Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.490

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A. (Servicio de Augas do Concello de Noia).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A. (Servicio de Augas do Concello de Noia) (código convenio 1503890), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-11-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polos delegados de persoal, o día 7-11-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo /1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 5 de decembro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas

del Agua, S.A., para o centro de traballo de Noia

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo regulará as relacións laborais entre a empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A., e os traballadores incluídos no seu ámbito persoal.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

As normas do presente convenio afectarán e serán de aplicación a todo o persoal que presta e preste os seus servicios mediante contrato e relación laboral fixa, eventual ou de interinidade, no Servicio de Augas do Concello de Noia, salvo nos casos previstos nos artigos 1.3º e 2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio colectivo de traballo terá unha duración de tres anos; a súa vixencia será desde o día 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2003, entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura, independentemente da súa publicación no BOP, e os seus efectos económicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2001.

Unha vez finalizado o prazo de duración do convenio, entenderase prorrogado por igual tempo, de non mediar denuncia expresa por calquera das partes; esta denuncia deberá serlle notificada á outra parte por escrito cun mes de antelación á data da súa expiración ou de calquera das súas prórrogas. En caso de prórroga, a táboa base e demais conceptos económicos, salvo a antigüidade consolidada e antigüidade, incrementaranse co IPC teórico previsto para cada ano do período prorrogado.

Artigo 4º.-Garantía persoal.

As retribucións que establece o presente convenio, consideradas anualmente, absorberán tamén en concepto anual, cantas retribucións perciban os traballadores por tódolos conceptos, respectándose as condicións persoais que sexan, no seu conxunto, máis beneficiosas que as fixadas no presente convenio, manténdose ad personam.

A diferencia resultante entre a retribución persoal anualizada e a retribución fixada neste convenio, percibirase distribuída nas doce mensualidades ordinarias e nas dúas extraordinarias, en concepto de complemento persoal. Este complemento incrementarase cada ano na mesma porcentaxe que o salario base.

Artigo 5º.-Absorción.

Os haberes anuais fixos pactados no presente convenio colectivo, é dicir, a suma do salario base, antigüidade consolidada, complemento de transporte, así como o complemento persoal se o houber, valorados no seu cómputo anual, absorberán automaticamente ata onde alcancen todo aumento de salario ou percepcións directa ou indirectamente salariais que poidan establecerse durante a súa vixencia, por disposición legal de xeral aplicación ou regulamentaria.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Cantas dúbidas ou reclamacións se susciten en relación coa interpretación ou aplicación do presente convenio serán sometidas, como trámite previo ó seu coñecemento pola xurisdicción social, a unha comisión mixta interpretativa, que estará constituída por dous membros da parte social e outros dous da parte da dirección da compañía, todos eles compoñentes da comisión negociadora.

A citada comisión disporá dun prazo de quince días para resolve-las cuestións que se lle poidan formular. A súa decisión terá carácter vinculante para ambas partes.

No caso de que non se emitise resolución ou non se alcanzase acordo neste prazo, ambas partes poderán solicita-la mediación no Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación da Administración laboral e/ou facer uso das asesorías legais que estimen oportunas.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Se a xurisdicción competente anulase ou invalidase algúns dos seus artigos parcial ou totalmente, as partes asinantes reuniranse con obxecto de solventa-lo problema formulado, mantendo inalterable o resto do contido do convenio.

Artigo 8º.-Dereito supletorio.

En todo o non previsto neste convenio, aplicarase o disposto como dereito supletorio na lexislación xeral vixente.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 9º.-Organización.

A organización práctica e técnica do traballo, conforme o previsto neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo anterior, os representantes dos traballadores terán as funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 10º.-Clasificación funcional.

Os traballadores serán clasificados segundo as súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

Esta clasificación realizarase nos grupos profesionais, definidos pola interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que en cada caso desempeñen os traballadores. Dentro dalgúns dos grupos desta forma definidos, poderán establecerse áreas funcionais diferentes, nos termos previstos máis adiante.

Artigo 11º.-Factores de encadramento.

1. O encadramento dos traballadores incluídos nos ámbitos de aplicación dentro da estructura profesional establecida e, por conseguinte, a asignación de cada un deles a un determinado grupo profesional será o resultado da conxunta ponderación dos seguintes factores: coñecemento, experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

2. Na valoración dos factores anteriormente mencionados terase en conta:

a) Coñecementos e experiencias: factor para a valoración do cal se terá en conta, ademais da formación

básica necesaria para cumprir correctamente os cometidos, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición destes coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de seguimento a normas ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Autonomía: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de dependencia xerárquica no desempeño das tarefas ou funcións que se desenvolven.

d) Responsabilidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de autonomía de acción do titular da función, o nivel de influencia sobre os resultados e a relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e productivos.

e) Mando: factor para a valoración do cal se terán en conta o grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, a capacidade de interrelacionar, as características do colectivo e o número de persoal sobre o que se exerce o mando.

f) Complexidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o número e grao de integración dos diversos factores.

3. Dentro de cada un dos grupos profesionais e das correspondentes divisións orgánicas ou funcionais (entre outras, de administración comercial, técnica de producción e servicios auxiliares) poderán situarse as diferentes categorías, definidas de conformidade cos criterios anteriormente expostos.

4. Os grupos profesionais e as divisións orgánicas e funcionais recollidas neste convenio teñen un carácter meramente enunciativo podendo, de se-lo caso, establecerse as correspondentes asimilacións.

Artigo 12º.-Grupos profesionais.

1. O persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio colectivo clasificarase en razón da función desempeñada nos grupos profesionais aquí establecidos.

2. Dentro dos grupos profesionais 2 e 3 establécense, co fin de delimita-la idoneidade e aptitude para o desempeño das tarefas encomendadas ó traballador en cada posto de traballo, as áreas funcionais administrativa e técnica.

Grupo profesional I.

Criterios xerais: tarefas que se executen segundo instruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiran preferentemente esforzo físico ou atención e que non necesitan de formación específica, salvo a ocasional de período de adaptación.

Formación: experiencia adquirida no desempeño dunha profesión equivalente e titulación de graduado escolar ou certificado de escolaridade ou similar.

A este grupo correspóndense, dentro da área funcional administrativa: lector e ordenanza.

Dentro da área funcional de explotación: axudante, peón especialista e peón.

Grupo profesional II.

Criterios xerais: traballos de execución autónoma que esixan habitualmente iniciativa por parte dos traballadores que os desempeñan, comportando baixo supervisión a responsabilidade destes, que poderán ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, equivalentes a bacharelato unificado polivalente ou formación profesional de segundo grao, completada con formación específica no posto de traballo.

Dentro da área funcional administrativa deste grupo cabe incluír, entre outras, as seguintes categorías: auxiliar administrativo, oficial de 2ª administrativo, oficial de 1ª administrativo.

Con relación á área funcional técnica e explotación, cabe incluír neste grupo profesional, entre outras, as seguintes categorías: oficial de 3ª, oficial de 2ª e oficial de 1ª, analista de laboratorio, auxiliar técnico, delineante.

Grupo profesional III.

Criterios xerais: funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas realizadas por un conxunto de colaboradores nun estudio organizativo menor.

Tarefas que mesmo sen supor corresponsabilidade de mando, teñen un contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instruccións precisas de complexidade técnica media con autonomía dentro do proceso establecido.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a bacharelato unificado polivalente ou formación profesional de segundo grao, completada cunha experiencia dilatada no posto de traballo.

Na área funcional administrativa deste grupo inclúense, entre outras, as de: xefe de sección ou negociado.

No que se refire á área técnica e explotación, cabe incluír, tamén enunciativamente, as categorías profesionais de: delineante proxectista, técnico de producción, capataz, xefe de equipo e encargado.

Grupo profesional IV.

Criterios xerais: funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas diversas realizadas por un conxunto de colaboradores.

Tarefas complexas pero homoxéneas que, aínda sen implicar responsabilidade de mando, teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana, nun marco de instrucccións xerais de alta complexidade técnica.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a estudios universitarios de grao medio, completada cunha formación específica no posto de traballo.

Neste grupo cabe incluír, entre outras, as de: xefe de servicio, de planta e, en xeral, as de titulado de grao medio.

Grupo profesional V.

Criterios xerais: funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas complexas e heteroxéneas, con obxectivos globais definidos e alto grao de esixencia en autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores dunha mesma unidade funcional.

Inclúense tamén neste grupo profesional funcións que supoñen responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas da dirección, a que deben dar conta da súa xestión.

Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade e mesmo a participación na definición dos obxectivos concretos que se deben alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade nese cargo de especialidade técnica.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a estudios universitarios de grao medio, completada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional ou a estudios universitarios de grao superior, completada cunha formación específica no posto de traballo.

Neste grupo inclúense as categorías profesionais de: director, xefe de departamento, de servicio, de zona/área, así como as correspondentes a titulado superior.

Artigo 13º.-Mobilidade funcional.

O traballador deberá cumpri-las instruccións da dirección ou persoa en quen esta delegue no exercicio habitual das súas funcións organizativas e directivas, debendo executa-los traballos e tarefas que se encomenden dentro do contido xeral da prestación laboral, sempre e cando non menoscabe a súa dignidade. Neste sentido, e sen prexuízo dos dereitos económicos recoñecidos no Estatuto dos traballadores e, dentro da xornada laboral, cando sexa necesaria a realización simultánea ou sucesiva de funcións correspondentes a varios postos de traballo, que virán dadas polas necesidades dos servicios que xestionamos, poderáselle encomendar ó traballador o seu desempeño.

Artigo 14º.-Traballos de superior grupo profesional.

Por necesidades organizativas, de producción ou de contratación o traballador poderá ser destinado

a ocupar un posto de superior grupo ó que tivese recoñecido por prazo que non exceda de seis meses durante un ano, ou oito meses durante dous anos, tendo dereito a percibir mentres se encontre en tal situación a remuneración correspondente á función efectivamente desempeñada.

Artigo 15º.-Traballos de inferior grupo profesional.

A empresa, por necesidades perentorias, transitorias ou imprevisibles, poderá destinar un traballador a realizar tarefas correspondentes a categorías profesionais inferiores á súa polo tempo imprescindible e comunicándollelo ós representantes legais dos traballadores, non podendo o interesado negarse a efectua-lo traballo encomendado, sempre que isto non prexudique a súa formación profesional. Nesta situación, o traballador seguirá percibindo a remuneración que, polo seu grupo e función anterior, lle corresponda.

A un traballador non se lle poderá impoñe-la realización de traballos propios de grupo inferior durante máis de dous meses ó ano, mentres tódolos traballadores do mesmo grupo non rotasen na realización de tales tarefas. Non se considerarán para efectos do cómputo os supostos de avaría grave ou forza maior, do que se informará ós representantes dos traballadores periodicamente.

Se o destino de inferior categoría profesional fose solicitado polo propio traballador, asignaráselle a este a retribución que lle corresponda pola función efectivamente desempeñada, pero non se lle poderá esixir que realice traballos de categoría superior a aquela pola que se lle retribúe.

Capítulo III

Contratación

Artigo 16º.-Contratación.

O ingreso ó traballo realizarase de conformidade con calquera das modalidades de contratación reguladas na lexislación laboral vixente no momento de efectuarse.

En tódolos casos haberá que especificar claramente as súas condicións, duración, xornada laboral, etc., sendo visados polo representante dos traballadores.

Cando se concerte un contrato eventual para atender circunstancias dos servicios, acumulación de tarefas, etc., mesmo tratándose de actividade normal da empresa, a duración máxima do contrato poderá ser de 10 meses dentro dun período de 18 meses. En caso de que se concerte por un período inferior, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, por unha única vez, sen que a duración total do contrato poida exceder da duración máxima mencionada anteriormente.

Cando as circunstancias do servicio, acumulación de tarefas, etc., así o requiran, mesmo tratándose de actividade normal da empresa, os contratos eventuais poderán subscribirse por unha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 18 meses.

Artigo 17º.-Período de proba.

De acordo co contido do artigo 14 do Estatuto dos traballadores, poderá concertarse por escrito un período de proba de:

* Para os grupos profesionais I, II e III establécese un período de proba de 15 días para os contratos temporais e de 45 días para os contratos de duración indefinida.

* Con relación ós grupos profesionais IV e V concértase un período de 90 días, salvo as categorías de director e técnicos titulados que será de seis meses.

Artigo 18º.-Subrogación do persoal.

Co fin de regula-la estabilidade dos traballadores acollidos ó presente convenio, cando Gestagua, S.A. por extinción ou conclusión do contrato, deixase de presta-los seus servicios, a nova empresa estará obrigada a subrogarse e absorbe-los traballadores desta, adscritos ós servicios sinalados no artigo 1º.

No non previsto nin regulado no presente convenio sobre esta materia, aplicarase o disposto no capítulo VII, artigo 38 do vixente laudo arbitral polo que se establecen as condicións de traballo para as industrias de captación, elevación, conducción, tratamento, depuración e distribución de auga, ou disposición legal que o substitúa.

Capítulo IV

Xornada de traballo

Artigo 19º.-Xornada.

A duración máxima da xornada laboral será de 1.756 horas efectivas anuais.

Artigo 20º.-Xornada semanal.

Establécese igualmente, un número máximo de 40 horas semanais efectivas de traballo, como media en cómputo anual.

A empresa, de acordo coa representación dos traballadores, establecerá no mes de xaneiro o calendario laboral que rexerá durante o ano. Este calendario, que se publicará no taboleiro de anuncios, elaborarase tendo en conta os seguintes criterios e contidos:

-Xornada semanal de corenta horas.

-Horario de descanso.

-Sinalización das festas.

-Vacacións.

-Especificación dos descansos entre xornadas e semanais.

-Especificación das seccións nas que se prevexa a realización de quendas.

-Especificación de xornadas irregulares onde procedan.

-Especificación de horarios flexibles onde procedan.

Artigo 21º.-Permanencia no traballo.

Tanto ó comezo como ó final da xornada laboral, o traballador deberá encontrase no seu posto de traballo e dedicado a el. A dirección da empresa poderá establece-los controis de presencia e puntualidade necesarios.

Todo o persoal deberá permanecer no seu posto de traballo ata a hora de saída, exceptuándose as saídas previamente autorizadas polo xefe directo do empregado.

En caso de ausencia por enfermidade ou accidente que supoña baixa médica, o persoal deberá remitila ó seu xefe inmediato no termo de 72 horas.

Cando a ausencia sexa dun día ou parte del e non se chegue a baixa facultativa, ó incorporarse ó seu traballo, o empregado deberá entregar xustificante desta ausencia. A non entrega da xustificación considerarase falta inxustificada ó traballo.

Artigo 22º.-Traballos de duración superior á xornada habitual.

Dado o carácter público dos servicios prestados por esta empresa e a necesaria continuidade da súa actividade, todo o persoal estará obrigado a prolongar en caso necesario a xornada normal de traballo.

O traballo prestado en exceso sobre a xornada normal debe contar co visto e prace do xefe do centro, e remunerarase de acordo coas normas legais sobre horas extraordinarias, sempre que conte coa previa autorización do responsable do centro.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias de carácter estructural aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada máxima legal establecida neste convenio, salvo as realizadas nos casos de prolongación de xornada antes considerada.

As horas extraordinarias compensaranse preferentemente por descanso, sempre e cando non se perturbe o normal proceso productivo da empresa. As horas compensaranse por descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización. Non computarán para efectos de tope máximo anual de horas extraordinarias establecido polo artigo 35.2º do Estatuto dos traballadores. En todo caso, a súa compensación económica non poderá ser inferior á da hora ordinaria.

Sen prexuízo do carácter voluntario destas horas, nos termos legalmente establecidos e tendo en conta o carácter público dos servicios que presta a empresa, cando concorran circunstancias de forza maior, substitución de persoal, avarías que requiren reparacións urxentes ou outras análogas que pola súa transcendencia sexan inaprazables, o tempo empregado polos traballadores non entrará no cómputo das conceptuadas como extraordinarias para os efectos dun límite legal, se ben será retribuídas como tales.

Artigo 24º.-Vacacións.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán dun descanso vacacional de trinta días naturais ó ano, salvo as condicións máis beneficiosas.

O período vacacional desfrutarase, 15 días no período estival (de xuño a setembro) e o resto de común acordo entre empresa e traballador.

Artigo 25º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos:

* Quince días naturais nos casos de matrimonio.

* Tres días naturais nos casos de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será:

-Ata 350 km (ida), dous días máis.

-A partir de 350 km (ida), tres días máis.

* Un día natural en caso de matrimonio de familiares ata o segundo grao de consanguinidade.

* Dous días por cambio de residencia.

* Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

* Polo tempo necesario para concorrer a exames.

* Polo tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica da Seguridade Social.

* As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai, en caso de que ambos traballen.

* Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu cuidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Capítulo V

Retribución salarial

Artigo 26º.-Salario.

O salario que se percibirá en 2001 será o reflectido para cada grupo profesional na táboa salarial anexa.

O salario base percibirase nas doce pagas ordinarias e nas dúas gratificacións extraordinarias.

A todo traballador se lle garante para o ano 2001, un incremento do IPC teórico previsto máis 1 por 100, aplicado sobre os conceptos salariais fixos, salvo a antigüidade consolidada e antigüidade, a 31 de decembro de 2000.

Para os anos 2002 e 2003, a táboa base incrementarase co IPC teórico previsto máis 0,5 por 100. Así mesmo, actualizaranse en idéntica contía o resto de conceptos salariais (complemento persoal, complemento de dispoñibilidade/gardas, axuda de custos e quilometraxe).

Artigo 27º.-Cláusula de revisión salarial.

A subida salarial estipulada no artigo 26º para cada ano de vixencia revisarase, unha vez coñecido o índice de prezos ó consumo real de cada ano. Se esta porcentaxe fose superior, procederase a revisar e actualizar tan pronto se constate oficialmente, no exceso sobre as indicadas cifras a táboa salarial anexa, aboándose con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

Artigo 28º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade regularase por disposición sectorial presente ou futura.

Artigo 29º.-Gratificacións extraordinarias.

O traballador terá dereito a dúas gratificacións extraordinarias, semestrais, consistentes no importe dunha mensualidade de salario base, antigüidade e complemento persoal. A data de pagamento das gratificacións extraordinarias será:

* O último día laborable do mes de xuño.

* O día 20 do mes de decembro.

Artigo 30º.-Complementos de posto de traballo.

Dado o carácter público da actividade da empresa e que as especiais características inherentes á actividade infiren un carácter singular ás distintas tarefas que dentro dela se levan a cabo, por isto créase o seguinte complemento ó posto de traballo:

a) Complemento de dispoñibilidade/gardas: ante as especiais características de atención ó servicio público que ten encomendada a empresa, o persoal de explotación de redes de auga e saneamento verase obrigado a presta-los seus servicios en situación de garda localizada.

A garda localizada é a situación daqueles traballadores que, ó finaliza-la xornada ordinaria habitual, deberán estar localizados en todo momento e cos medios que lles proporcione a empresa para a súa localización, para a realización daqueles traballos tanto de carácter ordinario como extraordinario que poidan xurdir. Os traballadores en situación de garda localizada deberán, por tanto, estar debidamente localizables e dispoñibles para a atención inmediata dos traballos que haxa que realizar, así como visita-los depósitos e estacións de bombeo, verificando niveis e funcionamento dos sistemas instalados. Esta situación comezará á finalización da xornada ordinaria e ata o comezo da seguinte, cunha rotación semanal, é dicir, desde as 18 horas dun luns ata as 8.30 horas do seguinte luns.

O equipo de garda localizada estará formado por un operario.

Os traballadores en situación de garda localizada percibirán o seguinte complemento salarial 16.000 pesetas (96,16 euros) brutas por cada semana efectiva en tal situación, como compensación ó punto referenciado.

No suposto caso de intervención durante a garda para reparar avarías causadas por terceiros, as horas realizadas para o efecto aboaranse como horas extraordinarias, sempre e cando a empresa as facture como T.L.E..

Artigo 31º.-Complemento traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Artigo 32º.-Complemento por traballos excepcionalmente tóxicos, penosos ou perigosos.

Será obxectivo permanente da empresa en colaboración co delegado de prevención a mellora das instalacións e procedementos para facer desaparece-las condicións de penosidade, perigosidade ou toxicidade dos postos de traballo que as tivesen.

Para os supostos en que exista realización de labores que resulten excepcionalmente tóxicos, penosos ou perigosos, aboarase unha bonificación do 20 por 100 sobre o salario base. Se estes labores se efectúan unicamente durante un período superior a sesenta minutos por xornada, sen exceder de media xornada, a bonificación reducirase ó 10 por 100.

Se por mellora de instalacións ou de procedementos de traballo desaparecesen as condicións aludidas, unha vez comprobada a súa inexistencia, deixarán de aboarse as citadas bonificacións

Artigo 33º.-Valor das horas extraordinarias.

O valor das horas extraordinarias será o que se obtén de dividi-lo salario anual segundo categoría da táboa anexa entre a xornada anual vixente en cada momento, máis unha recarga do 40 por 100 en caso de horas normais e do 75 por cento para as horas nocturnas e/ou festivas.

Artigo 34º.-Importe das axudas de custos.

O traballador que, por necesidades da empresa, se desprace fóra da localidade onde radique o seu centro de traballo, percibirá por axuda de custos:

* Axuda de custo por comida ou cea, 1.500 pesetas (9,02 euros).

* Axuda de custo por habitación e almorzo, 6.000 pesetas (36,06 euros).

O seu devengo entenderase no caso de non poder comer, cear ou durmir, á hora acostumada no seu domicilio particular. As cantidades que se devengan por axuda de custo son independentes da obriga da empresa de facilita-los medios de transporte ou de satisface-lo seu importe.

Sen prexuízo do anterior, a empresa poderá satisface-los gastos de axuda de custos directamente en establecementos debidamente autorizados, caso no que non se aboarán as citadas axudas de custos.

Artigo 35º.-Quilometraxe.

Se o traballador utilizase o seu propio vehículo para desprazarse por encargo da empresa, aboaráselle o estipulado en cada momento, por quilómetro percorrido, sendo a cantidade mínima a de 32 pesetas (0,19 euros)/km.

Capítulo VI

Réxime asistencial

Artigo 36º.-Mellora de prestación por incapacidade transitoria.

Ó traballador que se encontre na situación de incapacidade temporal por accidente de traballo, a empresa complementaralle a diferencia existente entre o percibido pola Seguridade Social por esta causa, e o total das retribucións básicas fixas mensuais. Así mesmo, aplicarase o mesmo criterio para os casos que requiran hospitalización.

En caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará a diferencia entre o percibido pola Seguridade Social e o total das retribucións básicas fixas mensuais, nas seguintes porcentaxes :

-Os dez primeiros días, o 100 por 100.

-Desde o undécimo día ata o trixésimo, o 80 por 100.

-A partir do trixésimo primeiro día, o 90 por 100.

Estas porcentaxes non serán de aplicación para os supostos de hospitalización, aboándose desde o primeiro día o 100 por cento das retribucións básicas fixas mensuais.

No suposto de que se suscitasen dúbidas sobre un posible abuso da situación de incapacidade temporal por parte dalgún traballador, a empresa, logo de comunicado á representación dos traballadores legalmente constituída, poderalle aboar ó traballador afectado o estipulado na lexislación vixente.

Artigo 37º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará, ó seu cargo, e para tódolos traballadores afectos polo presente convenio, un seguro de accidentes laborais por 5.500.000 de pesetas (33.055,67 euros) para cada unha das seguintes continxencias:

* Falecemento.

* Invalidez permanente total (para profesión habitual).

* Invalidez permanente absoluta.

* Grande invalidez.

A cobertura pactada vincúlase á permanencia do asegurado na empresa. O cesamento por calquera motivo dará orixe á baixa do traballador na póliza

deste seguro, sen que por tanto, o empregado conserve ningún dereito a percibi-lo importe do capital, no seu día garantido.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 38º.-Réxime de faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 39º.-Clasificación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador se clasificará, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave ou moi grave, de conformidade co que se dispón a continuación:

I. Son faltas leves.

1. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen a debida xustificación, cometidas durante o período dun mes.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se probe a imposibilidade de efectualo.

3. Pequenos descoidos na conservación do material.

4. Falta de aseo e limpeza persoal.

5. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

6. As discusións sobre asuntos alleos ó traballo, dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como falta grave ou moi grave.

7. Non comunica-las situacións persoais que poidan afectar ás obrigas fiscais ou de Seguridade Social da empresa cos seus traballadores.

8. O abandono do servicio sen causa xustificada, mesmo cando sexa por breve tempo.

9. Non atende-lo público ou o usuario dos servicios que prestamos coa dilixencia ou corrección debidas.

II. Son faltas graves.

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante un período de trinta días.

2. Non comunicar coa puntualidade debida, as actividades do traballador que poidan afectar á cotización á Seguridade Social. A falta maliciosa nos datos considerarase como falta moi grave.

3. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexa, estando de servicio.

4. A mera desobediencia ós seus superiores en calquera materia do servicio. Se implicase quebranto da disciplina ou dela se derivase prexuízo para a empresa, poderá ser considerada moi grave.

5. Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando por el.

6. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha do traballo.

7. A imprudencia en acto do servicio; se implicase risco de accidente para un mesmo, para terceiros ou perigo de avaría ou danos para as instalacións ou equipos, poderá ser considerada como moi grave.

8. Realizar, sen o oportuno permiso, xestións particulares durante a xornada, así como empregar para usos propios ferramentas, equipos ou instalacións da empresa, mesmo fóra da xornada de traballo.

9. A embriaguez ou toxicomanía, evidenciada fóra de actos de servicio, vestindo o uniforme da empresa.

10. A falta de asistencia ó traballo de ata dous días ó mes.

11. Se como consecuencia de calquera falta de puntualidade, ou da causa prevista no parágrafo oitavo do número I, se lle causase prexuízo á empresa ou fose causa de accidente, esta falta pode ser considerada como as faltas leves.

12. A inobservancia das leis, regulamentos ou o incumprimento das normas en materia de prevención de riscos laborais, cando supoñan risco para o traballador, os seus compañeiros ou terceiros, así como non usar ou usar inadecuadamente os medios de seguridade facilitados pola empresa. En caso de que o risco fose grave ou se producise algún prexuízo, considerarase como moi grave.

13. Se existe reiteración na comisión da causa prevista no parágrafo noveno do número I.

14. A ocultación de calquera feito que o traballador presenciase, que cause de maneira apreciable prexuízo grave de calquera índole á empresa, ós seus compañeiros de traballo ou a terceiros.

15. Se a causa prevista no punto sexto do número I producise escándalo notorio.

16. A reincidencia en falta leve, excluída a de puntualidade, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando polo menos amoestación escrita.

III. Considéranse como faltas moi graves.

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses, ou vinte durante un ano.

2. A falta inxustificada de asistencia ó traballo de máis de dous días ó mes.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza, e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós compañeiros de traballos ou a terceiros, dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio en calquera lugar.

4. Facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en materias primas, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edifi

cios, enxoval e documentos da empresa ou de terceiros relacionados con ela.

5. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo, usuarios/clientes.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa.

7. Revelar a elementos alleos á empresa datos de reserva obrigada.

8. Realizar traballos particulares durante a xornada.

9. Os malos tratamentos de palabra ou obra ou a falta grave de respecto e consideración ós usuarios, xefes ou calquera empregado da empresa, así como ós familiares de todos eles, durante a xornada de traballo ou nas dependencias da empresa.

10. Causar accidente grave por neglixencia ou imprudencia inescusable.

11. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade ou en situación que cause grave prexuízo á empresa ou ós seus clientes/usuarios.

12. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado do traballador.

13. Orixinar rifas e liortas cos compañeiros de traballo ou clientes/usuarios.

14. A simulación de enfermidade ou accidente.

15. Presta-los seus servicios habitualmente sufrindo os efectos ou consecuencias de calquera tipo de embriaguez ou toxicomanía.

16. Acoso sexual.

17. As derivadas do previsto no punto sexto do número I e na segunda, cuarta e sétima e décimo cuarta do número II.

18. Se como consecuencia da causa prevista no punto décimo do número II, se causase prexuízo á empresa ou fose causa de accidente, a citada poderá ser considerada como moi grave.

19. A reincidencia en falta grave aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun semestre.

Artigo 40º.-Réxime de sancións e procedemento sancionador.

Correspóndelle á empresa a facultade de impor sancións nos termos do estipulado no presente convenio.

Tódalas sancións que non consistan en amoestación verbal requirirán comunicación escrita motivada ó traballador.

Nos casos de sanción por falta moi grave, a empresa comunicaralle a sanción por escrito ó traballador cun prazo de aviso de dous días hábiles para que produza efectos, entregándolle unha copia ó representante do seu centro de traballo. O traballador disporá dun permiso retribuído, dos citados dous

días hábiles, para alegar por escrito ante a empresa o que na súa defensa estime oportuno. Se a empresa non modificara por escrito a súa decisión, esta entenderase efectiva transcorrido o citado prazo de dous días hábiles.

A empresa dará conta á representación dos traballadores de toda sanción que impoña.

Artigo 41º.-Graduación das sancións.

As sancións que a empresa poderá impor segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas serán as seguintes:

Por falta leve: amoestación verbal, amoestación por escrito ou suspensión de emprego e soldo ata dous días.

Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a quince dias.

Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días ou despedimento.

Artigo 42º.-Prescrición.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días, e para as faltas moi graves ós sesenta días, a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión, e en calquera caso, ós seis meses de se cometeren.

Artigo 43º.-Acumulación de faltas.

Para os efectos de reincidencia, non se terán en conta e eliminaranse do expediente aquelas faltas que se cometesen con anterioridade, de acordo cos seguintes prazos, contados desde a comunicación da última falta:

Faltas leves: tres meses.

Faltas graves: seis meses.

Faltas moi graves: un ano.

Capítulo VIII

Garantías sindicais

Artigo 44º.-Funcións e garantías dos representantes dos traballadores.

Norma xeral: no que atinxe ás funcións e garantías dos representantes legalmente constituídos na empresa, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 45º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados a unha central sindical, a empresa descontará na nómina mensual dos traballadores a contía da cota sindical correspondente.

O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence e a contía da cota.

Os importes retidos entregaránselle ó traballador da empresa que designe a central sindical correspondente.

As empresas efectuarán as anteditas detraccións salvo indicación en contrario por parte do traballador.

Artigo 46º.-Crédito horas sindicais.

Os delegados de persoal ou comités de empresa terán un crédito de horas sindicais retribuídas de 15 horas ó mes durante o ano. O seu cómputo farase anualmente, e os delegados poderán utilizar un número maior das establecidas mensualmente, sempre que non prexudique ou repercuta no servicio.

Capítulo IX

Seguridade, hixiene e saúde laboral

Artigo 47º.-Principio xeral.

Os asinantes do presente convenio manifestan a súa vontade de cumprir e facer cumpri-la vixencia normativa de prevención de riscos laborais regulada pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, e a súa normativa complementaria e de desenvolvemento.

Capítulo X

Disposicións varias

Artigo 48º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitarálle-la roupa de traballo necesaria a tódolos traballadores que, polas características do traballo que vaian desenvolver, así o requiran.

Esta roupa de traballo renovarase segundo o uso e a deterioración.

Disposición derrogatoria

Este convenio colectivo derroga, expresa e indefinidamente, na súa totalidade e deixándoos sen efecto, todos e cada un dos convenios colectivos, calquera que fose o seu ámbito, acordos ou pactos escritos ou verbais, que estivesen ou puidesen estar en vigor, sendo o único convenio colectivo de aplicación no centro de traballo da empresa sinalada no ámbito de aplicación.

Disposición derradeira

Primeira.-Os atrasos derivados do incremento salarial pactado no presente convenio pagaranse nun prazo máximo de dous meses a partir da súa sinatura.

ANEXO

Táboa salarial 2001

GruposSalario base

mensual

(pesetas)

Retribución

anual (pesetas)

Grupo primeiro

Peón131.0001.834.000

Lector133.0001.862.000

Grupo segundo

Auxiliar administrativo133.5001.869.000

Oficial 2ª administrativo135.0001.890.000

Oficial 1ª administrativo137.0001.918.000

GruposSalario base

mensual

(pesetas)

Retribución

anual (pesetas)

Oficial 3ª134.0001.876.000

Oficial 2ª136.0001.904.000

Oficial 1ª138.0001.932.000

Grupo terceiro

Capataz146.0002.044.000

Encargado156.0002.184.000

Grupo cuarto

Xefe de servicio166.0002.324.000

Titulado medio181.0002.534.000

Grupo quinto

Titulado superior191.0002.674.000

GruposSalario base

mensual

(euros)

Retribución

anual (euros)

Grupo primeiro

Peón787,3311.022,56

Lector799,3511.190,85

Grupo segundo

Auxiliar administrativo802,3511.232,92

Oficial 2ª administrativo811,3711.359,13

Oficial 1ª administrativo823,3911.527,41

Oficial 3ª805,3611.274,99

Oficial 2ª817,3811.443,27

Oficial 1ª829,4011.611,55

Grupo terceiro

Capataz877,4812.284,69

Encargado937,5813.126,10

Grupo cuarto

Xefe de servicio997,6813.967,52

Titulado medio1.087,8315.229,65

Grupo quinto

Titulado superior1.147,9316.071,06