Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.488

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 21/2002, do 10 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cambados, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación para o desenvolvemento do polígono industrial de Setepías.

O Concello de Cambados, en sesión celebrada o día 5 de outubro de 2001, aprobou o proxecto de expropiación para o desenvolvemento do polígono industrial Setepías, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de decembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello un dos eixos fundamentais da planificación industrial da zona é a creación de riqueza a través dunha política de desenvolvemento industrial sostido, cun entramado de investimentos xerais, entre os que se encontra a derradeira fase do citado polígono, e se non se levan a cabo, podería verse frustrado ese intento de industrializa-lo municipio, cos evidentes prexuízos que isto supón para o desenvolvemento da zona privándoa dos tan necesarios postos de traballo e da riqueza básica derivada do sector industrial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras

do proxecto de expropiación para o desenvolvemento do polígono industrial de Setepías.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais