períodos anuais se non é denunciado no prazo oportuno.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia do convenio, na que se propoña a súa rescisión ou revisión, deberá formulala calquera das partes cunha antelación de tres meses, como mínimo, á data da súa expiración.

En caso de non mediar denuncia de calquera das partes afectadas, o convenio quedará prorrogado por períodos dun ano.

A denuncia formalizarase por escrito e remitiráselle á representación legal da outra parte.

Artigo 4º.-Respecto ós dereitos adquiridos.

Respectaranse as situacións persoais que, no seu conxunto, sexan máis beneficiosas que as estipuladas neste convenio, manténdose estrictamente ad personam.

Artigo 5º.-Compensación.

As condicións pactadas neste convenio compensarán calquera outra que exista na súa entrada en vigor, sexa cal fose a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que se poidan establecer por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador consideradas en cómputo anual, caso en que substituirán integramente este convenio.

Quedan exceptuadas do establecido no parágrafo anterior aquelas normas de carácter xeral que no futuro puidesen establecerse e que posúan a condición de dereito necesario e non compensable en cómputo anual

Artigo 6º.-Comisión mixta.

Estará composta por 1 membro do órgano de representación dos traballadores e 1 representante da empresa, que se designarán no seu momento.

As súas funcións serán as de velar polo cumprimento das estipulacións contidas neste convenio, estando sempre de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

Para os anos 2001, 2002, 2003, a xornada de traballo será de corenta horas semanais equivalentes, como máximo, a 1.752 horas anuais.

Artigo 8º.-Calendario laboral.

Considerarase festivo non recuperable dentro da xornada anual de traballo, independentemente das festas establecidas no calendario oficial, o día 4 de decembro, festividade de Santa Bárbara.

Así mesmo, considéranse festivos non recuperables os días 24 e 31 de decembro.

Independentemente das festas establecidas no calendario oficial, todo o persoal desfrutará os días sobrantes do cómputo anual durante o ano, logo de solicitude do traballador e autorización da empresa e mantendo uns servicios mínimos para o bo funcionamento da mina, ata completa-la xornada máxima establecida no artigo anterior.

Os traballadores que realicen unha xornada continuada terán, durante ela, un período de descanso de quince minutos, que se considerará tempo de traballo efectivo.

Artigo 9º.-Vacacións.

Establécense vintedous días laborables de vacacións ó ano, dos que se desfrutarán once días como mínimo, sen interrupción, podendo fraccionarse o resto.

O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre os traballadores e a dirección da empresa. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan dous meses antes do comezo do desfrute.

Os días de vacacións serán retribuídos co soldo base, antigüidade e complemento de asistencia.

Artigo 10º.-Licencias retribuídas.

A tódolos traballadores que o soliciten e despois de xustificación da súa necesidade, seralles concedida licencia sen perda de retribución polos seguintes motivos:

a) Por matrimonio: quince días naturais.

b) Por matrimonio de fillos e irmáns: dous días naturais.

c) Por parto de esposa: catro días naturais.

d) Por enfermidade grave de pais, avós, fillos e cónxuxe, pais, avós e fillos políticos: tres días naturais, que poderán ampliarse ata dous máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento fóra de Galicia para o efecto.

e) Por morte de pais, avós, fillos, netos, cónxuxe e irmáns, pais, avós, fillos e irmáns políticos: catro días naturais, que poderán ampliarse ata dous máis cuando o traballador necesite efectuar un desprazamento fóra de Galicia para o efecto.

f) Por morte de primos, tíos e sobriños en primeiro grao: dous días.

g) Por traslado de domicilio habitual: dous días.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou privado.

i) Polo tempo indispensable para consulta médica.

Artigo 11º.-Permisos.

Os traballadores inscritos en cursos organizados por centros oficiais recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia ou Traballo, para a obtención dun título académico a teor da Lei xeral de educación, terán dereito a permiso polo tempo necesario para concorrer a exames finais e demais probas de aptitude, avaliación ou trimestrais, sen alteración ou diminución ningunha nos seus dereitos laborais, nin das retribucións que por calquera concepto viñesen percibindo.

Artigo 12º.-Salario base.

O salario base por cada categoría profesional incrementarase segundo o IPC previsto máis un 1,5% durante o ano 2001, sendo as táboas as indicadas no anexo I, durante o ano 2002 o IPC previsto máis un 1% e durante o ano 2003 o IPC previsto máis un 1,5%.

Se concluídos os anos 2001, 2002 e 2003 a subida do IPC fose superior ó previsto, antes de transcorrido un mes trala súa publicación oficial, efectuarase unha revisión salarial porcentual igual á diferencia entre o IPC real e previsto, aboándose se é o caso os importes derivados das diferencias salariais de xaneiro a decembro do ano correspondente.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Computarase a razón do 5% para cada un dos dous primeiros trienios, pasando a continuación a computarse quinquenios a razón do 8%, calculados sobre o salario base de cada categoría.

Artigo 14º.-Complemento de posto de traballo.

Establécese un complemento de posto de traballo nunha contía equivalente, como mínimo, á establecida na táboa salarial que figura no anexo I.

Este complemento terá un incremento para o ano 2002 de 2.000 pesetas e para o ano 2003 de 3.000 pesetas lineais para tódolos traballadores. Así mesmo, incrementarase na mesma proporción, en que no seu momento se incremente o salario base.

Artigo 15º.-Complemento de asistencia.

O complemento de asistencia será do trinta por cento do salario base mensual para cada categoría profesional e aboarase por 12 mensualidades, de acordo coa táboa salarial que figura no anexo I.

Este complemento no ano 2001 percibirase en trece mensualidades e desde xaneiro de 2002, en quince mensualidades.

Artigo 16º.-Complemento de quendas.

Aboaránselle tres mil cento vinte pesetas mensuais a todo o persoal que traballe en quenda rotatoria.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

Aboaranse tres gratificacións extraordinarias que se farán efectivas nos meses de marzo, xullo e decembro. Consistirán no aboamento de trinta días de salario base e antigüidade.

Na paga extraordinaria de decembro 2001 incluirase o importe do complemento de asistencia mensual; a partir do 1 xaneiro de 2002 nas tres pagas extraordinarias incluirase o importe do complemento de asistencia mensual.

A do mes de marzo ratearase en proporción ó tempo traballado durante ó ano anterior e as de xullo e decembro, por semestre natural.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

Ámbalas partes acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, que se realizarán por petición da empresa cando veñan esixidas pola necesidade de mantemento, reparación de sinistros e outros danos urxentes, así como en caso de risco grave de perda ou deterioración de materias primas.

Nestes casos, de acordo co artigo 35.3º do Estatuto dos traballadores, non se terán en conta para efectos da duración máxima da xornada, nin para o cómputo do número máximo de horas extraordinarias autorizadas.

As horas extraordinarias aboaranse a razón de:

Oficial 1ª operario: 1.750 pesetas/hora, 10,51 euros.

Oficial 2ª operario: 1.650 pesetas/hora, 9,91 euros.

Garda xurado: 1.450 pesetas/hora, 8,71 euros.

Peón especialista: 1.350 pesetas/hora, 8,11 euros.

Artigo 19º.-Gastos de desprazamento.

O persoal que deba efectuar un desprazamento por conta da empresa percibirá dela os gastos de locomoción, aloxamento e manutención e a empresa deberá efectuar un anticipo para tales gastos e xustificalos posteriormente, no caso de que así o solicitase o traballador.

Se o traballador utilizase o seu propio vehículo aboaráselle a quilometraxe a razón de 34 pesetas/km.

Artigo 20º.-Cobro do salario.

Os traballadores que perciban as súas retribucións por talón ou transferencia bancaria, ós que o seu horario e/ou proximidade entre o centro de traballo e a entidade bancaria pola que se efectúa o pagamento non lles permita percibi-los seus salarios fóra da xornada laboral, disporán de media hora, que será fixada entre os tres primeiros días en que a transferencia estea á disposición do traballador, despois de solicitarllo ó seu xefe de departamento.

Artigo 21º.-Complemento de baixa por accidente ou enfermidade.

A todo o persoal en activo que cause baixa por accidente ou enfermidade profesional, a empresa

complementaralle ata o 100% da media do seu salario total durante os últimos tres meses, as prestacións que por incapacidade temporal aboe a mutua de accidentes ou a Seguridade Social, cun límite máximo de dezaoito meses.

Seguirase o mesmo procedemento nos casos de baixa por enfermidade con hospitalización, cun límite máximo de seis meses.

Artigo 22º.-Premio de vinculación.

Establécese un premio de vinculación á empresa en función dos anos de servicios prestados, de acordo coa seguinte escala:

Escala 1. Ós vintetrés anos de servicio continuado: unha mensualidade do seu salario real bruto.

Escala 2. Ós trinta e cinco anos de servicio continuado: dúas mensualidades e media do seu salario real bruto.

En caso de extinción da relación laboral coa empresa unha vez alcanzados os 60 anos de idade cobrarán este premio aqueles traballadores que, no momento de extingui-la relación laboral, teñan vinte anos ou máis de servicio, para a primeira escala, e trinta anos ou máis para a segunda, se non o cobrasen.

Artigo 23º.-Liquidación por cesamento.

O traballador que extinga a súa relación laboral de mutuo acordo coa empresa entre os 60 e os 65 anos de idade percibirá unha cantidade resultante de computar dez mil pesetas (euros 60,10) por cada ano de servicio activo que compute ata o momento do cesamento.

Artigo 24º.-Auxilio por defunción ou incapacidade permanente.

En caso de falecemento ou incapacidade permanente total ou absoluta dun traballador por accidente de traballo, os seus habentes dereito, en caso de falecemento, ou o mesmo traballador nos demais casos, percibirán a cantidade de cinco millóns cincocentas mil (5.500.000) pesetas (euros 33.055,66)

As prestacións polas continxencias recollidas neste artigo serán excluíntes entre si.

A empresa contratará unha póliza de seguros co fin de cubrir estas continxencias.

Artigo 25º.-Comité de seguridade e saúde laboral.

O comité de seguridade e saúde laboral estará composto por dous membros do órgano de representación dos traballadores e dúas persoas designadas pola dirección da empresa.

Será función deste comité promove-la observancia das disposicións en materia de seguridade e hixiene no traballo, así como estudiar e promove-las medidas que considere oportunas para a prevención de riscos profesionais e cantas sexan convenientes para a debida protección da vida e saúde dos traballadores.

Os membros do comité de seguridade disporán de dez horas mensuais para o exercicio das súas funcións, dentro da súa xornada laboral.

Cada ano, a empresa, por mediación do organismo competente do Ministerio de Traballo, instará o recoñecemento ambiental por áreas ou zonas de traballo, coa presencia do membro do comité elixido polos traballadores. Se neste recoñecemento se detectasen niveis non aceptables, a empresa fixará o prazo máis breve posible para a súa eliminación e informará o comité de seguridade e saúde laboral sobre o curso dos traballos de corrección que se efectúen.

A empresa informará o comité de seguridade e saúde laboral dos casos que se poidan presentar de traballadores afectados por enfermidades profesionais, procedendo a investiga-las causas que os motivaron, para a súa oportuna e rápida corrección, así como a destina-lo traballador afectado a outro posto de traballo acorde coa súa categoría profesional e condición física, sen perda económica.

Artigo 26º.-Roupa de traballo.

Independentemente da roupa de protección prevista na lexislación vixente en prevención de riscos laborais ou aquela que o comité de seguridade e hixiene crea necesaria, a empresa facilitaralle inicialmente ó persoal de planta dúas fundas ou traxes de traballo (chaqueta, camisa e pantalón), un dos cales será renovado cada seis meses e, ó persoal de mantemento, catro fundas ou traxes, que serán necesariamente de algodón e renovables cada tres meses.

A empresa facilitará igualmente elementos de aseo persoal en cantidade suficiente a xuízo do comité de seguridade e hixiene.

Artigo 27º.-Asembleas e información.

Os traballadores terán dereito a convocar a través dos seus órganos de representación, ou polo menos un 25% do cadro de persoal, cantas asembleas crean convenientes, que se realizarán dentro dos respectivos centros de traballo.

Estas asembleas estarán presididas polo órgano de representación correspondente, de forma colexiada e a elas poderán asistir unicamente os integrantes do cadro de persoal da empresa, así como os asesores designados por este órgano.

Estas asembleas poderán realizarse dentro das horas de traballo cun máximo de 6 horas anuais.

Os membros do órgano de representación poderán, con cargo ó seu crédito de horas mensuais retribuídas, dar información ou atender calquera consulta de temas laborais.

O persoal que deba consultar cos seus representantes disporá en horas de traballo e sen minguar ningunha das súas percepcións dun tempo prudencial para realiza-la consulta, notificándolle con anterioridade ó seu mando inmediato a ausencia momentánea do seu posto de traballo.

Artigo 28º.-Lote de Nadal.

Establécese unha gratificación da empresa por este concepto e para cada traballador en activo. Esta gratificación será sempre en especie e para cada traballador en activo na data da entrega.

Artigo 29º.-Traballo da muller.

Aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 30º.-Incrementos salariais.

As táboas salariais e os demais conceptos establecidos neste convenio para 2001, incrementaranse na porcentaxe en que o IPC real deste ano supere o 2%.

No mes de xaneiro de 2002, tódolos conceptos salariais subirán de forma consolidable a porcentaxe de IPC prevista polo Gobierno máis 1%, e no mes de xaneiro de 2003, tódolos conceptos salariais subirán de forma consolidable a porcentaxe de IPC previsto polo Goberno máis 1,5%. Asinaranse as novas táboas cos novos salarios, así como as novas cantidades dos demais conceptos retributivos e xuntaránselle a este convenio.

Unha vez coñecido o IPC real de 2002 e 2003 farase unha revisión salarial consolidable de tódolos conceptos retributivos en función do exceso sobre

a subida xa efectuada con carácter retroactivo a xaneiro de 2002 e 2003.

Artigo 31º.-Cláusula de adhesión ó AGA.

As partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse en caso de conflicto laboral colectivo, ó procedemento de arbitraxe recollido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA).

Artigo 32º.

Todo o que non estea reflectido neste convenio rexerase pola lexislación establecida no Estatuto da minería, Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións vixentes no sector.

Artigo 33º.-Réxime disciplinario.

En materia de faltas cometidas polos traballadores e sancións que a empresa poida aplicar, aplicarase o disposto no convenio colectivo de ámbito estatal para as industrias extractivas, industrias do vidro, industrias cerámicas e para as do comercio exclusivista dos mesmos materiais, publicado no BOE do 31 de xullo de 1999, ou convenio que no seu momento puidese substituílo.

A empresaO comité de empresa

ANEXO I

Táboa salarial ano 2001

CategoríaSalario baseComplemento asistenciaComplemento de

posto de traballo

DiarioMensualDiarioMensualDiarioMensual

Titulado superior5.980179.3991.79453.8201.40442.130
Titulado medio4.528135.8281.35840.7481.05931.781
Encargado4.107123.2041.23236.96195528.636
Analista 1ª4.053121.5981.21636.48090927.283
Analista/auxiliar3.934118.0071.18035.40286926.078

Administrativos
Xefe 1ª admón.4.155124.6561.24737.39791827.548
Xefe 2ª admón.4.053121.5981.21636.48090927.283
Oficial 1ª admón.3.934118.0071.18035.40286926.078
Oficial 2ª admón.3.885116.5641.16534.96985425.607
Auxiliar admtvo.3.479104.3701.04431.31176923.079
Garda xurado3.23697.08197129.12475222.540

Operarios
Artilleiro barreno3.585107.5441.07532.26380424.108
Oficial 1ª3.641109.2201.09232.76681624.500
Oficial 2ª3.513105.3971.05431.61978423.520
Especialista3.02690.77790727.23368620.580