Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.489

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 23/2002, do 24 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación do Instituto de Educación Secundaria (IESP) Francisco Asorey.

O Concello de Cambados, en sesión do día 5 de outubro de 2001, aprobou o proxecto de ampliación do Instituto de Educación Secundaria (IESP) Francisco Asorey e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 15 de xaneiro de 2002.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de xaneiro de 2002.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a ampliación dos ciclos formativos (LOXSE) neste instituo fixo que o número de alumnos pasara de 180 a 500, quedando inadecuadas e insuficientes as súas instalacións, dado o incremento de alumnado e a que o centro non conta con suficiente espacio propio para facer outras novas, é polo que se fai necesaria a dispoñibilidade de terreos para resolve-las devanditas necesidades.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación do Instituto de Educación Secundaria (IESP) Francisco Asorey.

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais