Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 24/2002, do 24 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción da nova variante entre a avenida de Lugo (N-550) e A Pontepedriña (N-525) no núcleo de Santiago de Compostela (primera fase).

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión do día 26 de outubro de 2000, aprobou o proxecto de construcción da nova variante entre a avda. de Lugo (N-550) e A Pontepedriña (N-525) no núcleo de Santiago de Compostela (1ª fase), e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de decembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5 de setembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a aglomeración do cruzamento das estradas N-550 Pontevedra-A Coruña e N-525 Santiago de Compostela-Ourense (rúas Romero Donallo, Hórreo e Antón Fraguas) e a grande intensidade de tráfico do cruzamento da Pontepedriña (Galuresa) e do treito rúa do Hórreo, avda. de Lugo, orixinan grandes retencións e colapsos de tráfico con asiduidade, polo que se fai necesaria a construcción dunha vía alternativa a este treito, para mellora-las condicións de circulación e reduci-los inconvenientes que nel se producen.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción da nova variante entre a avda. de Lugo (N-550) e A Pontepedriña (N-525) no núcleo de Santiago de Compostela (1ª fase).

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais