Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 29 de xaneiro de 2002 Páx. 1.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 429/2001, do 28 de decembro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Mañón, Paderne, Baralla, Cospeito, Vilar de Barrio e Ribadumia.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Mañón, Paderne, Baralla, Cospeito, Vilar de Barrio e Ribadumia solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destina-los a actividades de interese agrario.

Mediante o Decreto 207/2001, do 27 de agosto (DOG nº 180, do 17 de setembro), desafectáronse do dominio público varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Mañón, Paderne, Baralla, Cospeito, Vilar de Barrio e Ribadumia.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 20 de novembro de 2001 (DOG nº 246, do venres 21 de decembro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Mañón do dereito de uso dun edificio formado por baixo, primeiro e faiado, cunha superficie total construída de 183 m, que se asenta sobre un predio de 175 m, ó que lle chamanban Chao das Lamelas, hoxe praza do Mesón nº 8, parroquia de Mogor, municipio de Mañón (A Coruña). Estrema: norte, camiño, hoxe praza; sur, herdeiros de Antonio Castaño, hoxe Claudio Rivera Casal; leste, camiño; e oeste, Carmen Montenegro, hoxe Arsenio Álvarez González.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 438, libro 43, folio 170, predio nº 4992, inscrición 4ª.

2. A favor do Concello de Paderne do dereito de uso dun edificio de planta baixa de 49 m aproximadamente, construído sobre un soar de 130 m, no lugar de Campolongo ou do Transformador, situado na parroquia de Adragonte, municipio de Paderne. Estrema: norte, en liña de 11,5 m, predio de onde se segrega; sur, en liña de 7,5 m, camiño e transformador da luz; leste, en liña de 11,5 m, predio do que se segrega; e oeste, en liña de 13,7 m, Germán Cal Lorenzo.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1452, libro 118, folio 118, predio nº 10134A, inscrición 4ª.

3. A favor do Concello de Paderne do dereito de uso dunha construcción dedicada a centro de inseminación artificial que ocupa a totalidade do seu

soar de 28 m aproximadamente, no lugar da Fonte ou Borreiros, situado na parroquia de Souto, municipio de Paderne. Estrema: norte, resto do predio matriz; sur, en liña de 3,5 m, camiño de carro; leste, comarón e prado de José Gabín, regato no medio; e oeste, resto do predio matriz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Betanzos no tomo 1452, libro 118, folio 120, predio nº 10135A, inscrición 4ª.

4. A favor do Concello de Baralla do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta, que ten unha superficie total construída de 208 m, que ocupa a totalidade do soar sobre o que se enclava que segundo recentes medicións ten unha cabida de 104 m, situado actualmente na rúa Irmáns Díaz Moreno nº 8, da vila e termo municipal de Baralla (Lugo). Estrema hoxe: norte, Agro de Fabeiro e casa de Ángel Álvarez López; sur, Concello de Baralla (Casa Socio-Cultural e Xuvenil); leste, Mª Cruz Fernández Fernández, antes Concello de Baralla; e oeste, rúa Irmáns Díaz Moreno.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Becerreá no tomo 430, libro 84, folio 163, predio nº 5109, inscrición 4ª.

5. A favor do Concello de Cospeito do dereito de uso dun edificio de planta baixa, dous andares e faiado, de 200, 159, 159 e 83 m por planta respectivamente, o que fai un total de 601 m construídos sobre unha parcela de terreo de 273 m, situado actualmente na avenida do Xeneralísimo, parroquia de Santa Cristina, municipio de Cospeito (Lugo). Estrema: norte e sur, en liña de 21 metros co predio do que se segrega; leste, liña de trece metros con estrada de Rábade e Moncelos; e oeste, en liña igual á anterior, con camiño público que da Feira do Monte conduce ó Agro de Ardilleiros.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba no tomo 150, libro 21, folio 198, predio nº 1934, inscrición 3ª.

6. A favor do Concello de Vilar de Barrio do dereito de uso dun edificio de planta baixa, que ocupa a totalidade do soar de 100 m sobre o que se asenta, no sitio ó que lle chaman Solares del Toral, hoxe avenida San Fiz, nº 51, municipio de Vilar de Barrio (Ourense). Estrema o conxunto: norte, predio matriz, terreo municipal; sur, predio matriz, hoxe Eloy Dacal Janeiro; leste, estrada de Vilar de Barrio ós Milagres, hoxe avda. San Fiz; e oeste, predio matriz, hoxe monte comunal.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Allariz no tomo 278, libro 29, folio 123, predio nº 4149, inscrición 3ª.

7. A favor do Concello de Ribadumia do dereito de uso dun predio situado no lugar de Escusa, nº 11, hoxe nº 25, da parroquia e municipio de Ribadumia, que ten unha superficie total duns 500 m e sobre o que existen dúas edificacións de planta baixa, unha que ten fronte á estrada de Caldas de Reis que mide 181 m, e outra cara ó oeste da parcela de 99 m.

Este predio correspóndese cunha zona excluída do proceso de concentración parcelaria da parroquia de Ribadumia, quedando actualmente cos seguintes lindeiros: norte e oeste, parcela nº 743, masa sobrante de concentración parcelaria; sur, parcela sobrante de concentración nº 743 e parcela nº 742 adxudicada a Manuel Núñez Pintos; e leste ou fronte, coa estrada de Noalla a Caldas de Reis.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Cambados no tomo 1025, libro 75, folio 167, predio nº 9996, inscrición 1ª.

Artigo 2º.

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de res

ponsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de vintecinco millóns de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º.

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda