Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 14 de febreiro de 2002 Páx. 1.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 31 de xaneiro de 2002 pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos.

O Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 15.1º que a consellería competente en materia de enerxía convocará anualmente, mediante orde, a presentación de solicitudes para a instalación de parques eólicos, co obxecto de selecciona-los admitidos a tramitación, de acordo cos criterios establecidos no artigo 17 da mesma norma, que ademais establece entre eles a posibilidade, no seu pará

grafo 2, punto h), de aplicar outros factores que se establecerán de maneira particular en cada orde anual.

Así mesmo, o xa mencionado artigo 15.1º fai unha última precisión, establecendo a necesidade de determinar na orde de convocatoria a potencia en megavatios que se concederá no ano, así como a previsión de potencia que se vai adxudicar no bienio seguinte, para os efectos de lles garantir unha adecuada e suficiente planificación ós promotores eólicos intervenientes.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Mediante esta orde convócanse a tódolos promotores interesados na instalación de parques eólicos na Comunidade Autónoma de Galicia para a presentación de solicitudes de autorización deles.

Segundo.-Presentación de solicitudes.

a) Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

b) Requisitos.

As solicitudes deberán reuni-los requisitos recollidos no artigo 16.2º do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de que un promotor solicite máis dunha autorización, deberá incluír todas elas nunha única relación, especificando de maior a menor a súa preferencia nos distintos proxectos. De non ser realizada esta enumeración entenderase que o promotor lle dá preferencia ó proxecto enumerado en primeiro lugar e así sucesivamente. Nesta relación tamén deberán incluírse os parques que se encontren en tramitación.

Terceiro.-Criterios de valoración.

Ademais dos criterios de valoración recollidos no artigo 17 do citado Decreto 302/2001, teranse en conta como criterios de adxudicación os seguintes:

1. Inclusión dos parques solicitados dentro do desenvolvemento de plans eólicos estratéxicos aprobados.

2. Solicitudes sobre as que xa se iniciase un procedemento administrativo de autorización ó amparo do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, valorándose o nivel de tramitación superado.

3. Solicitudes de parques nos que a evacuación da enerxía producida estea recollida en actuacións comúns de infraestructuras de evacuación e transporte e nos que o punto de conexión estea concretamente identificado, e sexa viable no momento no que se producise a autorización.

Os tres criterios expostos, para un adecuado cumprimento da planificación nestes momentos en vigor, consideraranse prioritarios para efectos de valoración das solicitudes presentadas, xunto cos seguintes recollidos no punto 2º do citado artigo 17:

-Desenvolvemento e execución efectiva dos plans tecnolóxicos e industriais asociados a plans eólicos estratéxicos e/ou actividades relacionadas coa enerxía eólica.

-Influencia no desenvolvemento da rede eléctrica de distribución ou transporte.

-Efectos ambientais.

Cuarto.-Potencia que se vai tramitar no ano 2002.

Na resolución que derive desta convocatoria admitiranse a tramitación, tendo en conta as limitacións existentes na capacidade de evacuación na rede de transporte de enerxía eléctrica, solicitudes que non excedan na potencia global solicitada de 350 megavatios.

Quinto.-Previsión de potencia para o bienio 2003-2004.

Establécese unha previsión de potencia que se tramitará para o bienio 2003-2004, de 700 megavatios. Antes do día 30 de xuño de 2002 a consellería competente en materia de enerxía realizará un avance dos criterios e directrices de planificación para ese bienio.

Disposición adicional

De acordo co establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, os expedientes de parques eólicos en tramitación, que na data de publicación desta orde aínda non fosen resoltos, incluiranse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas polo seu promotor.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL