Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2002, as restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 28 de marzo de 2001.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 28 de marzo de 2001

(DOG nº 68, do 5 de abril) regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, conforme o previsto nos regulamentos (CEE) 136/1966 y 591/1979, do Consello, e 1963/1979, da Comisión, e de acordo coas funcións que lle corresponden o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da

aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.

A devandita orde cumpre os puntos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, con vixencia indefinida, na Orde do 28 de marzo de 2001, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2002, mediante a presente orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3. do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, e no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria para o ano 2002 das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 28 de marzo de 2001, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 68, do 5 de abril.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

2.1. Para poder acceder ás restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas deberanse cumpri-los requisitos establecidos no artigo 3 da Orde do 28 de marzo de 2001.

2.2. As ditas restitucións á producción, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector de materias graxas, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de control.

A solicitude de control presentarase no prazo e forma establecidos no artigo 4 da Orde do 28 de

marzo de 2001 e formularase de acordo co modelo do anexo I da dita orde.

Artigo 4º.-Solicitudes de restitución.

As solicitudes de restitución presentaranse no prazo e forma establecidos no artigo 5 da Orde do 28 de marzo de 2001 e formularanse de acordo cos modelos establecidos nos anexos III (A) e III (B) da dita orde.

Artigo 5º.-Anticipos e garantías.

Presentada a solicitude de control, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do importe da restitución, conforme se establece no artigo 8 da Orde do 28 de marzo de 2001, achegando unha garantía de acordo cos anexos V e VI da dita orde.

Artigo 6º.-Financiamento.

Para facer fronte ás obrigas derivadas da presente convocatoria, existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, polo importe de 3.093.000 euros, do orzamento prorrogado de gastos do Ilgga para 2002.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os anexos II e III (A), da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 28 de marzo de 2001 (DOG nº 68, do 5 de abril), pola que se establecen as bases reguladoras das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, substitúense polos que figuran como anexos na presente orde.

Segunda.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó día das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se é o caso, encher debidamente asinadas, as autorizacións que figuran nos devanditos anexos II e III (A), para os efectos de que o Ilgga poida solicitar por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural