Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 07 de febreiro de 2002 Páx. 1.464

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos de urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. Soutelo, no concello de Cortegada. (Expediente IN407A 01/105-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ A Batundeira nº 2, Velle-Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Na fase de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

José Luis Bueno Alonso, en representación de herdeiros de Concepción Alonso e Gustavo Bueno (predios nº 1 e 3), solicita que se lle traslade diversa información, a cal xa lle foi remitida por esta delegación provincial, e indica sucintamente que existen

erros nos datos identificativos do predio; tamén se amosa contrario á declaración da utilidade pública e á urxente ocupación dos bens afectados e acaba por solicita-lo arquivo do expediente.

Estas alegacións desestímanse á vista da documentación que consta no expediente e da contestación dada pola empresa beneficiaria xa que:

-A utilidade pública da instalación vén recoñecida polo artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que desenvolve a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e ó respecto a empresa cumpriu co requirido no seu punto 3º, coa presentación da relación concreta e individualizada dos bens e dereitos de necesaria expropiación, o que comporta, segundo o artigo 54.1º da sinalada lei, a aplicación do procedemento de urxente ocupación previsto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

-O proxecto obxecto desta autorización foi o único presentado nesta delegación provincial e está redactado seguindo os requirimentos do Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, que aproba o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión e, como di o propio autor, o seu trazado é o axeitado para os fins que se perseguen no intento de logra-la solución óptima para o conxunto da instalación e para os intereses técnico-económicos concorrentes (artigo 4).

-A afección real, tipo de cultivo e demais datos identificativos do predio serán os que sinale o perito da Administración no acto de levantamento das actas previas, para o que será oportunamente citado.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada obsérvase que naquela non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o sinalado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

RESOLVO:

1. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 3.614.270 pesetas (21.722,20 euros):

Liña eléctrica aérea, a 20 kV, de 240 m de lonxitude, derivada desde o apoio nº 82 da L.M.T. ó C.T. de Louredo e con remate no C.T. proxectado de Soutelo, con 50 kVA e r/t 20.000/380-220 V. Redes de baixa tensión de 530 m en Soutelo.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso de instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

3. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo o levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 14 de setembro de 2001, que se publicou no DOG do 25 de outubro, no BOP de Ourense do 17 de outubro e no xornal diario La Región do 25 de setembro de 2001.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 28 de decembro de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense