Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.488

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 22/2002, do 24 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de rehabilitación ambiental do bordo marítimo na ría de Ferrol, treito de Narón (parte B).

O Concello de Narón, en sesión do día 27 de xullo de 2001, aprobou o proxecto de rehabilitación ambiental do bordo marítimo na ría de Ferrol, treito de Narón (parte B) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Medioambiental da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5 de novembro de 2001.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de novembro de 2001.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o dia 18 de decembro de 2001.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Medio Ambiente emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27 de decembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a zona obxecto de rexeneración ambiental se atopa en grave proceso de recesión e degradación do medio, e tamén cabe sinala-lo estado ruinoso, co conseguinte perigo para as persoas, dos inmobles (muíño e anexos) situados

nesta zona á beira do río Xubia; por todo isto é polo que se fai necesaria a urxente recuperación ambiental e paisaxística do bordo litoral da zona e tamén a recuperación arquitectónica do muíño de Xubia, pola súa relevancia arqueolóxica.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecatro de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de rehabilitación ambiental do bordo marítimo na ría de Ferrol, treito de Narón (parte B).

Santiago de Compostela, vintecatro de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais