Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 08 de febreiro de 2002 Páx. 1.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 6 de febreiro de 2002 pola que se dictan normas para para garanti-los servicios esenciais durante as folgas convocadas polos catro colectivos de enfermeiros/as interinos/as de atención primaria de Galicia, con carácter indefinido tódolos luns desde as 0 a 24 horas a partir do día 11 de febreiro de 2002, que afectará os enfermeiros/as interinos/as de primaria das xerencias de atención primaria de Santiago de Compostela, A Coruña-Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra-Vigo.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e perante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocadas folgas que afectan os enfermeiros/as interinos/as das xerencias de atención primaria de Santiago de Compostela, A Coruña-Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra-Vigo, con carácter indefinido tódolos luns, desde as 0 ás 24 horas, a partir do día 11 de febreiro de 2002, logo da audiencia dos respectivos comités de folga.

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada, con carácter indefinido, tódolos luns, desde as 0 horas ás 24 horas, a partir do día 11 de febreiro de 2002 e que afecta ós enfermeiros/as interinos/as das xerencias de atención primaria da Comunidade Autónoma, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das institucións sanitarias, en evitación de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Os criterios rectores para a determinación dos efectivos necesarios, explicítanse do modo seguinte:

I. Cobertura do 100% da actividade urxente.

II. Os servicios mínimos que se fixan no tramo ordinario de atención prestarán asistencia urxente ou inaprazable desa unidade calquera que sexa a modalidade da prestación. A determinación dos efectivos realizarase con base nos tramos seguintes:

-En centros con catro ou menos profesionais: 1 efectivo.

-En centros con cinco a oito profesionais: 2 efectivos.

-En centros con nove a doce profesionais: 3 efectivos.

-En centros con máis de 13 profesionais: 4 efectivos.

III. Nas unidades de apoio atendidas especificamente por un profesional, permanecerá de servicios mínimos este profesional.

Con fundamento nestes criterios determinaranse os efectivos necesarios para a cobertura da asistencia sanitaria cada día de folga, tendo en conta que a folga afecta exclusivamente os/as enfermeiros/as interinos/as, os servicios mínimos deberán recaer sobre este persoal no caso de ser efectivo necesario de acordo cos parámetros anteriores.

Artigo 2º

Os efectivos necesarios cada día de folga, fixados con base no artigo anterior e nos acordos cos comités de folga correspondentes, deberán ser publicados nos taboléiros de anuncios dos centros e das xerencias de atención primaria.

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios, será determinada polo director-xerente do centro, procedéndose á súa publicación nos taboleiros de anuncios dos centros de traballos.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados e expostos nos taboleiros de anuncios das xerencias de atención primaria, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade