Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.463

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidad pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. A Mioteira, Santa Cruz da Rabeda, no concello de San Cibrao das Viñas. (Expediente IN407A 01/80-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ A Batundeira nº 2, Velle-Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Norberto González Nieto (predio nº 68) manifesta que no proxecto non se xustifica suficientemente o seu interese público, que aquel busca a liña máis curta sen tratar de evita-la afección a bens privados, agás no treito onde se sitúa a súa propiedade que se realiza non conforme á traza prevista nun principio para a liña eléctrica, o que lle repercute nun aumento da afección.

2. Luz María Sobrino Pérez (predio nº 88-a) solicita, tendo en conta a superficie de afección que soportará a súa propiedade e que a instalación lle atravesa aquela en diagonal, a expropiación total ou o cambio de trazado, sen concretar este último.

Estas alegacións desestímanse á vista da documentación que consta no expediente e da contestación dada pola empresa beneficiaria xa que:

-A documentación presentada é a requirida polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que desenvolve a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, nos seus artigos 122 e seguintes, no caso da autorización administrativa, e 143 e seguintes no da declaración de utilidade pública.

-A utilidade pública da instalación vén recoñecida polo artigo 140 da regulamentación indicada no punto anterior, e ó respecto a empresa cumpriu co requirido no seu punto 3, coa presentación da relación concreta e individualizada dos bens e dereitos de necesaria expropiación.

-O proxecto desta autorización foi o único presentado nesta delegación provincial e está redactado seguindo os requirimentos do Decreto 3153/1968, do 28 de novembro, que aproba o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión, e, como di o propio autor, o seu trazado é o axeitado para os fins que se perseguen no intento de logra-la solución óptima

para o conxunto da instalación e para os intereses técnico-económicos concorrentes (artigo 4).

-Non procede a expropiación solicitada xa que dos datos que constan no expediente e dos achegados pola alegante non resulta probado que a explotación ou conservación do predio afectado pola servidume de paso resulte antieconómica, condición imprescindible para ter en conta a solicitude de expropiación total, e que a expropiación soamente grava unha servidume de paso no predio, conservando o titular a propiedade daquel, sen alteración, neste caso, das súas condicións fundamentais.

As outras alegacións, que presentaron os propietarios dos predios números 42 e 76 do plano parcelanio (L.M.T. ó C.T. da Sta. Cruz da Rabeda), desestímanse polas razóns que a cada interesado se lle indican en escrito á parte, e que non se transcriben nesta resolución para evitar repeticións.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que naquela non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refiere o sinalado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 decembro.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

RESOLVO:

1. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 104.102,781 euros (17.312.245 pesetas).

-Liña eléctrica, aérea a 20 kV, de 2.098 m de lonxitude, derivada desde o apoio nº 4 da L.M.T. ó C.T. de Valiñas e con remate no C.T. proxectado de Santa Cruz da Rabeda, con 100 kVA e r/t 20.000/380-220 V. Desde o apoio nº 7 da L.M.T. anterior parte unha derivación aérea de 298 m ó C.T. da Carballeira, o cal é de 100 kVA e coa mesma r/t citada.

-Redes de baixa tensión en conductor R.Z. sobre apoios de formigón con inicio nos indicados centros de transformación que se van instalar en Santa Cruz, A Carballeira e A Castellana; rede de baixa tensión de iguais características cunha lonxitude de 395 m, con inicio no C.T. polígono 6.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a

autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

3. Que o representante de Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 14 de agosto de 2001, que se publicou no DOG do 25 de setembro, no BOP de Ourense de 7 de setembro e no xornal diario La Región do 4 de setembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 27 de decembro de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense