Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de febreiro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2002, as axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 20 de abril de 2001.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 20 de abril de 2001

(DOG nº 86, do 4 de maio) regula o procedemento para a concesión das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, conforme o previsto nos regulamentos (CE) 1255/1999, do Consello, e 2707/2000, da Comisión, e de acordo coas funcións que lle corresponden o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que previstas as bases reguladoras das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, con vixencia indefinida, na Orde do 20 de abril de 2001, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2002, mediante a presente orde que, á súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2002, das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 20 de abril de 2001, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 86, do 4 de maio de 2001.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, deberanse cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 2 e 3 da Orde do 20 de abril de 2001.

2. As ditas axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos

lácteos, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector do leite e dos productos lácteos, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de pagamento da axuda.

As solicitudes de pagamento da axuda, debidamente asinadas, presentaraas o provedor autorizado no prazo e forma establecidos no artigo 8 da Orde do 20 de abril de 2001, e formularanse de acordo cos modelos dos anexos VI e VII da dita orde.

Artigo 4º.-Financiamento.

Para facer fronte ás obrigas derivadas da presente convocatoria, existe crédito adecuado e de abondo na aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, por importe de 303.000 euros, do orzamento prorrogado de gastos do Ilgga para 2002.

Disposicións adicionais

Primera.-O anexo VI da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 20 de abril de 2001(DOG nº 86, do 4 de maio), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, así como a súa convocatoria para o ano 2001, substitúese polo que figura como anexo na presente orde.

Segunda.-O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados acreditativos de atoparse ó corrente das súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a autorización que figura no devandito anexo VI, para os efectos de que o Ilgga a poida solicitar por vía informática.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural